Fogos de artificio

Thomas Frank, comentarista político estadounidense, presentaba nun dos seus libros, o publicado en 2004, What’s the Matter with Kansas?, a sombría imaxe duns votantes de clase traballadora repetidamente estafados mediante o recurso a puros fogos de artificio:

O truco nunca falla, a ilusión nunca se disipa. Votade contra o aborto, recibiredes unha rebaixa dos impostos sobre os beneficios do capital; votade para que o noso país volva a ser forte, recibiredes desindustrialización; votade para que se “cepillen” ós profesores de universidade politicamente correctos, recibiredes desregularización do subministro de enerxía eléctrica; votade para quitarvos de encima o peso do goberno, recibiredes conglomerados empresariais e monopolios en todas partes, dende os medios de comunicación ata a industria cárnica; votade para plantarlle cara ó terrorismo, recibiredes tentativas de privatización da Seguridade Social; votade para darlle unha boa as elites, recibiredes un orden social no que a riqueza se atope máis concentrada do que xamais o estivo nas nosas vidas, no que os traballadores se viron desposuídos de todo poder e no que os directores das grandes empresas reciben soldos máis alá de todo o imaxinable”.

Esta imaxe que Tomas Frank nos dá da realidade estadounidense resulta moi semellante a que nos queren debuxar dende o movemento conservador galego e español que, ó caso, ven sendo o mesmo. Puidemos velo nas derradeiras eleccións, tanto galegas como europeas, nas que o PP expande unha mensaxe pública na que abundan referencias ós ataques ó castelán, ó terrorismo, a unidade de España, a carga impositiva das familias, a laicidade da ensinanza, o dispendio dos responsables da administración pública,… e, como non, ó aborto. Baixo esta mensaxe pública agóchase outra, unha mensaxe oculta: reducir impostos ós máis ricos, máis externalizacións, privatizacións e/ou redución de servizos sociais, aniquilación das linguas e culturas minoritarias, control institucional do ensino, desregulación do mercado,… Encobren con retórica populista os intereses económicos dunha minoría.

O movemento conservador, afirma Paul Krugman, “ten unha habilidade especial para explotar en proveito propio cuestións que afectan emocionalmente ó electorado –o mesmo que tradicionalmente fixo o nacionalismo, só que agora tocando en tódolos campos que atinxen a todo ser humano-, así como a súa propia hipocrisía ó establecer as súas auténticas prioridades de goberno”. Aquí, hai que sinalar que os conservadores españois, coa FAES como tanque de ideas, son uns alumnos avantaxados, a nivel mundial, dos neocons norteamericanos. Eles, mellor que ningún outro, aprenderon a gañar eleccións explotando a cara oculta da cidadanía, isto é, os seus resentimentos sociais e culturais. Logo contan, por suposto, cun importante poder mediático en tódolos niveis, local e estatal, para facer que a súa mensaxe sexa a dominante. Unha vez posta en marcha os demais medios non afíns vense arrastrados, non tendo máis saída que seguirlle o xogo. Non facelo podería reverter nunha perda importante de lectores. Os demais partidos tampouco poderán ignorar a mensaxe pois ignorala podería trasladar a cidadanía unha imaxe de fuxida e falla de capacidade para enfrontala.

Hoxe en día, calquera partido que concorra nunhas elección co PP ten que esquecerse de levar a voz cantante nunha campaña electoral. Serán eles sempre quen marquen o ritmo e de saber saír ben parados das súas emboscadas dependerá o éxito acadado.

