CON SUBSTANTIVIDADE PROPIA

Cando unha empresa busca persoal para realizar as súas tarefas encargase de contratalo o Responsable de RR.HH. pero cando unha empresa busca un Responsable de RR.HH. quen se encarga de contratalo? Unha boa pregunta, verdade? Da boa ou mala selección dependerá que a empresa teña un Responsable ou un Irresponsable de RR.HH.

Unha das preguntas obrigatorias en toda entrevista para a selección de un Responsable de RR. HH debería ser: que é a substantividade propia?

A substantividade propia é un dos requisitos indispensables para poder realizar un contrato por fin de obra. Pero que é? En Galiza fanse contratos por fin de obra a esgalla, non só na empresa privada senón tamén -e diría que especialmente- na empresa pública e na administración pública. Saben os Responsables -ou Irresponsables, segundo saiban respostar acertadamente a esta cuestión- de RR.HH. o que é a substantividade propia?

Non é algo que veña definido no dicionario -de ningunha lingua, podédelo comprobar- nin en ningún código lexislativo. A substantividade propia e un dos conceptos abstractos, entre milleiros, que se utilizan na redacción de leis. Este aparece no artigo 15.a) do Estatuto do Traballador o sinalar que “…cando se contrate o traballador para a realización dunha obra ou servizo determinados, con autonomía e substantividade propia dentro da actividade da empresa e cunha execución, aínda que limitada no tempo, en principio de duración incerta”. Que é iso?

So hai unha resposta válida a esa pregunta: a que ofrece a xurisprudencia pois, na actualidade, a substantividade propia é un concepto que non ofrece ningún tipo de conflito xurídico entre diferentes sectores doutrinais. Todos están de acordo… agás algúns xuíces de primeira instancia, algúns dos inspectores de traballo e os que en realidade son Irresponsables -e non responsables- de RR. HH. de certas empresas, públicas e privadas, así como de certas administracións.

Toda contratación por fin de obra debe reunir tanto os requisitos esixidos pola lei como pola xurisprudencia (ver Sentenza do Tribunal Supremo de 24 de abril de 2006 sobre Fraude de Lei), sobre todo os esixidos por esta última, que son:

a) Que a obra ou servizo que constitúa o seu obxecto, presente autonomía e substantividade propia dentro do que é a actividade laboral da empresa;
b) Que a súa execución, aínda que limitada no tempo, sexa en principio de duración incerta;
c) Que se especifique e identifique no contrato, con precisión e claridade, a obra ou o servizo que constitúe o seu obxecto; e
d) Que no desenrolo da relación laboral, o traballador sexa normalmente ocupado na execución daquela ou no cumprimento deste e non en tarefas distintas.

Segundo esta Sentenza, así como moitas outras, como por exemplo a Sentenza do Tribunal Superior de Galiza de 10 de xuño de 2008, deixan moi claro que tarefas ten substantividade propia:

Ten substantividade propia dentro dunha empresa -ou administración- tódalas tarefas que non sexan habituais, normais ou permanentes.

Este pequeno detalle marca a fronteira entre un contrato legal e un contrato realizado en fraude de lei (Artigo 6.4 do Código Civil). Que supón para unha empresa un contrato en Fraude de Lei? A obriga de transformar o contrato temporal de fin de obra nun contrato indefinido de acordo co Artigo 15.3 do Estatuto do Traballador:

Presumiranse por tempo indefinido os contratos temporais celebrados en fraude de lei.

… De aí a importancia de saber seleccionar a un Responsable de RR. HH. Non facelo ben sería unha irresponsabilidade por parte do empresario ou responsable político do momento.

Actualización a 6 de outubro de 2008

Achego copia dun artigo moi interesante de José María Lastras publicado en El país e acerca dos contratos de fin de obra en relación coas contratas feitas polas administracións públicas.

clica na imaxe para agrandar

1 comentario en “CON SUBSTANTIVIDADE PROPIA”

Os comentarios están pechados.