Sentido de urxencia

John P. Kotter, en “Liderando o Cambio“, establece como a primeira das regras para lograr unha transformación social saber comunicar o “sentido de urxencia“. Nesas andamos dende que a crise financeira truncou a xeira de crecemento económico.

O peche de empresas, grandes, pequenas e autónomos, foi continúa, os EREs acumulábanse enriba das mesas das administracións competentes, o parón da contratación de persoal impediu renovar a boa parte da poboación traballadora que estaba suxeita a este tipo de contratos, as inversións millonarias dos gobernos, nuns casos para salvar a empresas multinacionais da banca, da automoción ou da construción, noutros para completar a receita máxica (aquela dos 400 €)  de panem circensque, esgotaron os beneficios recollidos anos atrás e comprometeron os de anos vindeiros.

A situación económica actual é pésima, a situación de traballadores, empregados e desempregados, pesimista. O goberno está desgonzado logo de que cada unha das súas medidas non servisen máis que para agravar a situación económica, agás a uns poucos que si llela solventou. Estas urxencias son as que usa a CEOE para forzar un acordo no que os traballadores perdan, como si xa non perderan abondo con esta crise, parte dos seus dereitos.

E que gaña o empresariado creando estas urxencias? O primeiro que logrou, levando ao seu país as taxas de desemprego máis elevadas da OCDE, foi a perda de competitividade propia, xa que si tes empresas nun país onde tantos traballadores non traballan nin, polo tanto, consumen, a empresa faise máis pequena tanto no mercado interior como no exterior. Toda esa perda dificilmente será recuperada cun cambio na lexislación laboral, máxime si, como é mais que previsible se convoca unha folga xeral.

Si o plan era crear ese “sentido de urxencia” para forzar a perda de dereitos dos traballadores, probablemente para as novas contratacións (mediante insiders/outsiders), o resultado e que tanto unha parte coma a outra se atopan coas mesmas urxencias, claro que o empresario pode sobrevivir aínda que lle pechen tódalas súas empresas (como mostra, o Presidente da Patronal, Díaz Ferrán) pero o traballador desempregado sofre todo tipo de dificultades.

Este cambio que se vai producir agora polas bravas puido terse realizado antes sen chegar a unha situación tan dramática, claro que para iso cumpría que se desen outras circunstancias que, a vista dos resultados, non se deron, por parte de ningunha das partes implicadas: a necesidade dun liderado sólido. Hai demasiados xerentes e moi poucos líderes. Kotter afirma que os xerentes só perseguen “minimizar os riscos e manter operativo o sistema actual”; sen embargo, para introducir un cambio cumpre un líder xa que “require a creación dun novo sistema”. Desafortunadamente vivimos nun país sen líderes.

Amais tiñan que darse outras condicións que tampouco se deron, como ter creado unha “coalición guía suficientemente poderosa”, condición esta imposible xa que o goberno de Zapatero está totalmente só dende o día da súa investidura; ter unha visión clara e saber transmitila -sobre isto non fai falla que engada nada- dun xeito intenso é crible; eliminar os obstáculos que dificulten a visión, tarefa dificil cando o marco de actuación é un estado; e evitar declarar a victoria demasiado pronto -quen non se lembra dos brotes verdes?-.

Si finalmente se produce un cambio na lexislación laboral que perxudique ao traballador é evidente que estallará un conflicto social, aínda que os tempos non o permitan. Porqué? Porque coa urxencia como único elemento para levar a cabo un cambio social, non é posible acadalo.