Fogos de artificio

Thomas Frank, comentarista político estadounidense, presentaba nun dos seus libros, o publicado en 2004, What’s the Matter with Kansas?, a sombría imaxe duns votantes de clase traballadora repetidamente estafados mediante o recurso a puros fogos de artificio:

O truco nunca falla, a ilusión nunca se disipa. Votade contra o aborto, recibiredes unha rebaixa dos impostos sobre os beneficios do capital; votade para que o noso país volva a ser forte, recibiredes desindustrialización; votade para que se “cepillen” ós profesores de universidade politicamente correctos, recibiredes desregularización do subministro de enerxía eléctrica; votade para quitarvos de encima o peso do goberno, recibiredes conglomerados empresariais e monopolios en todas partes, dende os medios de comunicación ata a industria cárnica; votade para plantarlle cara ó terrorismo, recibiredes tentativas de privatización da Seguridade Social; votade para darlle unha boa as elites, recibiredes un orden social no que a riqueza se atope máis concentrada do que xamais o estivo nas nosas vidas, no que os traballadores se viron desposuídos de todo poder e no que os directores das grandes empresas reciben soldos máis alá de todo o imaxinable”.

Esta imaxe que Tomas Frank nos dá da realidade estadounidense resulta moi semellante a que nos queren debuxar dende o movemento conservador galego e español que, ó caso, ven sendo o mesmo. Puidemos velo nas derradeiras eleccións, tanto galegas como europeas, nas que o PP expande unha mensaxe pública na que abundan referencias ós ataques ó castelán, ó terrorismo, a unidade de España, a carga impositiva das familias, a laicidade da ensinanza, o dispendio dos responsables da administración pública,… e, como non, ó aborto. Baixo esta mensaxe pública agóchase outra, unha mensaxe oculta: reducir impostos ós máis ricos, máis externalizacións, privatizacións e/ou redución de servizos sociais, aniquilación das linguas e culturas minoritarias, control institucional do ensino, desregulación do mercado,… Encobren con retórica populista os intereses económicos dunha minoría.

O movemento conservador, afirma Paul Krugman, “ten unha habilidade especial para explotar en proveito propio cuestións que afectan emocionalmente ó electorado –o mesmo que tradicionalmente fixo o nacionalismo, só que agora tocando en tódolos campos que atinxen a todo ser humano-, así como a súa propia hipocrisía ó establecer as súas auténticas prioridades de goberno”. Aquí, hai que sinalar que os conservadores españois, coa FAES como tanque de ideas, son uns alumnos avantaxados, a nivel mundial, dos neocons norteamericanos. Eles, mellor que ningún outro, aprenderon a gañar eleccións explotando a cara oculta da cidadanía, isto é, os seus resentimentos sociais e culturais. Logo contan, por suposto, cun importante poder mediático en tódolos niveis, local e estatal, para facer que a súa mensaxe sexa a dominante. Unha vez posta en marcha os demais medios non afíns vense arrastrados, non tendo máis saída que seguirlle o xogo. Non facelo podería reverter nunha perda importante de lectores. Os demais partidos tampouco poderán ignorar a mensaxe pois ignorala podería trasladar a cidadanía unha imaxe de fuxida e falla de capacidade para enfrontala.

Hoxe en día, calquera partido que concorra nunhas elección co PP ten que esquecerse de levar a voz cantante nunha campaña electoral. Serán eles sempre quen marquen o ritmo e de saber saír ben parados das súas emboscadas dependerá o éxito acadado.