Si teño que definir a xustiza en Ourense pola miña propia experiencia persoal abondaría cunha palabra, o seu antónimo. Si quixera afondar máis, podería dicir que é un apéndice dos poderes político, económico e mediatíco desta cidade. Uns títeres útiles aos seus intereses. Xa noutra entrada falara dunha querela que presentei contra un abogado desta cidade, mediocre como a inmensa maioría, por un erro -mira que son condescendente- moi grave: é dicir, por cometer deslealdade profesional. O xuíz que leva este asunto xa arquivou a querela nun par de ocasións e, a Audiencia Provincial, noutras tantas veces, ordenoulle reabrir o caso e continuar coas dilixencias.
Da última vez, arquivou a querela sen chegar a presentar unha proba que antes estimara pertinente. Esa proba é un informe de Fiscalía que debería constar nos autos doutro asunto e que, por razóns descoñecidas, non aparece por ningures: nin no auto, nin na Fiscalía. Pois ben, posto que non aparece, meu abogado considerou pertinente que o xuíz identificase ao Fiscal que fixo o informe e que o chamase a declarar. A resposta é a que ven aí máis arriba: “no ha lugar a lo interesado por ser absolutamente impertinente”. A min si que non me quedou dúbida de quen é absolutamente impertinente (entre outras moitas cousas).
Di o profesor Mariano Yzquierdo Tolsada que si os clientes souberan por que os seus avogados perden os preitos “habería tantas sentenzas de responsabilidade civil de avogados como as hai de médicos”. En Ourense non é doado atopar sentenzas nas bases de datos sobre este delito contra a Administración de Xustiza, a deslealdade profesional. O CENDOJ devolve un único resultado no que o acusado resultou absolto. A acusación era o Ministerio Fiscal. O acusado un procurador (andívolle preto). Semella un feito paranormal, certo. En cambio, si se poden atopar multitude de sentenzas relativas a neglixencias médicas, por poñer o mesmo exemplo comparativo que utiliza o profesor Yzquierdo. Calquera cidadán pode corroborar este feito no buscador de xurisprudencia do poder xudicial. Logo de comprobalo non sería atrevido dicir que os profesionais que exercen a avogacía ou a procuradoría en Ourense rozan a perfección. Nin un erro, nin unha neglixencia no seu haber que os levasen a ser xulgados por deslealdade profesional dende que este delito foi tipificado en 1995 (antes era coñecido como prevaricación do avogado). Non está nada mal para tratarse dunha figura delictiva tradicional da nosa historia lexislativa, que se remonta, na súa orixe, ao Dereito Romano.
Ao meu parecer non é certo que este colectivo sexa “tan bo”. Ocorre que a realidade se ve deformada pola conduta do propio cliente, que gaba ao seu avogado cando gaña un preito e cala cando o perde. A verdade agochámola nós.
A deixazón de funcións é un habito naqueles bufetes que están máis atarefados, especialmente no caso de avogados corporativos, eses que traballan para grandes compañías: aseguradoras, especialmente, telecomunicacións, eléctricas, etc. Aceptan máis carga de traballo da que poden soportar e, moitas veces, defenden intereses contrapostos, segundo a vaca que mungan. Esa deixazón fai que non se presenten recursos a tempo, que non se presenten probas determinantes, que non se prepare cada caso co celo esixido, etc. E isto trátase dun delito, un delito de deslealdade profesional tipificado no artigo 467 do CP, que condena calquera conduta que lles sexa esixible a avogados ou procuradores que, xa por acción ou omisión, prexudiquen de forma manifesta os intereses encomendados.
A confianza depositada no profesional é unha barreira para sacar estes casos a luz. Tratase, moitas veces, dunha confianza depositada durante anos, mesmo legada de pais a fillos, como ocorreu no meu caso. Arredor de 20 anos confiando os asuntos da familia a unha persoa: José Carlos González Fernández. Hai que recoñecer que esa confianza fai baixar a garda e lévanos aos clientes a deixar que o profesional faga o traballo ao seu antollo, créndoo dilixente, cando non o é. Esa mesma confianza é a que nos fai crer todos cantos argumentos utilice o profesional para xustificar un preito perdido: que si a outra parte ten moita influencia na xudicatura, que si a xuíza ou xuíz é pouco proclive a atender os razoamentos da parte máis feble, etc. Todo para ocultar que na realidade non fixo ben o seu traballo.
Na maioría dos casos os clientes dun avogado non dispoñen dos coñecementos xurídicos que lles permita fiscalizar a súa actuación no proceso, para o cal é preciso solicitar no xulgado copia de todo o actuado (autos, rollos, etc). Foi así como descubrín o deslealdade profesional do meu avogado. Tampouco hai moitos profesionais dispostos a facer frente a estes casos, moito menos si se trata de avogados da mesma provincia. Por iso, cando un avogado descargue a responsabilidade da perda do asunto calquera, no mal funcionamento da xustiza, cumpre pórse alerta, sendo aconsellable unha revisión a fondo de todo o proceso por un profesional alleo ao colectivo ao que pertence o letrado.
Barreiras?
A primeira barreira, como comentaba antes é o propio colectivo. Malia contar cun goberno colexiado que ten a obriga por velar polas boas prácticas dentro do colectivo, pola miña experiencia, podo afirmar que o que fan realmente, e refirome ao Colexio de Avogados de Ourense, é tapar todo o lixo que provocan os seus profesionais. Por máis evidente que sexa o erro eles verán unha labor perfecta. Seus membros, e falo en concreto dun deles, Antonio Valencia, son capaces de mentir mesmo nun procedemento criminal, cometendo perxurio, para protexerse.
A Fiscalía parece estar tan só para seguir asuntos de índole política e ignora a defensa de bens de dereito público, como é a defensa do bo funcionamento da xustiza. Polos informes da Fiscalía achegados a causa que eu presentei semella que nin leron a documentación e limítase a sinalar que non ve indicios de político. É dicir, nula dilixencia. Nunha entrevista co Fiscal, Carlos Valenzuela, que leva esta querela, este recoméndame que leve o asunto a vía civil. De tolos. Si existe un erro este debe ser recoñecido en calquera vía, civil ou penal, si é constitutivo de delito… e os erros graves dun avogado constitúen delito.
O Xuíz. Leonardo Álvarez (xa vimos). Pouco podo dicir do que penso sen atentar contra a “súa excelencia”. Así que mellor calar moitas cousas. Creo que pretende escurrir o bulto, que o asunto non saía adiante, se faga público e evitar unha avalancha de querelas contra outros profesionais do sector, co conseguinte incremento de traballo. Facer xustiza? Non está para iso…