A actividade política como servizo a sociedade

Fai tempo xa contáronos que era necesario profesionalizar a actividade política nas administracións públicas para por freo a corrupción e para acadar unha xestión máis eficiente. A mostra dese experimento fallido podemos atopala con abrir calquera xornal. A corrupción das administracións está no seu máximo apoxeo ao tempo que as arcas das mesmas arrastran déficits e acumulan créditos e débedas de dubidoso cobro. As dedicacións exclusivas as que se acolleron e acostumaron multitude de concelleiros e alcaldes (especialmente na esquerda) soamente serviron para converter a actividade política nunha saída profesional na que, lamentablemente, non é necesaria asumir responsabilidade pola deficiente xestión. Incluso a mala xestión está normalizada. Logo, outórgaselle a palabra ao pobo para que, en base a medidas demagóxicas (unha farola, unha estrada nova ou, simplemente, tapar unhas fochancas, repartir licenzas de obra -galpóns, v. g.-, etc.), renoven a súa confianza para outros catro anos máis.

Custa atopar hoxendía unha organización que acolla de bo grado entre os seus postulados que a actividade política, alomenos no ámbito local, sexa de carácter altruísta. Custa porque, no fondo, toda organización política ve nesta actividade unha forma indirecta para conquerir emprego para os individuos que forman o grupo, cousa que, pola realidade que nos atinxe (para maior gloria duns poucos), esa é unha das preocupacións fundamentais para a propia existencia, para a propia supervivencia. Custa entender, agás que lle neguemos toda capacidade de xestión a estes políticos profesionais, que quen nos goberna nas administracións públicas que nos afectan, sexan incapaces de atopar unha saída laboral mellor para si (isto partindo da base de que esa actividade non está sobrevalorada) que a de gobernar un pequeno -ou gran- concello, posto que isto os desacredita ao tempo para resolver o problema prioritario que afecta a sociedade actual: o desemprego. Logo, podemos permitirnos como cidadáns pagar salarios a quen non resolve os nosos problemas?

Por esta razón me custaría achegarme a unha furna electoral e votar a calquera organización política que non se comprometa de xeito inequívoco a que “os cargos electos no ámbito local renuncien ao abono de salarios ou contraprestación pola súa labor no ámbito da administración municipal“, así como a que “ocupen seu posto, cando sexan elixidos polos seus veciños, de xeito temporal, un máximo de dúas lexislaturas“, para evitar deste xeito a perpetuación no poder de familias políticas que supón un dano exacerbado para a rexeneración democrática do país (e dos propios partidos políticos). Debe esixirse tamén as novas formacións políticas un claro compromiso e vocación de servizo social, non de beneficio particular, cuxo resultado real foi a creación dunhas élites políticas que conduciron a inmensa maioría de administracións locais, provinciais e autonómica ao borde da quebra, cando non a quebra técnica.

Estas elítes, as que me refiro no parágrafo anterior, están desautorizadas para a creación de calquera proxecto político de futuro, dada a súa incapacidade demostrada para delegar nas situacións de mercado non formado, nas que poida que teñan opinión como calquera outro cidadán, pero non criterios autónomos de evaluación da situación para a toma de decisións atinadas, como se lle esixe a todo profesional en calquera actividade económica que desenvolve.