DISLATES XUDICIAIS

Do artigo que ven a continuación é autor Miguel Quintas Coelho. unha desas persoas que deixan pegada entre aqueles con quen se relaciona. Cando abro as páxinas de La Región aínda esculco a procura da súa imaxe, co perfil e a txapela inclinados cara a esquerda, como dicindo: aquí o tes. Miguel finou fai agora un ano sen ver publicados algúns dos seus artigos. Este é un deles.

Non pretendo analizar hoxe o impresentable espectáculo, bochorno dun estado democrático, que están ofrecendo os tribunais de Xustiza, a Fiscalía xeral e o propio Goberno con respecto ó proceso de ilegalización de ANV e EHAK. O oportunismo electoral, as inxerencias do poder político no xudicial e viceversa, a inmediato dos prazos que dificultan, cando non imposibilitan, unhas condicións garantistas de acusación e defensa ante un tema de calado que afecta ó dereito de expresión e voto de miles de cidadáns non poden ser avaliados senón como un deficiente funcionamento das institucións democráticas. E non entro na cuestión de fondo, é dicir, si ANV e EHAK foron de facto fagocitados ou non pola ilegalizada Batasuna, porque considerar a toda esa militancia como ETA, ademais de constituírse nunha perversa e maxestática mentira conleva, paradoxicamente, sobredimensionar propagandísticamente á besta.

A recente sentencia contra a Mesa do Parlamento Vasco, encabezada por Atutxa, constitúe unha plasmación patente da inxerencia dos espurios intereses políticos conxunturais no campo da lei, distorsionando a súa aplicación e subxectivando as sentencias en función do clima ou deriva política de cada circunstancia. Sentencia, por tanto, inxusta e sustentada nunha base cuestionable e enclenque que non fai senón enrarecer o normal funcionamento dunha cámara parlamentaria, lesionando dereitos persoais e propiciando, nesta ocasión con total fundamento, a exaltación martirolóxica que constitúe o alimento básico dun modelo de nacionalismo.

Fai xa tempo que a Xustiza española mantén criterios nada obxectivos ante feitos semellantes. Queimar un contedor nunha manifestación en Sevilla sáldase cunha multa económica; si ese feito se produce no País Vasco, Galicia ou Catalunya no contexto dunha manifestación de carácter político, o mesmo feito punible convértese en delito ligado á guerrilla urbana ou kale borroka con sancións que inclúen reclusión carcelaria. No asistimos, acaso, a unha desobediencia grave por parte da Comunidade autónoma de Madrid negándose a implantar a Educación Para a Cidadanía, lei de obrigado cumprimento, ante a inhibición máis absoluta do estamento xudicial?. A ecuanimidade da Xustiza e a igualdade ante ela estiveron frecuentemente en entredito, pero é nos últimos tempos e debido ás mutuas inxerencias político-xudiciais e a voracidade polo voto ante unhas eleccións que se dirimirán por escaso marxe cando o déficit democrático aflora con máis intensidade.

Con todo, a imputación ó Lehendakari Ibarretxe, persoa que no figura no meu devocionario, a Patxi López e Rodolfo Ares da comisión dun delito de desobediencia grave por reunirse con representantes de Batasuna ao largo do intento de proceso de paz, é, dende o meu punto de vista e co debido respecto, unha aberración xurídica que espero que no se manteña por moito tempo.

A lei de Partidos Políticos non impón ningunha sanción persoal como consecuencia da decisión de proscribir ou ilegalizar a unha formación política. Os membros dunha organización ilegalizada non son privados dos seus dereitos políticos e civís, polo que Otegui, Barrena e Petrikorena os conservaban intactos, incluído o dereito de reunión. Esta decisión xudicial tomouna o Tribunal Superior de Xustiza, en contra da Fiscalía e en contra, tamén, dunha resolución do Supremo que non considerou delitivas tales reunións. No caso de Ibarretxe, ademais, non se produciu ningunha comunicación advertindo que tal reunión non podía celebrarse, polo que falta un elemento esencial para imputarlle unha desobediencia grave, aínda que sexa no grado de cooperación necesaria, como o é a ausencia de advertencia previa de ilegalidade.

Es posible que poidamos vivir nun contexto social determinado, nun tempo en que non sexa delito falar con ETA e si falar con antigos membros de Batasuna?. É esta unha contradición insalvable si aplicamos o sentido común, o cal, ao parecer, non é compartido polo Tribunal Superior de xustiza do Pais Vasco que considera delito reunirse con dirixentes de Batasuna non tido xamais ningún problema xudicial quen directamente mantiveron a interlocución con ETA dende a representatividade dos sucesivos gobernos do Estado.

Todos estes aspectos e algúns de maior enxunlla están sendo analizados nos máximos organismos da xudicatura europea e congratulareime que o seu ditame axude a reconducir a parámetros de normalidade democrática as actuacións da Xustiza e do Goberno en materia de temas de transfundo político, porque o noso actual modelo de funcionamento non alcanza os mínimos de calidade nin de exportación nin de consumo interior.