Preguntas sen respostas

A recorrente escusa da Voz como causa da desfeita nacionalista do 1Marzo só está servindo para crear un mostrou de dúas cabezas, unha (Santiago Rey, o dono do xornal) ó atribuírlle a alguén un mérito que non lle corresponde e, outra, ó permitir, a súa vez, que os verdadeiros culpables consigan zafarse das súas responsabilidades.

É unha dúbida que veño sementando en diversos foros nos que se insidia (ou catapulta, segundo o punto de vista) asiduamente este xornal. Aínda non hai resposta, máis non desespero.

Preguntaba a Antón Bahamonde, hai uns días na súa trincheira, que influencia cría que tivo a RTVG (por non falar de TVE, La Sexta, CNN+, Cuatro, Xornal, Vieiros, El País, Público, e algún outro máis) nas pasadas eleccións galegas?

Non se pode dicir que estes medios se mantivesen ó marxe da disputa política, nin negar a súa influencia nun importante sector da poboación. Aínda non vimos análises rigorosas, con queixiños de cores, ó respecto. Nin virán. Non o fará porque quen si realizou eses estudos para demostrar a influencia de La Voz, probablemente non pretende outra cousa máis que manipular. Un exemplo, o post de Calidonia: de como un xornal bota abaixo un goberno. Onte, ó fío desta chuzada volvín a preguntarme o mesmo: onde están as comparativas de audiencias da TVG, RG, El País,… cos votos do PSOE e BNG? Alguén se cre que estes outros medios foron, son ou serán neutrais? De verdade, alguén se cre que exista un medio que ‘decide’ pola súa audiencia e que os outros non o fan pola súa?

No fondo, a cousa funciona así: como gañou o PP vinculamos a súa vitoria coa información e influencia da Voz. Si fose ó revés dende a dereita estarían acusando a televisión pública de estar manipulada, que o estaba, vaia si o estaba, e os medios privados -Vieiros, Xornal, El País, Público,…- de orquestrar unha campaña sucia contra o PP. O conto é vello.

5 comentarios en “Preguntas sen respostas”

  1. Do seu texto non acabo de desprender cal é o sentido que lle atribúe á miña análise, así que permítame volver sobre o tema neste comentario.

    A influencia dos medios está sempre presente e todos teñen a súa influencia, porén é inxustamente igualador para eles tratalos por igual.

    Hai un medio que en canto á ideoloxía e cosmovisión ten un perfil de lectores moi diferente da liña informativa que sustentou durante os meses previos e posteriores ás eleccións, e é La Voz de Galicia.

    Conscientes diso non lles importou apoiar máis descaradamente que ningún outro medio unha opción política con siglas determinadas. Facelo é evidente que lles trouxo beneficios pero tamén riscos: o de perder esa parte da audiencia que non comunga con esa nova cosmovisión postfranquista que pretenden transmitir. Eu creo que non poden soportar esa liña sostidamente no tempo sen perder audiencia.

    Outra cousa é que o papel dos medios se magnifique desde as posicións orgánicas máis resistencialistas que hai no Bloque, en toda a UPG practicamente e en parte de +BNG e o EI. Ese botar balons fóra xa foi suficientemente denunciado e criticado por calquera que sexa quen de ollar fóra do angosto mundo bloqueiro.

    Pero é xusto recoñecermos que si houbo unha campaña extraordinaria de La Voz, perfecta e brillantemente planificada, dirixida e executada, que logrou o seu obxectivo, e cuxa influencia nos resultados electorais do BNG, e o que é máis importante, na percepción sociopolítica dun segemento social de capital importancia para o devir do País, como son as clases urbanas universitarias e de renda media-alta, é innegábel.

    Por se na anotación que liga non ficase suficientemente claro o papel de La Voz e a miña crítica fundamentada en datos, remítome a esta outra anotación, onde analizo o postelectoral do CIS e hai un apartado dedicado aos medios que mostra como a proporción de lectores de La Voz se reduciu entre os votantes nacionalistas despois das eleccións.

  2. Non, non tódolos medios ten o mesmo peso nin a mesma efectividade en canto a influencia. Para min son moito máis efectivos os medios orais e audiovisuais e, nese sentido, a Radio Galega, a Cadena SER, a TVG e a TVE, por citar ós máis representativos, teñen unha capacidade de influencia moi superior a de La Voz. Sen embargo entendo que non se poden illar dúas únicas variables (audiencia dun único medio e resultados electorais) e relacionalas, pois calquera parecido entre as conclusión extraidas e a realidade son meras casualidades.

    Bótalle unha ollada a comarca de Celanova. Que ocorre aí? Que se le pouco a Voz e entón a xente vota a esquerda? Porque? Len outros medios máis progresistas? Como La Región?

