Que está ocorrendo en Nosa Enerxía Sociedade Cooperativa Galega? (II- a multa)

Unha das taras máis grandes de Nosa Enerxía Sociedade Cooperativa Galega é a participación. Na última Asemblea Xeral Ordinaria non chegabamos a 40 persoas presentes, que con votos delegados sumabamos un total de 69 socios. 69 de 550 socios non é moito para un acto, o de asistir, que é obrigatorio para todo socio polo mero feito de selo. Claro que as facilidades de participación son poucas (período estival, longos desprazamentos,…).

É por iso que a maioría dos socios descoñecen moitas das cousas que ocorren na súa Coop., porque se lle nega esta información malia que algún membro do Consello Reitor solicite o envío desta. É o caso da multa que comentaba no post anterior. A día de hoxe podemos dicir que a cantidade é irrisoria (1.800 €) pois a primeira comunicación estimaba unha multa entre 600.001 euros e 6.000.000 de euros. Finalmente a multa foi de 3.000 € e quedou reducida nun 40% por pronto pago. É evidente que non poderíamos facer fronte a multa mínima coa que nos ameazaban na primeira comunicación cos fondos da Coop. e que, de non ser polo recurso presentado, probablemente, a día de hoxe a Coop. tería que por fin a súa actividade.

Tanto na carta na que se nos comunica a incoación do procedemento (tamén na CNMC)como na carta na que se nos confirma a sanción da CNMC, queda de manifesto a falta de dilixencia dos responsables da Coop. e, nomeadamente, do seu presidente, en cuxo domicilio figura a sede da Coop. e onde é que esta recibe a correspondencia. Esta falta de dilixencia evidenciase no feito de que a carta na que se nos advirte a necesidade de inscribir a Coop. nos rexistros da OMIE xamais apareceu, por máis que se lle insistira ao presidente para poder preparar o recurso axeitadamente. Xamais!

Comunicación da incoación do procedemento sancionador pola CNMC

 

Comunicación da sanción a Nosa Enerxía por parte da CNMC

Esta non é a primeira multa que recibe a Coop. Descoñezo as circunstancias en que se produciron as outras multas anteriores, pois xamais aos socios se nos presentaron as devanditas resolucións, pero si sei por esta, cando menos por esta, a pouca dilixencia coa que actuaba o anterior Consello Reitor. O problema para Coop. non son agora mesmo eses 1800€ que tivemos que pagar os socios pola falla de dilixencia do Presidente, o problema é ter un presidente que pretende ocultarnos estes feitos, tanto a multa como as circunstancias nas que se produce: un descarada falta de dilixencia. O problema, insisto, é que esa forma de proceder se repita no futuro como xa se repitiu no pasado.

Outro caso que deixa de manifesto tanta indolencia é o feito de que, unha vez preparado o recurso e ante a obriga de presentalo na sede electrónica da CNMC, encontrámonos con que tiñamos o certificado dixital caducado. Tivemos que recorrer a un terceiro, a Coop. En Común, para que o presentase por nós.

Como comentaba máis arriba non é a contía dunha multa asumible pola Coop., senón as circunstancias nas que se producen e que, atendendo a feitos recentes, como a presentación de novos proxectos por parte da Coop., sen memoria económica, sen ter estudado o marco legal no que se van a desenvolver, custa crer que esteamos libres de novas multas no futuro. A modo de exemplo, preséntase un proxecto de produción de enerxía solar en Paradela, con data de inauguración e todo para este mesmo mes, cando nin sequera se iniciaron por parte da Coop os trámites burocráticos para ser produtores, trámites que requiren un longo período até sermos autorizados para producir enerxía. Unha autorización que é indispensábel! Autorización que tamén é necesaria para ser simplemente intermediarios… e nese proxecto tamén se fala de que seremos intermediarios. Todo un despropósito que obriga a por en dúbida a viabilidade de Nosa Enerxía, pois dubido que as autoridades reguladoras do mercado eléctrico non sempre van ser tan condescendentes connosco como o foron coa multa que aquí se relata.

A comunicación desta multa tiña que chegar a tódolos socios xunto coa convocatoria da asemblea extraordinaria, tal e como solicitei no derradeiro Consello Reitor, sen que ninguén se opuxese a isto, é máis, entendo que co apoio maioritario dos presentes, si ben é algo que non chegou a votarse. A miña sorpresa é que non aparece este documento nin na convocatoria nin na seguinte corrección de erros, onde se achegan documentos que non se van tratar nesta convocatoria.

O motivo da miña petición é o anuncio no derradeiro Consello Reitor da presentación dunha acción de responsabilidade (artigo 51 da Lei de Cooperativas de Galicia) contra o Presidente e o resto de membros do anterior Consello Reitor con motivo desta multa e para que todos os socios tivesen de antemán toda a información relativa ao asunto. Unha vez máis, a resposta do presidente é censura ao conselleiro discrepante e ocultación de información aos socios. Pero isto non é todo…