O movemento volo deu, o movemento volo quitou

Un ano despois da desfeita do 1M09 os protagonistas daquela xeira parecen non decatarse aínda do que ocorreu. Feijóo segue facendo oposición, agora a Zapatero, Quintana segue andando en coche oficial e sentando cátedra ao seu paso, Touriño… ben, cando menos este soubo retirarse e quedarse nun segundo plano… a tempo.

Cando un ano despois Anxo Quintana aínda afirma que “a campaña sucia funcionou” dime que (a) ou ben non se entera de nada ou (b) é o típico irresponsable que culpa ao primeiro que se lle cruza para non asumir a responsabilidade que lle é propia. Amais, iso si, coa súa actitude lexitima as decisións adoptadas polo goberno de Feijóo logo da vitoria popular: en materia lingüística (o conflito inexistente), enerxética (onde quedou patente a división do bipartito) ou respecto as axudas a La Voz de Galicia (polo sonado dilapidamento e sibaritismo dos altos cargos socialistas e nacionalistas).

Non, nada tiveron que ver a lingua, os audis ou o iate (ver a análise de Fermin Bouza), foi o mal de altura: taponáronselle os oídos e non escoitaron aos seus compañeiros, que estábamos aquí abaixo, onde sempre. Agora só tiñan oídos para eses asesores, ben pagados, e os seus cantos de serea. Estes non lles ían dicir o mal que o estaban facendo, pagábanlle para dicir o contrario. Mentres, era a rúa que berraba, outra vez, cinco anos despois, esta vez coa bandeira de Galiza Non se Vende. Nin a berros!

Lonxe de escoitar ao movemento, ao mesmo movemento que lle dera a vitoria catro anos antes, adoptou unha postura crítica cos críticos, reprochándolle a concesión de espazo aos seus adversarios e acusando de traizón calquera discrepancia. Esta actitude cínica e soberbia acendeu aínda máis os ánimos do movemento, provocando unha bola de neve de rexeitamento cara o goberno bipartito, e especialmente cara o BNG, que crecía cada día.

Moitos aseguraron ir votar co nariz tapado mais moitos decidimos quedarnos nas nosas casas. Esta decisión non foi o resultado de campaña algunha pois xa estaba tomada meses antes polo electorado. Próbao a chamada a participación incluso antes de comezar a campaña, de aí que artellaran unha campaña buscando o voto no centro galeguista. Inocentes! Coñecían polas enquisas a grave desafección da cidadanía e, tendo constancia deste dato, continuaron unha campaña baleira de ideas, de proxectos, sen solucións aceptables para a situación económica que atravesamos,… e sen asumir erros.

Lembro aquel día con ledicia. Tiven que soportar doce horas sen acercarme ao colexio electoral, onde non iría a votar por vez primeira na miña vida mais, mereceu a pena. Os primeiros sóndeos adiantaban o resultado final, foron unhas horas excitantes que rematou no éxtase cando o bipartito recoñeceu a súa derrota. Non busquen pantasmas, non foron eles. Foi a cidadanía en movemento, fun eu. Eu volo dei (o poder), eu volo quitei (o poder).

Artigo relacionado: deberían as redes activistas do movemento salvar a esquerda? (por Raimundo Viejo, On the Wobbly’s Road)