Que pasa co BNG de Maceda?

Este sábado saía unha noticia en La Voz de Galicia sobre o conflito entre o Concello de Maceda e un empresario da vila, velaquí:

Este blog rexeita o caciquismo en Galiza

La Voz de Galicia, 27 de febreiro de 2010

Alberte, un compañeiro do BNG de Maceda reclama ao Concello desa localidade, gobernado tamén polo BNG, en coalición co PSOE, unha débeda polo aluguer dunha máquina; unha máquina que fora alugada por seis días pero que logo o Concello se quedou con ela ata que lle veu en gana, privando así ao seu titular do seus uso e potencial beneficio. Por máis que o titular do máquina lle reclamase ao Concello a súa devolución, este non o facía e, agora, escúsase dicindo que aquel non a foi recoller e, por riba, que a tiña estorbando nas dependencias do Concello. Cumpre ser caradura!

Este blog rexeita o caciquismo en Galiza

Xabier Oviedo, anxo por fora, diaño por dentro

Nada é o que parece. Hai persoas que teñen unhas habilidades especiais para agochar o seu verdadeiro ser. Xabier Oviedo é desa especie. Non dubida en mentir ao seu pobo e a prensa para xustificar o impago dunha débeda a un dos seus veciños e compañeiro de partido. Mais, a súa contestación ou, mellor dito, o seu ataque parece máis propio dun animal ferido que dun ser racional (ver nota informativa).

Alberte pasoume estes documentos (ver solicitude de devolución ao Concello de Maceda e denuncia ao Concello de Maceda) logo de que o sábado saíra en La Voz de Galicia a nova da súa denuncia. Coñecendo como coñezo ese niño de víboras non teño dúbida algunha de que os feitos que Alberte relata na denuncia son certos; amais conta con testemuñas e probas coas que poder rebater as declaracións feitas polo alcalde caciquintanista.

O alcalde pensou, segundo me di Alberte, que “ía caer na trampa que me tiñan ben amañada como era que eu entrara a recoller o que era meu nas instalacións do concello, sen permiso, e así acusarme de que faltaban cousas, cando eles tiñan que devolverma. Considero que son boa xente, pero non parvo. Esa trampa fixéronlla a unha persoa a que logo acusaron de roubar ferramenta do concello”.

Imaxino polo que está pasando. Non é doado decidirse a denunciar ao Concello, máxime tratándose de compañeiros de partido. Este feito colócao na diana. Isto seino por experiencia propia pois eu tamén dubidei en denunciar a precariedade laboral e o enchufismo en SEAGA cando Alfredo Suárez Canal era Conselleiro de Medio Rural e ao dicirllo ao inepto do delegado de Ourense este pretendeu que fose bicar ao santo. Logo deste lamentable episodio decidime, mais non fixeron caso, creando un malestar social dentro da empresa que axiña acabaron pagando nas urnas.

Esta xente, para defender o indefendible, utiliza as prácticas máis sucias; sucedeu naquel caso cando dende Medio Rural trataron de facer presión sobre a CIG para que non defendesen aos traballadores despedidos por SEAGA e agora, a mesma tropa, volve a facelo, pois “o avogado do Concello actúa coaccionando as miñas testemuñas, chamándoos antes da vista para falar con eles, cando non están obrigados a ires; dende o Concello, chámanos para dicirlles que non lles renovan o contrato […] chamaron a un compañeiro do BNG dende un móbil cos altofalantes postos para que o Alcalde e o Concelleiro de Obras oíran a conversa intentando sacarlle o que el ía declarar, dicíndolle o que eu facía reclamando con cartazes, pero decatouse e díxolles el non ten nada que perder, está a reclamar o seu, puidestes chegar a un acordo, pero non quixestes; fai ben e alédome de que non se ‘acojone’, pois quen vai perder máis sodes vós”, dime.

Amais deste, Alberte tivo outros encontros co Concello, ao que lle solicitou cambiar as árbores que el mesmo plantara, xa que tres delas secaran, pois cando as puxo fíxoo garantindo por un ano o seu traballo. Non foron quen de respostarlle. Que clase de provedor se adica a comprobar si o seu traballo está ben feito e pedir ao cliente, neste caso o Concello de Maceda, que lle permita reparar un dano? O normal, neste mundo, é que o cliente -cando se trata de administracións, nin iso- sexa quen reclame a reparación e o provedor que se faga o sueco. Alberte é un empresario exemplar; quizais este sexa o problema co que se atopan os (ir)responsables que gobernan Maceda.

A outros empresarios, menos exemplares, permíteselles construír en terreos rústicos sen que estes teñan tan sequera un permiso para peche da finca. Destes feitos teñen coñecemento tanto os concelleiros do BNG como o arquitecto municipal, o cal di ter as mans atadas, porque en Maceda “faise o que di o alcalde”.

Este blog rexeita o caciquismo en Galiza

A raíz dos cartaces que Alberte colocou na rúa o ex-director xeral de acción social, aos galegos grazas, Bieito Seara, chamoulle a atención. E non debería facelo ao alcalde do pobo? Comezan a preocuparse -e fan ben- porque saben que a xente do pobo está do lado do seu veciño. E estano tamén os seus compañeiros de partido, aínda que non todos o manifesten abertamente por medo as represalias destes dous aprendices de Franco.

Este blog rexeita o caciquismo en Galiza

Bieito Seara, o que move os fíos do Concello