(a falta de pan…) …circenses!

Ese é o papel que adoptan na cidade de Ourense os patronos da Fundación Pro Deporte Ourensano, recentemente calificada pola Xunta de Galiza de interese deportivo.

O padroado inicial da fundación está formado por Jorge Bermello Arce, Responsable das tendas Bermello, como presidente; Roberto Fernández Añel, Director de Financeiro da Construtora Marcelino Fernandez, como vicepresidente; Luis Gómez Muñiz (deste pouco sei, agás que anda deixando o seu teléfono pola rede, busca contactos, creo) como secretario; e Manuel de la Torre Pérez (non lle coñezo outra ocupación que a de secretario do COB), Santiago Rodríguez García, director de CIMO, Juan Manuel Jiménez Morán, Alcalde de Verín, José Domarco Piñeiro, responsable das instalacións do Pazo de Deportes Paco Paz (instalacións que o COB utiliza de xeito altruista mentres que os nenos que queren participar nas escolas deportivas que se organizan no mesmo recinto se ven na obriga de pagar), e José Luis Gavilanes Losada, Alcalde de Xunqueira de Ambía, como vogais, segundo o punto 4 da Orde do 4 de outubro. Circenses!

De Jorge Bermello e Santi Rodríguez pouco podo engadir do que xa dixera Gonzalo Jácome esta semana, só amosar que concordo totalmente con el. Precisamente veño de solicitar a miña baixa da base de datos de CIMO, ao meu parecer unha entidade que non aporta nada a esta cidade nin aos seus cidadáns (entendendo que o emprego precario que oferta non é unha aportación senón todo o contrario).

Sorpréndeme ver entre os patronos ao Alcalde de Xunqueira de Ambía. En máis de 30 anos xamais tivo unha iniciativa semellante pola vila que goberna, mentres esmorece  co importante patrimonio que alí hai por conservar, coa riqueza paisaxística, forestal, agraria e, sobre todo, termal, aínda sen explotar.

Interior do Balneario do Bañiño

Parece que os empresarios e responsables políticos da provincia de Ourense apostan polo circo e eluden as súas responsabilidades coa sociedade, creando novos chiringuitos -isto é o que as elites ourensás entenden por novos nichos de negocio- cos que afogar, aínda máis, as xa de por si maltreitas arcas públicas, que seguirán negando a súa colaboración a entidades sen ánimo de lucro de corte social, pero que si porán a disposición do circo este cantas infraestruturas públicas sexan precisas e cantos cartos lles sexan solicitados. É o que Arturo R Vispo chama “insolidaridade do mezquino” neste artigo referido as subvencións.