Hoxe produciuse un feito que me trouxo a memoria un artigo que lin fai meses: Túnels digitals a Gaza, cando bloggers e twitters palestinos fixeron saber ao mundo a traxedia que estaban sufrindo por parte do exercito israelita. Eles, personaxes anónimas convertéronse nos ollos do mundo, tanto que, os propios medios internacionais recorrían a eles para complementar información e non aos seus enviados especiais na zona.
Por suposto, o castigo infrinxido ao pobo palestino polo goberno sionista non ten comparanza coa situación que vive Galiza, si acaso, no acoso dos que se consideran unha raza superior, un acoso que se trasladan a tódolos nosos sinais de identidade nacional e, especialmente a lingua.
Hoxe os twitteiros galegos demos un berro, pero haberá máis, e fixémoslle saber ao mundo que nun recuncho de Europa se está producindo un xenocidio lingüístico. Centos de twitteiros utilizamos durante unha hora o hashtag #galega coa intención de convertelo no primeiro tema de conversa de twitter … e así foi.
Ocupar esa posición provocou que diversos medios de comunicación se interesasen pola iniciativa, e incluso participasen dela. É o poder das redes sociais, cada vez menos discutido. Agora son as masas as que teñen a forza de mover aos medios, non ao revés,… aínda que queden casos. Esta forza é a que moverá o mundo futuro, non sei si ate o punto de afirmar que a revolución será twiteada pero, exemplos disto xa os puidemos ver: as elección de Irán en xuño de 2009. Só un pucheirado privou a oposición de acabar co mandato de Mahdmu Ahmadineyad.
Twitter é unha ferramenta que pode equilibrar forzas entre as diferentes opcións políticas, pola súa capacidade comunicativa e a rapidez con que o fai. Un bo uso desta utilidade será o que decida os mandatarios do noso futuro máis próximo.