Ago 29 2009
Ti non tes por que pagar os erros do neoliberalismo. A crise que a pague o capital!
Con este lema, ‘Por un novo modelo económico e social. A crise que a pague o capital‘ a CIG enfrontou a situación económica derivada da crise financeira global que estamos a padecer. É un anhelo lóxico xa que foi o capital, as grandes multinacionais, nun contexto de economía excesivamente agresiva e especulativa, o que nos levou esta situación.
Resulta lamentable, pola contra, ver como moitos estados, a maioría dos estados occidentais -disque civilizados-, en lugar de castigar a quen deu orixe a esta situación, premiounos inxectando fondos públicos para reflotar as súas empresas. Iso é o libre mercado.
Mais non todo queda aí. Estas empresas para aliviar a súa situación despediron a milleiros de traballadores, xerando unha espiral crecente de desempregados por todo o mundo e en tódolos sectores económicos. A máis despedimentos, menos consumo, a menos consumo menos ingresos nas empresas, a menos ingresos, máis despedimentos,… un siloxismo que ben podería entender un neno de tres anos pero que aínda lles custa comprender a esa caste de políticos e empresarios ultraliberais.
Cando os gobernos, entre eles o español e o galego, destinan miles de millóns de euros a salvar empresas privadas en crise, ninguén do Partido Popular dixo nada. Mutis polo foro. Agora, si. Ó goberno ocórreselle socorrer a eses milleiros de parados que deixa a crise, coa conseguinte subida de impostos para afrontalo e entón, como non, sae Rajoy a escena a dicir que se opón a esa subida de impostos, e nun acto puro de demagoxia dinos que os cidadáns non poden pagar “os erros e as gracietas” de Rodríguez Zapatero.
Recordan que os impostos máis baixos sobre as rendas máis altas e a liberalización que deu renda solta á “maxia do mercado” ían levar supostamente a uns resultados mellores para todo o mundo? Pois ben, non foi así.
Paul Krugman, premio Nobel de Economía, El País
Un queda pasmado. Onde estaba Rajoy cando tocaba criticar os erros e ‘gracietas’ das empresas? Onde cando con fondos públicos se salvaba os seus balances económicos? Xa esqueceu que todos eses millóns de parados son o resultado dos erros e ‘gracietas’ desas empresas? Das empresas e da permisividade gobernamental, claro. Si se salvou a esas empresas debería agora deixarse ‘tirados’ ós traballadores vítimas desa mesma economía especulativa ultraliberal?
Si a crise deixou millóns de parados, deixou tamén millóns e millóns de euros nesa clase empresarial inconsciente e devastadora de economías tradicionais. Parece xusto logo que os gobernos adopten as medidas necesarias para tentar restablecer a situación de equilibrio anterior (isto é unha fantasía persoal. Mil escusas! Non existía unha situación de equilibrio previa). Non? Poi non, xa que son como unha praga de langostas que van devorando todo o seu paso, sen ver máis alá do que alcanza a súa vista. Non entenden que a medida que van esgotando recursos, país a país, se acercan ó seu propio fin.
Que teñen pensado facer estes seres, que a veces semellan extraplanetarios, para cando teñan acumulada tódalas riquezas do mundo nas súas mans? A onde irán para cando xa nos teñan ‘limpado’ todo o que temos? Seguirannos explotando a cambio dunhas cuncas de caldo ó final de cada xornada? En fin…
Sen embargo, e pesares da situación creada, resulta que a culpa de que nos suban os impostos é dos gobernantes que malgastan os fondos públicos en medidas sociais, e non dos que os gastan en engordar ó capital. Moitas veces, os que actúan dun xeito e doutro coinciden, incriblemente, na mesma persoa. Así que tratarán de convencernos que está ben facerse cargo da débeda da banca ou subvencionar a compra de coches (dirán que lle dan 2.000 € ó usuario por cada coche, cando en realidade estanlle dando eses cartos as empresas automobilísticas. E iso pagarémolo todos, tamén os que non os compremos), por exemplo, mentres que axudar a familias sen ingresos significará malgastar recursos públicos. A maquinaria mediática ultraliberal xa está en marcha e serán moitos os que ‘tragarán’.
Esquecen, estes que moitas veces babean en nome da ‘constitución española’, que o capital ten un fin social e está predeterminado constitucionalmente ó interese xeral de tódolos cidadáns. De feito que si as empresas non cumpren con ese mandato o Estado está no obriga de intervilas e polas ó servizo da cidadanía. Non valen chantaxes e ameazas como a que acaba de lanzar Rajoy: “a máis impostos, máis paro”. Non, debe ser ó revés; é o Goberno quen ten que facer uso do seu poder coercitivo e deixar ben clariño que “a máis paro, máis impostos“. E si non muda a situación haberá que acudir a nacionalización e intervención de empresas para que a acumulación de capital cumpra cos fins sociais polos que se admite a súa existencia. Mirade senón:
Toda a riqueza do país nas súas distintas formas e sexa cal fose a súa titularidade está subordinada ó interese xeral.
Ou fixádevos no que di estoutro:
Os poderes públicos manterán un réxime público de Seguridade Social para tódolos cidadáns, que garanta a asistencia e prestacións sociais suficientes ante situaciones de necesidade, especialmente en caso de desemprego. A asistencia e prestacións complementarias serán libres.
Mentres tanto, eu seguirei desfollando a margarida: Rajoy non quere que se suban impostos, Rajoy non quere que se inverta en políticas sociais; Rajoy non quere que se suban impostos, Rajoy non quere que se inverta en políticas sociais,…
Crear páxina de impresión


















Subscribo todo. Parabéns polo post.
Os neocon tamén falan moito do interese xeral, o malo é que entenden o interese xeral como a suma dos seus intereses particulares
[...] fio do que sinalaba no post anterior, é unha necesidade que se poña fin a chantaxe continua coa que o capital ameaza ó estado do [...]