A esquerda acomodada

Pensei en titular este post como “a esquerda adormecida” mais ao longo do mesmo funme decatando de que o problema non era ese, pois anda ben esperta. Uns máis que outros.

Teño lido moitos artigos sobre o que lle acontece a esquerda social nos últimos tempos, pensadores que se preguntan que “como é posible que sufra coa crise provocada polo neoliberalismo salvaxe?”, pensadores que non se explican porque son os defensores destas teses neoliberais os que máis rédito político lle están sacando a crise. A min tamén me gustaría ter unha resposta lóxica pero probablemente acabe atopando máis preguntas.

Temos oído falar de renovacións, refundicións, rebeldías, novos referentes,… mais, todo segue igual. O mesmo discurso, do século pasado, as mesmas prácticas (xeralmente, incoherentes co dito).

Nun momento no que a clase política é unha das preocupacións máis importantes da cidadanía, estes, os políticos puxéronse a facer o propio, non sen falla de razón, coa clase sindical. Si a pregunta do CIS fose: “en quen confía máis: partidos políticos ou sindicatos?” sairían os dous igual de malparados.

Que razóns nos levan a ter esa crenza: o denominador común que existe entre uns e outros, a castes políticas e sindicais que se van fornecendo co tempo, creando elites de políticos e sindicalistas que chegan a súa xubilación sen saber o que é traballar,… nin o que é estar desempregado. Son estes, os acomodados na burocracia interna de partidos políticos e sindicatos, os que nin coñecen a esixencia do traballo ou a desesperanza do desemprego, aos que lle imos encomendar a solución do principal problema desta sociedade?

É esa actitude conservadora e individualista o que fai a actual esquerda irrecoñecible. Si, falo de conservar, conservar o seu status quo. Preguntábase o profeta do nacionalismo galego “ula esquerda conservadora?” nun artigo tan noxento que, si fose escrito sobre pétalos de margaridas, nin os porcos o tragarían. Ula esquerda conservadora? Ula esquerda acomodada? No mesmo lugar dende fai décadas, vivindo na estructura de partidos políticos e de sindicatos. Ula esquerda transformadora? Fora, tentando crear novos instrumentos de defensa e representación dos seus ideais.