Preguntas sen respostas

A recorrente escusa da Voz como causa da desfeita nacionalista do 1Marzo só está servindo para crear un mostrou de dúas cabezas, unha (Santiago Rey, o dono do xornal) ó atribuírlle a alguén un mérito que non lle corresponde e, outra, ó permitir, a súa vez, que os verdadeiros culpables consigan zafarse das súas responsabilidades.

É unha dúbida que veño sementando en diversos foros nos que se insidia (ou catapulta, segundo o punto de vista) asiduamente este xornal. Aínda non hai resposta, máis non desespero.

Preguntaba a Antón Bahamonde, hai uns días na súa trincheira, que influencia cría que tivo a RTVG (por non falar de TVE, La Sexta, CNN+, Cuatro, Xornal, Vieiros, El País, Público, e algún outro máis) nas pasadas eleccións galegas?

Non se pode dicir que estes medios se mantivesen ó marxe da disputa política, nin negar a súa influencia nun importante sector da poboación. Aínda non vimos análises rigorosas, con queixiños de cores, ó respecto. Nin virán. Non o fará porque quen si realizou eses estudos para demostrar a influencia de La Voz, probablemente non pretende outra cousa máis que manipular. Un exemplo, o post de Calidonia: de como un xornal bota abaixo un goberno. Onte, ó fío desta chuzada volvín a preguntarme o mesmo: onde están as comparativas de audiencias da TVG, RG, El País,… cos votos do PSOE e BNG? Alguén se cre que estes outros medios foron, son ou serán neutrais? De verdade, alguén se cre que exista un medio que ‘decide’ pola súa audiencia e que os outros non o fan pola súa?

No fondo, a cousa funciona así: como gañou o PP vinculamos a súa vitoria coa información e influencia da Voz. Si fose ó revés dende a dereita estarían acusando a televisión pública de estar manipulada, que o estaba, vaia si o estaba, e os medios privados -Vieiros, Xornal, El País, Público,…- de orquestrar unha campaña sucia contra o PP. O conto é vello.