    Non, o que ocorre é que o Delegado de Medio Cartelle (así lle chamaban a Consellería de Medio Rural) non só caciqueaba moito, senón que a Voz o confirmou e, como a xente prefire políticos corruptos a honestos (isto non é retranca, dígoo en serio), en lugar de prexudicalo beneficiouno. Porque credes que Baltar presume de ser cacique en lugar de negalo?

    Sobre o que pode supor un cambio radical dun medio determinado ou a propaganda machacona permanente dos medios públicos (a Touriño so lle faltou aparecer no Tempo), creo que é moito máis prexudicial para a obxectividade do elector esta última.

    Mais o problema non é o cambio en si senón os motivos dese cambio que foi o resultado dunha mala estratexia do BNG, primeiro querendo favorecer a outro medio como La Región, manifestamente de dereitas e competencia daquel outro e, segundo, promovendo un medio novo de carácter nacional. Aínda está por caer o ‘estratega’, único dos ‘históricos’ que permanece en primeira liña. Así lles vai.

  3. Só un apuntamento máis, pois penso que está claro o que argumenta cada quen. Distingamos entre determinismo, influencia e irrelevancia. A campaña de La Voz influíu nos resultados do BNG no gradiente que vai de Norte a Sur conforme diminúe a súa audiencia.

    Outro gradiente, o da porcentaxe de poboación con niveis de estudos superiores, que tamén é a que máis le xornais, resulta que ten os seus máximos en Galiza nas cidades de Santiago de Compostela e a Coruña, precisamente onde máis se retrocedeu xunto con Ferrol (aquí por causas engadidas que todo o mundo coñece e que veñen de vello/Bello).

    A influencia existe. Negala é de necios. O mesmo que afirmar que e determinante. Non determina pero axuda. En Celanova e Allariz hai outros elementos que actúan no resultado, obviamente. Probablemente algúns dos que enuncia o son. Que non se le La Voz de Galicia e que non hai tanto licenciado como en Ourense capital tamén. Non teime en negar a evidencia.

    Outra cousa: porque as axudas públicas se centran na prensa e non tanto nos medios audiovisuais? Evidentemente porque é a prensa a que crea opinión en maior medida, e a que ten maior capacidade de información/desinformación. Dicir que o audiovisual é ideoloxicamente máis influínte é descoñecer a realidade dos medios e a súa relación coa comunicación política, permítame que llo diga. Por moitas razóns: porque non conta tanto a canta xente se chega senón a que tipo de xente, e onde reside, ou porque non é o mesmo un medio basicamente de entretenimento como a TV que a prensa ou a radio.

    Mire, un dos acertos relativos na negociación do pacto de goberno entre BNG e PSOE na Xunta foi o nacionalismo ter escollido a radio. A radio e en concreto a SER é o medio que máis se relaciona co perfil do votante do BNG (non necesariamente nacionalista na súa totalidade, como é claro). O problema, porén, foi que a Radio Galega é que só chega á poboación do rural e de maior idade (a de Celanova por exemplo) e iso facíalle o xogo á estratexia política equivocada que despregou o BNG desde 2003.

  4. Ben, coido que aquí ninguén nega a influencia de ningún medio, senón mais ben ó contrario, defendo que todos inflúen na dirección que máis lle convén. Iso é precisamente o que me gustaría saber: que porcentaxe de votos recibiu o bipartito como resultado desa influencia? Efectivamente, sen esta a vitoria do PP sería tan ampla que non estaríamos falando da que tivo La Voz.

    Sen embargo, reiteradamente se ven dando a entender en determinados foros que a influencia dun medio de comunicación, La Voz, si foi decisiva na vitoria do PP, sen ter en conta que pola propaganda, ocultación e desiformación de outros medios o bipartito obtivo moitos apoios que doutro xeito xamais tería.

    Agora que, o seu razoamento prodúceme certas contradicións. Por un lado di que son as clases con máis estudos as que máis len La Voz -e os demais medios de prensa escrita en xeral-; concordo. Debemos entender logo que son estas as máis facilmente maleables? Eu considero que non, por iso penso que a prensa escrita, posto que se dirixe a un sector da poboación mellor formado, resúltalle máis difícil crear opinión -que a crea, ou mellor, serve para reforza posicionamentos previos- entre outras cousas, porque este sector da poboación le diferentes xornais, contrasta información, e logo crea o seu propio criterio.

    Non sucede o mesmo con quen escoita e ve medios audiovisuais, que acostuma a ver e oír sempre os mesmos programas e aliénanse o alí visto e oído.

    Cando menos coincidimos en que La Voz non foi determinante por máis que Santiago Rey se gabe de ‘tombar’ o bipartito -axudado, iso si, polas ‘teses exculpatorias’ dos (ir)responsables do BNG-.

Os comentarios están pechados.