8 comentarios en “Fogos de artificio”

  1. É apolítica do século XXI; á imaxe do que ocorre noutros países. Aquí vaise ao bipartidismo, as grandes maquinarias electorais, que se basean en estudos de mercado, marketing; senón, qué explicación tería xente coma Aznar? e que explicación o seu segundo mandato con maioría absoluta?.
    O problema é que neste noso país, o BNG tentou (opinión propia) seguir ese camiño, un acercamento á socialdemocracia, a buscar a “moderación”, ao marketing,… Penso que é o abandono dunha ideoloxía, dun pensamento que non se pode facer, non hai nada máis perigoso que unha persoa sen ideais.
    As campañas baseanse en aspectos demagóxicos, sen amosar un trasfondo, é certo, pero o que non podemos é dar motivos para esa demagoxia, as veces as árbores non deixan ver a fraga.
    Só unha pregunta: o declive nacionalista, coincide cos pactos co Partido Español (nen socialista, nen obreiro)? ; coincide co acceso aos governos conxuntos con ese partido? ; terá algo que ver? ; diferenciase (diante da xente) o traballo do Bloque co do P.E.? .
    Non sei, quizais sexan apreciacións miñas, non o sei.
    Saudiña

  2. Fixen o comentario anterior sen ler o post: “Algunhas notas…”. Polo que vexo, penso que hai máis de un/unha que pensa coma mín.
    Estou dacordo co sinalado,tanto neste, coma no anterior.

  3. Certamente, non ten desperdicio. Non o lera, pero bueno, é o que hai. Agora só me queda preguntar: para cando a integración no P.E. ? É a ambición do poder polo poder, sen ideas, a única de acadar a moqueta a costa do que sexa. “Teño estes principios, pero si non lle gustan teño outros” . Amosa a súa “capacidade”,… e pensar que este home estivo a dirixir o BNG , indica bastante.
    Bueno, alá eles, “de victoria en victoria ata a derrota final”.

  4. Ah! por certo, no mesmo Xornal (http://www.xornal.com/artigo/2009/06/28/politica/taboas-pide-reformular-bng-achegalo-sociedade/2009062821262857534.html) Táboas non desbota unha muller encabezando o BNG e ela está disposta a ese “sacrificio”. Fai unha chamada a “reformular o BNG”, a “actualización da mensaxe” , en fin, non ten desperdicio. Dame a impresión que comeza unha campaña orquestrada por estes individuos, que agora sí, apoiados por medios amigos coma Xornal buscan o adianto da Asemblea Nacional e a posta nunha situación axeitada para eles.
    Ben, o dito, “alea jacta est”.

  5. Non aprenden. Antepoñendo sempre que é unha opinión moi persoal e que agora falo dende fora, penso que ao BNG nunca lle foi ben nos pactos co Partido (SO) Español, salvo á xente que “se colocou e autocolocou”.
    Lendo o artigo de Quintana se esa é a súa opinión e a dos que “cociñan” o BNG, mal futuro lles auguro.
    Non pensan a caso no calado que poden ter esas opinións en futuros votantes?
    Non se decatan que esa xente pode preguntarse, para que votar ao BNG se podo votar directamente ao outro?
    Só lles falta nun próximo artigo, suxerir ir en coalición para que o sistema d’Hont non os prexudique.
    Cada pobo (partido) ten o goberno que se merece.

  6. Non sei si buscan un adianto, xandaspipas, máis todos sabemos o que buscan: poder. Dende o día seguinte a ANE puxéronse a traballar para a seguinte. Pensaron… si obtivemos este resultado cunha plataforma artellada en catro días que non faremos cunha estrutura permanente. Esquecen que acadaron moitos apoios ó aveiro, aínda, do poder, pero que eses apoios iranse diseminando co paso do tempo, nun casos porque xa non terán nada a cambio que ofrecer, noutros porque descubrirán as súas verdadeiras intencións. En calquera caso trabúcanse. Esa loita non fortalece a organización. Só a debilita. Aínda que a gañen poden encontrarse con que no momento que eles dominen o BNG só queden eles. Triste vitoria. Tes razón Nebra, non aprenden. Non entenden que son eles quen máis están facendo a prol da españolización e do bipartidismo na política galega con esa submisión total o PSOE, dous fundamentos que logo sempre aparecen no escusario posterior a cada comicio electoral para xustificar a perda de votantes.

Os comentarios están pechados.