Nos últimos días a empresa EcoOurense estivo cambiando os contedores do lixo, retirando eses de plástico “de toda a vida” por uns novos, xigantes e moi bonitos.
Non sei cantos cidadáns se decatarían, aparte de quen os sofre -pois hai tamén quen os desfruta pois ao ser máis grandes hai menos e máis espazo para aparcar-, porque estes contedores novos son unha faena para quen ten pouca mobilidade. Ocórrenseme moitas persoas, xente maior que apenas pode levantar os brazos para botar o lixo tan alto, nenos, persoas con problemas de equilibrio que ten que usar un pé para pisar o “pedal” de apertura, pero tamén nas persoas que por ir en cadeira de rodas nin sequera ten esa posibilidade, nin de perder o equilibrio nin, moito menos, de deixar o lixo dentro do contedor.
Estes contenedores rachan coas normas universais de accesibilidade (Normas uniformes sobre a igualdade de oportunidades para as persoas con discapacidade, a Convención 61/106 de 13 de decembro de 2006 da Asemblea Xeral das Nacións Unidas sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, a Resolución do Consello e dos representantes dos Gobernos dos Estados Membros, reunidos no seo do Consello de 20 de decembre de 1996 sobre a igualdade de oportunidades das persoas con minusvalías, a Lei 13/1982, de 7 de abril, de integración social dos minusválidos, a Lei 51/2003, de 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade, entre moitas outras normas, todas elas do mesmo senso).
Estes contedores parecen máis ben postos adrede para molestar a quen ten problemas de mobilidade que para aforrar cartos e non soterralos como se fai no centro da cidade onde vive “la gente de bien” os neprogres e os neonacionalistas.
O máis triste desta situación é que, logo de varios días instalados por toda a cidade de Ourense, aínda está por vir a primeira denuncia por parte dunha asociación de persoas con discapacidade advertindo da irregularidade cometida, e polo paso atrás dado en canto a accesibilidade nesta cidade. Isto si que non o entendo. Ou si. Tódalas entidades están pendentes das axudas que poidan caer e esquécense de reinvindicar algo que amais de ético é xusto… non vaia ser que o que reparte os cartos se “mosquee”.
- Un artigo relacionado: PLAN Estorbo
Publicada tamén no xornal La Región