Que está ocorrendo en Nosa Enerxía Sociedade Cooperativa Galega? (IV- os egos)

Nunha organización ampla, ou que pretenda selo, os relevos deben estar a orde do día. De feito así é nas cooperativas deste ámbito que mellor funcionan, onde os cargos non acostuman a durar máis de dúas lexislaturas consecutivas. Unha das miñas propostas de actualización dos estatutos de Nosa Enerxía ía por ese camiño: duración máxima nos cargos de dúas lexislaturas, de dous anos cada unha, renovación por metades dos cargos, para non dar lugar a cambios traumáticos dos órganos de goberno, e unha relación de incompatibilidades das persoas electas para estes cargos que garantan que as persoas que os ocupan só teñan un interese: a cooperativa e os seus socios usuarios. Somos unha cooperativa de usuarios e a defensa dos seus intereses non é só un obxectivo, é unha obriga.

Para a miña sorpresa, esta reforma de estatutos que limitan a permanencia nos órganos da Coop. só foi mal acollida por aqueles que máis tempo levan ocupando postos no CR, mentres que foi ben acollida polos que acababamos de chegar (e hoxe dimitidos). Para o meu asombro, ao falar sobre o fondo da cuestión deste asunto, algún dos que levan tempo no seu cargo chegou a dicir que a renovación dos cargos é necesaria, pero que noutras Coops. as persoas que pasaron por estes cargos acabaron contratados na súa cooperativa, é dicir, entenden que o cargo, voluntario, é un mérito, por si, para acabar sendo persoal laboral da Coop. Lamentable. Si ben, explica un pouco o que sucedeu coa primeira oferta de emprego de Nosa Enerxía, da que falarei no seguinte artigo.

Entendo que as persoas que no seu día formaron parte dos consellos reitores de GOIENER e SOM ENERGIA -sináloas porque eran as Coops. ás que se refería- están contratados hoxe en día nas súas organizacións polo bo traballo que fixeron, non polo feito de estar no seu CR. Repito, estas persoas foron contratadas polas súas organizacións polo bo traballo feito, non polo feito de estar nun cargo. Lembremos GOIENER ten arredor de 9000 socios, SOM ENERGIA 50.000. Algo farían ben eses conselleiros que non se fixo en Nosa Enerxía.

As cooperativas están gobernadas por un órgano colexiado, o Consello Reitor. Así o establece a Lei de Cooeprativas de Galicia. As funcións do presidente son escasas: presidir a Coop., presidir o Consello Reitor, representar a Coop., conducir a Asemblea Xeral, convocar ao Consello Reitor, que non decidir a orde do día, como chegou a suceder recentemente, negando a un conselleiro a introdución de puntos na orde do día… e pouco máis. Sen embargo, Nosa Enerxía é unha Coop. totalmente presidencialista: todo pasa lo presidente e practicamente todo o decide el.

Fai máis dun ano someteuse a consulta dos socios a que asociación de cooperativas queríamos sumarnos. Había tres opcións: ESPAZO COOP, REAS e RESCOOP. Gañou a primeira. Na información que se achegaba sobre cada unha das cooperativas dicíase cal era o custe de sumarse a unha ou outra: os socios elixiron a máis barata, si ben o precio definitivo no era o que se deu: informabase que o custo estimado sería de 72 €/ano, cando rematou a constitución definitiva de Espazo Coop, puxeron unha cota de 96 €… pero este ano acabamos pagando 600 €, iso si, sen sometelo a consulta dos socios nin do Consello Reitor.

Outro asunto que o presidente non someteu ao Consello Reitor nin aos socios é a pertenza, aprobación e/ou reforma de estatutos da Unión Renovables. Iso si, o seu custo, 900 € ao mes, pagámolo todos do noso peto. Dous chiringuitos máis que nos encarecen o recibo da luz, pero que nos aportan pouco como consumidores da nosa Coop.

Por certo, puiden estar presente na última reunión da Unión Renovables que se celebrou no Concello de Moaña e tódolos socios da Unión traían instruccións do que debían votar en cada punto da orde do día, dadas polos seus consellos reitores e/ou asembleas xerais. Soamente o representante de Nosa Enerxía chegou a esta reunión sen facer consulta algunha aos socios ou ao seu Consello Reitor. Inaudito! Aínda a día de hoxe non se nos achegou acta da reunión ou copia dos estatutos da Unión Renovables que, como socios, tamén nos obriga. Entre estas obrigas da Unión Renovables está a paridade dos seus representantes na mesma, é dicir, debe enviarse un representante de cada sexo as súas reunións. Isto obrigaríanos a facer modificacións estatutarias, obrigando a que presidente e vicepresidenta ou presidenta e vicepresidente, representen aos nosos socios na Unión… e non como consta agora mesmo, onde só a presidencia é a representante legal, ou a vicepresidencia na súa ausencia. É dicir, dun xeito totalmente personalista adóptanse decisións que afectan a toda a nosa estrutura como Coop. sen consulta previa algunha e logo restrínxese a posibilidade de presentar modificacións estatutarias, estas si, someténsoas ao parecer d@s soci@s.

Do mesmo xeito, dende o Consello Reitor non temos coñecemento algún de que asuntos se tratan no Consello Reitor da Unión Espazo Coop. nin cal é o sentido do voto do noso representante, descoñecemos pois como defende os intereses da nosa Coop. nestas organizacións, si é que os defende, ou está a outra cousa.