A máis paro… máis impostos.

Un goberno verdadeiramente progresista debería ter referenciado os impostos polos que tributan as sociedades ós seus gastos en políticas sociais. Soamente así é posible cumprir co mandato constitucional que obriga a achegar recursos suficientes para cubrir os anteditos gastos.

Un dos parámetros fundamentais para facer posible esa esixencia do pobo soberano (?) é o tipo impositivo sobre o que tributan as sociedades privadas, entidades que reúnen e gobernan ó seu antollo a maior parte das riquezas do país, máis que, lles guste ou non, esa riqueza non debería estar ó seu servizo particular, senón ó de todos. Iso é, cando menos, o que di a constitución actual.

Ó fio do que sinalaba no post anterior, é unha necesidade que se poña fin a chantaxe continua coa que o capital ameaza ó estado do benestar. Urxe establecer un marco normativo no que se responsabilice ó sector privado dos gastos sociais que se deriven da súa boa ou mala praxis empresarial, premiándoos ou castigándoos, segundo o caso.

A miña proposta é que o Imposto de Sociedades debería estar referenciado a Taxa de paro. Así, ós tipos impositivos legalmente previstos engadiríaselle a Taxa de paro existente en cada momento de xeito que si esta sobe -e con ela o gasto social-, auméntanse os impostos, e si baixa, veríanse reducidos.

Así pois, nestes intres ó Tipo xeral actual (30%), ó igual que os demais Tipos específicos, sumariámoslle a Taxa de paro actual (17,92%) para calcular o Tipo Impositivo final (47,92%).

De levarse a práctica esta medida remataría dunha vez por todas a ameaza do empresariado de dar nos fuciños ó Goberno de quenda a base de máis despedimentos, para acadar melloras para os seus intereses particulares, porque facelo custaríalle cartos. Por outra banda, deste xeito tódolos actores sociais se verían involucrados na consecución do pleno emprego, expresión esta que, pese a ser unha esixencia constitucional, non pasa de ser un elemento decorativo en todo programa electoral.

Artículo 40.1 CE

Os poderes públicos promoverán as condicións favorables para o progreso social e económico e para una distribución da renda rexional e persoal máis equitativa, no marco dunha política de estabilidade económica. De maneira especial realizarán una política orientada ó pleno emprego.

Mais, a suba de impostos anunciada por Rodríguez Zapatero non vai por aí, pois ven de anunciar que o Imposto de Sociedades non se vai tocar e, si se fai, será para rebaixalo aínda máis. Elevará o Imposto sobre as rendas de capital e con iso castigará por igual tanto ó grande capital como o pequeno aforrador. U-lo socialismo?

3 comentarios en “A máis paro… máis impostos.”

  1. Alguén cre que o sector empresarial está implicado na actualidade coa consecución do pleno emprego?

    O mercado laboral, como calquera outro mercado, réxese pola lei da oferta e a demanda; logo a máis oferta de man de obra máis barata será. Non?

    Por iso entendo que cumpre activar mecanismos que evite que as empresas caían na tentación de especular coa man de obra do mesmo xeito que o fan con outros produtos, provocando intencionadamente un un aumento de man de obra para negociar condicións máis vantaxosas
    para os seus intereses a costa dos propios traballadores; ou mesmo inducir a esa masa traballadora cara unha opción política concreta que lle sexa máis favorable.

    Claro que si ollamos ó que ocorre nas grandes potencias mundiais esta teoría vense abaixo. No Xapón, por exemplo, están escandalizados porque a taxa de desemprego superou o 5%, algo que non ocorría dende a segunda guerra mundial e provocou que, por vez primeira dende aquelas datas, o partido que ostentaba o poder -de dereitas- fose derrocado.

    Que ocorre neste país para tirar cara a dereita cando existe unha situación de crise económica e social? Porque reaccionamos exactamente ó revés do que a situación concreta de cada momento require?

  2. As túas propostas nom lhe gostaram o ZP nem os seus acolitos porque em realidade som eles também parte do gram capital… Montarom também os seus negocios e agora favorece-nos desde o poder.
    A ideia de vincular o tipo impostivo do imposto de sociedades a variaçom da taxa de paro é moi boa, nom pagariam os trabalhadores sempre a crise, mas já se sabe que a maioria das cousas como bem dis estám de adorno no papel das leis e da constituçom.
    Sobre o emprego e o tema dos despedimentos colectivos há um artigo de Juan Armada moi bo traducido ó galego por um companheiro meu de universidade no seguinte enlace:

    http://faiscasolidaria.blogspot.com/2009/07/eres-de-pufo-1-na-derradeira.html

    Um saúdo!

Os comentarios están pechados.