Nosa Enerxía: de mal en peor

Logo do relato feito neste blog fai pouco pouco máis dunha semana, celebrouse a Asemblea Extraordinaria de Nosa Enerxía coa finalidade de substituír á metade do anterior Consello Reitor.

Tal como tiña previsto -e anunciado-, ao comezar propuxen emprender unha acción de responsabilidade contra os membros do Consello Reitor que non dimitiron e outros que formaban parte do anterior Consello Reitor pola responsabilidade destes en actos que prexudican seriamente a actividade da Coop. Cando me dispuña a explicar as razóns levantou a man un dos supertacañóns de Espazo Coop, Tino Gago, presentes por vez primeira nunha asemblea, para pedir ao Presidente, que nin presidente é, que seguise coa orde do día e este, así o fixo, seguindo coa orde do día e impedíndome exercer un dereito recoñecido por lei e estatutos a calquera socio dunha cooperativa.

Que alguén que é xerente de Espazo Coop, a Unión que máis cooperativas aglutina en Galiza, interveña para impedir a un socio que exerza os seus dereitos, pode explicar porque esta unión de cooperativas esmorece e son cada vez menos os que a conforman.

Pero hai máis, no Consello Reitor no que se preparou esta asemblea, pediuse por activa e por pasiva que houbese proxector na sala, pois algúns tiñamos preparadas presentacións que podían ser relevantes para que os socios presentes coñecesen como funciona a coop. coas persoas que permanecen nos seus cargos: incumprindo a lei e estatutos, mentindo aos socios, ocultando datos, etc. etc. Esta era a miña presentación para promover a acción de responsabilidade:

Notas Para Exercer a Acción de Responsabilidade by xose dorrio on Scribd

Celebrouse pois a elección de novos conselleiros sen que puidera antes presentarse a devandita acción, que podía provocar, de ser aprobada, incluso sen ser aprobada, o cese doutros dos membros do Consello Reitor non dimitidos.

Na miña presentación, como podedes ver, por extractos quitados da Lei de Cooperativas de Galiza e dos Estatutos de Nosa Enerxía, explicaba en que consistía a acción de responsabilidade, quen é competente, calquera socio; en que circunstancias pode facerse, a falta de dilixencia dos conselleiros; como pode facerse, sen necesidade de estar na orde do día; como debe facerse, mediante voto segredo;… amosaba as comunicacións da CNMC onde esta se deixa ben clariño a falta de dilixencia, o que foi a multa e o que puido ser, desde 600.000 a 6.000.000 de euros si non chega a recorrerse, entre outras cousas que veremos máis polo detalle máis adiante. Agora imos parar coa multa.

Cumpre subliñar que moi poucos dos socios dos presentes emitiu queixa algunha polo feito de non seren informados desta multa nin as circunstancias que nos levaron a ela… tampouco se criticou a falta de dilixencia do anterior Consello Reitor. Iso si, os mesmos que calan ante esta desinformación queixanse logo de que se teñan publicado neste blog… como si se tratase dun asunto confidencial. Ignorantes! As multas da CNMC son de dominio público.

Ángel, daquela secretario, pide a palabra e explica que ocorreu coa multa. Di que recibiron a comunicación da CNMC e decidiron asesorarse antes de facer nada (o que se lle pidía era que rexistraran a Coop. no REMIT, un ficheiro de operadores no mercado de enerxía), é dicir, que preguntaron a ENARA, anterior provedor de enerxía, e a GOIENER, o actual proveedor, logo do cal e segundo o consello destes, decidiron non rexistrar a Coop. Ninguén lle deu consello por escrito. Casualidade? Non. Por iso resulta pouco crible esta versión.

Si o que che pide a CNMC é que vaias a unha páxina web e insertes os datos da Coop. para que figure como un operador máis do mercado, isto é, a acción que che esixen consiste en meter uns datos nun ficheiro, sen custe algún para Coop., que sentido ten realizar dúas accións de asesoramento para determinar si se inscribe ou non a Coop. nese rexistro? O que non contan é que ao tempo tiñan o certificado dixital caducado. Outra falta de dilixencia… e van…

Podería entenderse esa solicitude de asesoramento si ese rexistro tivese un alto custe para a Coop. Xa digo, o custo era cero. Podería entenderse a procura de asesoramento si esa solicitude de rexistro viñese dun ente estraño. Xa digo, viña da CNMC. Sen dúbida, a versión máis crible, é que non fixeron nada cando recibiron esa comunicación. Nada. Absolutamente, nada.

