‘Me lo dijo Pérez’

Lembran aquela curtametraxe de ‘hai que botalos’ … aquela moza que confiada agardaba por un emprego prometido que nunca chegaba. Así é Xosé Manuel Pérez Bouza, non quen agarda senón quen fai agardar. Lembran cando dicía que a súa estratexia é non facer nada. Pois peor que non facer nada é prometer que vas facer algo para logo non facelo.

Logo veñen as presas. Cando un conflito non se atalla a tempo crece, non desaparece. Claro que por moito que creza, en política o conflito non é un problema ate que sae a escena pública, entón si urxe cerralo. Da igual o fondo da cuestión, as implicacións ideolóxicas e morais dos protagonistas; o realmente relevante é que dana a imaxe da organización e xa se sabe: os partidos políticos na actualidade non venden ideas ou proxectos, venden imaxe, porque para o outro cumpren persoas con capacidade intelectual suficiente.

O Sr. Pérez recibiu esta carta (ver) en xuño de 2009, e que fixo? Nada, por suposto. Entre as actuacións que nela se critica está a cacicada levada a cabo na elección de delegados para a Asemblea Nacional Extraordinaria, na que el participou activamente, presionando a uns militantes, facendo promesas a outros, organizando paparotas, etc. facendo uso dun cargo e duns medios que pagamos todos. Que ía facer? Recriminar ao Alcalde de Maceda por facer no Concello o mesmo que el facía a nivel comarcal? Non, Alberte, de aí non podías agardar nada, o Sr. Pérez carece dunha das capacidades esenciais na dirección: a de xestionar conflitos.

Agora si. Agora preocúpalles o efecto negativo que pode xerarlles a perda de imaxe por que o conflito transcendeu do privado ao público. Agora entralles as presas. Agora que o conflito é entre un empresario local e o Concello e non entre un militante e o (ir)Responsable Local, crean unha comisión comarcal para investigar o que sucede. A boas horas…