Animais políticos!

Seica o AVE vai pasar por Baños de Molgas e por Xunqueira de Ambía a traveso, esnaquizando todo a seu paso e por iso estivo por alí esta semana o senador Xosé Manuel Pérez Bouza, para alentalos a que lle fagan fronte. Non sei o que este homiño lle diría aos meus veciños; imaxino que soltaría moita palabrería, como é costume nestes casos, e ningunha solución.

Coñezo ben cal é a súa estratexia: non facer nada. Hai anos xa, cando andabamos a voltas coa defensa do Monte da Farria a súa resposta foi: “non fagades nada”. Cando acudimos a Consellería de Industria, dirixida entón polo BNG, a súa resposta foi non facer nada. Ben, neste caso aínda fixeron menos que nada, pois Xardón acabou por aquel entón presentado unhas xornadas a favor do medio ambiente cun dos donos dunha das empresas que explotaban aquela canteira –hoxe imputado por un delito de danos ao medio ambiente-, o seu “amigo Antonio”, segundo me confesou.

A súa estratexia é non facer nunca nada porque, argumentan, “a última hora virá o Alcalde, fará catro obras, e arrabuña os votos todos”. Así que, ordena, estar presente en tódolos conflitos e, onde non os hai, crealos, porque así, malo será, non academos o voto dalgún cabreado.

Non cre nas posibilidades do grupo local da vila nin fai nada para que as súas posibilidades crezan. Non lle interesa que xurdan “homus novus” na comarca que lle poidan facer sombra, para así conservar o seu trono sen resistencia e sen nunca gañar un cargo orgánico nas urnas (senón a base de trepar polo enramado interno da organización).

A conduta deste personaxe é tan noxenta que lle dixo aos responsables do BNG na zona que non fixeran nada polos veciños ata que se viran ben apertados, que non moveran un dedo ata que estivesen realmente desesperados. É un verdadeiro animal político, cuxa actitude é tan desprezable como a que ten o alcalde do meu municipio en cada campaña electoral. Ben aprenderon os (ir)responsables do BNG, pois xa saben explotar, coma ninguén, as miserias humanas.

Ao revés do que sucedía co Rei Midas, esta nova xeración de políticos, todo o que tocan se converte en mediocridade.

Artigo relacionado: Apuntarse a todos os bombardeos (por Roi Sordo, xgaliza)