Por iso é que a Asemblea debería, primeiro aceptar esta solicitude, e logo votar a favor de exercer a acción de responsabilidade dos conselleiros, pois o que fixeron foi cometer unha falta moi grave. E que o que estes fixeron foi unha falta moi grave, non o digo eu, que tamén, dio a propia multa. Debería terse votado, si, tal e como recoñeceu, máis tarde, na propia asemblea, a outra supertacañona de Espazo Coop, Rosa Álvarez, iso si, quedou sen votar e os dereitos deste socio, e de tódolos socios, foron botados ao lixo grazas a un presidente neglixente e ao consello interesado (eles defenden o seu cheque de 600 € anuais, para min un atraco a man armada) dos membros de Espazo Coop. En fin…

Outra das cousas que pretendía denunciar nesta acción é o mal funcionamento do Consello Reitor, que non funciona como tal e que, malia ser o único órgano de goberno dunha Cooperativa, enterevámonos de moitas cousas a través da prensa, como que o Presidente estaba probando un coche eléctrico en Alemaña. Pretenderá agora colarnos a tódolos socios os custes dunha viaxe na que non contou coa aprobación do Consello Reitor? Pois seguramente,… e non sería a primeira vez.

Pablo Álvarez é un presidente viaxeiro, tocaio daquel papa que percorría o mundo a conta do cepillo dos seus feligreses. Este faino a conta do recibo da luz dos clientes de Nosa Enerxía (entre os que el non se atopa, para máis colmo). Seguro que aquel papa tampouco botaba moedas no cepillo…

O que me demostrou neste tempo no que compartimos Consello Reitor é que se trata dunha persoa autoritaria que actúa ao marxe do órgano de administración, controla toda a información que entra a Cooperativa entre el e Ángel, administrando a dirección física da Coop., que é o seu propio domicilio, os enderezos de correo electrónico públicos e a liña de teléfono da propia Coop. O resto de membros do Consello Reitor só accedemos a información que a eles lle convén, ou cando lle convén, cando procuran axuda por unha metedura de zoca súa, claro. Así nos enteramos dalgunhas cousas que se publican aquí, senón, nin iso, seguiríamos ignorando tanta inutilidade…. como que Nosa Enerxía apoiou a reforma duns estatutos da Unión Renovables sen consultar nada cos seus socios e conselleiros, simplemente porque así o quixo Juan Pablo “O viaxeiro” ou que, sen consultar con ninguén, unha vez máis, Nosa Enerxía entra no Consello Reitor de Espazo Coop, porque a el lle ofreceron ese posto. A cambio, ocúltase aos socios que nos suben a cota anual de 96 € a 600 €. Normal que o dúo cómico desta Unión que acudiu a última asemblea extraordinaria estivese tan interesada en que esta acción, nin sequera fose presentada. Vaia elementos! Pero todo isto non é nada novo, esa actitude “presidencialista” de Pablo Álvarez non é nada nova, vén… de sempre, vaia, dende a primeira Asemblea de Nosa Enerxía:

 

 

Nesta última asemblea, presentáronse a formar parte do Consello Reitor, entre outr@s, dous socios cos que a Coop. ten obrigas, Brais de En Común, e Asier de Ítaca. Aproveitei para lembrarlle a estes dous socios, e o resto de soci@s presentes, que non se pode usar o Consello Reitor para defender intereses persoais, que calquera obrigación que nace entre a Cooperativa e calquera membro dun Consello Reitor debe ser aprobada pola asemblea (ver páxina 15 da presentación), non por eles mesmos. A verdade, non agardaba que se presentasen socios con intereses persoais na Coop., cando esta foi unha das fontes de conflito no Consello Reitor que viña de presentar a súa dimisión. Parece que non aprendemos nunca…

O anterior Consello Reitor decidiu contratar a Ángel Montero, membro do Consello Reitor, malia a prohibición da Lei de Cooperativas de Galicia. Así o lembrei nesta Asemblea Extraordinaria.

A miña capacidade de sorpresa non deixa de verse desbordada coa capacidade que ten para mentir o Presidente “que non é presidente” desta Coop. Teño que subliñalo… É impresionante a súa capacidade para o engano, a frialdade con que o fai, a tranquilidade coa que minte, sen desviar a mirada, sen expor ante o público xesto algún que poida por en dúbida a súa versión. Crédeme que incluso chegou a convencerme a min cando afirmou: “A contratación de Ángel foi aprobada pola asemblea do ano pasado”.

Como puido afirmar tal cousa cando nin na orde do día desa asemblea figuraba tal cousa nin, eu que estaba alí, vira que a persoa aludida en ningún momento se ausentara daquela asemblea, como é obriga cando se trata dun asunto que afecta a un dos seus membros? Como puido afirmar que na Asemblea que se celebrou o 24 de xuño de 2017 se votou a contratación deste membro do Consello Reitor, cando seu contrato di que foi asinado un mes antes, a finais de maio de 2017? Así trata aos socios este elemento, con desprezo… e os seus compañeiros de viaxe, José Ramón, Ángel e Geni, tamén, apoiandoo.

