O autoritarismo constitúe unha das claves principais do fracaso do proceso de integración europeo. Europa é débil, as súas institucións ilexítimas, as súas políticas ineficaces, os seus cidadáns non se senten implicados nin involucrados, xa que a inexistencia de gobernanza na mesma impediu a cooperación entre os distintos niveis de poderes a fin de aplicar a axenda comunitaria no intre de afrontar os retos globais.
Ata aquí a realidade. Agora déixolles a declaración de intencións que introduce o “Libro branco das Rexións para a Gobernanza Multinivel” e valorade quen é o que moe do revés:
A gobernanza constitúe unha das claves principais do éxito do proceso de integración europea. Europa será forte, as súas institucións lexítimas, as súas políticas eficaces, os seus cidadáns sentiranse implicados e involucrados, si o modo de gobernanza da mesma garante a cooperación entre os distintos niveis de poderes a fin de aplicar a axenda comunitaria e de responder ós retos globais.
O Informe especial nº 307 do Eurobárometro puxo en alerta ós dirixentes da Unión Europea. Segundo o mesmo, os cidadáns europeos esperan unha Europa máis acorde coa súa realidade cotiá. Así, o 59% dos que participaron nesta enquisa consideran que os entes rexionais e locais non son tidos suficientemente en conta no marco do proceso europeo.
Amais, a cidadanía europea amosa moito máis apego pola democracia no ámbito local e rexional, feito constatable, amais, na participación dos electores nos diferentes comicios electorais. Canto máis próximos son os órganos que se dirimen electoralmente máis elevada é participación. Esta situación obriga a Unión Europea a mudar a súa estratexia actual por outra máis descentralizada.
O Libro Branco das Rexións sobre a Gobernanza Multinivel, feito público o pasado venres, 4 de setembro de 2009, faise eco da vontade de «Construír Europa en asociación» e fixa dous grandes obxectivos estratéxicos: favorecer a participación no proceso europeo e reforzar a eficacia da acción comunitaria.
O Comité das Rexións entende a gobernanza multinivel como a acción coordinada da Unión, os Estados membros e os entes rexionais e locais, baseada na asociación e destinada a elaborar e aplicar as políticas da Unión Europea, inducindo a responsabilidade compartida dos diversos niveis de poder en cuestión baseándose en todas as fontes de lexitimidade democrática e na representatividade dos diversos axentes implicados.
O Comité das Rexións recomenda que as reformas estratéxicas comunitarias importantes se acompañen cun plan de acción territorial concertado entre a Comisión Europea e o Comité das Rexións. Si estas propostas fosen unha realidade -e efectivas- dende a nosa integración na Unión Europea agora non estaríamos falando do desmantelamento no noso tecido produtivo (agro, gandería, pesca,…) e industrial (que prexudicou dun xeito especial ó sector naval).
Fálase neste documento da instauración de ferramentas apropiadas ó apoio da democracia participativa, acepción esta que fai tempo que foi introducida nos distintos programas dos partidos de esquerda, máis que en raras ocasións se chegaron a concretar cando estes chegaron a gobernar; tamén da consolidación da práctica da asociación, tanto nun sentido vertical entre «entidades territoriais — Goberno do Estado e Unión Europea», como no horizontal «entidades territoriais — sociedade civil», en particular en el marco del Diálogo Social.
Os ponentes do Libro Branco das Rexión para a Gobernanza Multinivel, o belga Luc Van den Brande e o francés Michel Delebarre, apostan pola sistematización do análise do impacto territorial, gracias á implicación, dende a fase inicial da decisión política, dos distintos axentes interesados, de maneira que englobe as repercusións económicas, sociais e medioambientais das propostas lexislativas e non lexislativas comunitarias relativas ós territorios.
Segundo o Comité das Rexións existe o perigo de que poidan ver o día tentativas de renacionalización das políticas comúns e de centralización dos recursos, e entende que, polo contrario, a globalización reforzará a pertinencia da gobernanza multinivel, un plantexamento equivocado ó meu entender, pois é o fenómeno globalizador unha das razóns fundamentais da deslocalización decisoria, alonxando cada vez máis os órganos decisorios dos problemas que particularmente nos afectan cada día. A mellor proba témola en Galiza pois, a quen escoitaba Europa mentres se desmantelaba o noso tecido económico-social? Dubido moito que ó pobo galego. Logo, onde a gobernanza?
Mais, entendo que este documento non fala de gobernanza, senón máis ben dunha reformulación do concepto, un método de gobernanza a súa medida que combine, a un tempo a afirmación da globalización e a aparición dun mundo multipolar e, por outra banda, a continuación do proceso de integración europea con vistas a eliminar calquera rastro de fronteira e unir os mercados. Iso non é gobernanza ou, polo menos o que tradicionalmente se entende por iso.
A gobernanza está relacionada coas presións que determinados grupos exercen sobre os gobernos facendo que estes abandonen moitas das súas funcións clásicas ou muden as súas políticas. Müller e Wright (1994, páxinas 1-7) identificaron estas seis: a presión ideolóxica, a das élites políticas, a da cidadanía, a da internacionalización dos circuítos financeiros e industriais, a da europeización e a da tecnoloxía. Tratar de artellar todas esas presións externas non é máis que outro xeito de controlar para logo silenciar.
Agora mesmo, os riscos esenciais da globalización son que as diferentes sociedades se volvan uniformes -nisto si coincido co informe- contra o cal se recomenda fomentar a diversidade (?), e o aumento das desigualdades nos Estados membros e entre os Estados membros. A receita para evitar isto último é defender a solidariedade (?). Moi bonito todo! Só falta engadir que para rematar coa fame no mundo hai que aportar comida ó famento. En fin, cando menos xa temos os principios, agora poñan as normas que os rexan.
Curiosamente, esas dúas solucións que ofrece o Comité das Rexións para paliar os riscos da globalización, salvo que os conceptos diversidade e solidariedade teñan outro significado distinto para eles, son contrarias a todo proceso globalizador, proceso que nos leva ós cidadáns de todo o mundo a consumir os mesmos produtos (dende os máis básicos, como a comida, ata os excepcionais, vinculados co ocio) favorecendo as grandes empresas internacionais sobre as máis pequenas de carácter local. O resultado real disto é máis uniformidade socio-cultural e máis desigualdade económico-social. Unha multinacional non é solidaria senón que busca permanentemente recursos cos que ser cada vez máis forte e eliminar a súa competencia actual e levantar barreiras a potencial. Tampouco apostan estes entes pola diversidade, senón por producir co menor custe posible e, para facelo, é preciso que os seus produtos sexan os mesmos en cada recuncho do planeta. Calquer variación, por pequena que sexa, afecta ó beneficio.
O mellor xeito de evitar que acabemos parecendo seres humanos enlatados e deixar que as decisións se tomén o máis preto posible do cidadán e polo cidadán, sen presións alleas estatais, supraestatais e mesmo das multinacionais. De non ser así, nunhas xeracións, todos sardiñas.