Cales son as consecuencias dun feito coma este? Para os que din que canto eu afirmo son opinións, recoméndolles que lean un chisco máis. Aos que son conselleiros, nin debería dicirllo, pero deberían saberse a lei e os estatutos de memoria, especialmente aos que xa levan anos nisto… pero nada. Eles ignórana, no mellor dos casos, sáltana noutros… e queren que @s soci@s de Nosa Enerxía non saiban nada. Non é unha opinión dicir que a Lei de Cooperativas de Galiza afirma que tódolos actos realizados nestas circunstancias “sen a mencionada autorización (da Asemblea) son nulos de pleno dereito”… “e darán lugar ó cesamento do Conselleiro”. Pois si amigos… na pasada asemblea tiñamos que elixir a un Conselleiro máis, polo menos, porque Ángel Montero debería ser cesado ipso facto! Grazas aos cómicos de Espazo Coop, isto non puido facerse, pois bloquearon a miña acción, que debía ser tratada previamente a renovación de cargos.

Pero se este feito, un feito, non unha opinión, é motivo do cese deste Conselleiro, tamén é motivo para esixir responsabilidade ao resto de membros do Consello Reitor, e polo tanto, o seu cese fulminante.

Non é doado sacar iniciativas así adiante cando a maioría das persoas que participan neste tipo de asembleas conforman un grupo de amigos e/ou forman parte da mesma organización política… Si, ás malas prácticas da política ás que algún membro tivo a pouca gallardía de aludir fai unhas semanas nas redes, pero que eles ben que practican. Lembremos pois, é preciso, que esta persoa contratada por Nosa Enerxía é coportavoz de Equo Galicia, que os membros do tribunal de selección para o devandito posto de traballo eran de Equo, e que el non era o único integrante do Consello Reitor membro desta organización política. Logo virá o Sr. Mandaio a falar de golpes de estado doutras organizacións políticas,… e digo eu, da súa propia, el confesoume que pertencía a esta, non ten nada que dicir?

Falaba máis arriba do Presidente que non é presidente. Non o dicía de broma (ver diapositiva 16 da presentación): “o Presidente e o Vicepresidente deben ser elixidos pola asemblea xeral, agás que os estatutos dispoñan expresamente que poderán selo polos membros do Consello Reitor”. E que din os Estatutos de Nosa Enerxía? Diapositiva seguinte (a 17): “Os cargos do Consello Reitor (todos) serán elixidos pola asemblea xeral”. E como foron elixidos todos os cargos? Pois ao xeito en que Nosa Enerxía fai as cousas: incumprindo a lei e os estatutos, isto é, foron elixidos polos membros do Consello Reitor.

Vale que a maioría de socios cheguen a unha asemblea descoñecendo estas normas. É pasable! O que non ten pase algún é que ningún membro do Consello Reitor collera a Lei e os Estatutos e fixera cumprilos… e si non se fixo foi porque os membros do Consello Reitor, membros que levaban anos nos seus cargos, descoñecían completamente as normas polas que se rexen.

Dicía tamén, neste mesmo post, que Pablo, o Presidente que non o é, é un mentirao de altura. Velaquí outra das razón polas que secuestraron o proxector na sala onde se celebrou a última asemblea, para que os socios non puideran ver o que pasou na Asemblea Xeral do 30 de xuño:

Brais, de En Común, presenta as contas. Ao finalizar hai unha rolda de preguntas, na que intervén varios socios. Tamén eu.
Pregunto: Porque non levamos unha contabilidade separada entre clientes que son socios e terceiros clientes (os que non son socios)?
Respóndeme: Que eu saiba non temos clientes non socios.
Retruco: si temos.
Respóndeme: Primeira noticia que teño.
Retruco: Non pode ser, comenteino varias veces no Consello Reitor e a Pablo, persoalmente, para que cho dixeran.
[Pablo, o presidente viaxeiro e mentirao nega visiblemente coa cabeza]

E ante isto só queda mostrar, en aras de esclarecer a realidade, os rastros que quedaron destas manifestacións nas nosas conversas (obviamente, das conversas telefónicas non quedan rastro, nin nas de skype, nin nas presenciais, nalgunha das cales tamén lle recordei todo isto)

A min que me mintan non me gusta nada… pero a algúns/has soci@s parece que lle agrada. A solución non creo que sexa botar ao xestor que fixo mal as contas, como dicía Geni nun alarde de hipocrisía no último Consello Reitor ao que asistín, a solución pasa por facer unha limpa xeral na Coop. que non deixe rastro algún de tantas irregularidades, ilegalidades, neglixencias, falta de dilixencia, nepotismo, mediocridade, etc. que, como xa dixen noutra ocasión, só poden conducir a que pagues a enerxía máis cara do mercado, cando a renovábel é a máis barata. Ou, que outra cousa se pode agardar dun grupo de xente así?