O día que ‘calei’ a unha momia

#IIANova

Fila 7, asento 23. Nin reservando! Posición estratéxica. Diante: Fila 6, asento 25, Xosé Cid Cabido, o fillo do Pepe Cacho. Ao lado Xurxo. Detrás: Fila 8, asento 19, Xosé Luis Méndez Ferrín. Ao lado, Xan Daniel. Eles, non eu, aínda que me atopo no medio, escoltados por toda a FPG. Cando eles levantan a man eu manteñoa baixa. E viceversa. De vez en cando o amigo que teño fronte a miña caluga dille a Ferrín que levante o seu cartón pra votar. A veces pregúntalle que é o que se vota. Outras nin iso. Está aí coma o can do pastor, para que non se escape unha ovella do rabaño. Cada vez que alguén sube ao estrado, pregunta: e ese quen é? Fala cun ton que cuspe desprezo. Ese é un bolchevique! Todos o eran. Vello e rancio mestre. Quen é ese? Como se atreve? Ninguén se move do pupitre sen que el faga un apuntamento negativo. E esa? Esa vén aquí a pavonearse, di dunha compañeira de Vigo que sae a defender as súas enmendas. Cousas arrastradas do século pasado, un virus, nun corpo doente. Non ule a Anova. Ule a vello, a casa pechada. Ten que levantarse a estirar as pernas de vez en cando. Darlle vida ao sanque estancado. Hai berros, apupos, aplausos,… no ambiente. El non vai lonxe. Desde os corredores non saca ollo aos seus. A crispación si vén de lonxe. Está fora de control, mesmo para quen a provocou. El segue ao seu, altivo, mirada ferrín, fría coma o ferro, seca coma o serrín. Hai quen lanza avisos de ruptura. Que se vaian!, di o vello datrás, xa de volta. Non é doado de entender que pintan aquí, penso eu -sobre os que están detrás-. Semellan xente que odian a condición humana. Si non desexan formar perte de organizacións amplas e plurais, preferíndoas pequenas, de ideoloxías uniforme, na que todos comulguen co pensamento do amado líder, xa a tiñan, a FPG. Non é doado de comprender.

Polo corredor da dereita baixa un compañeiro, palleiro, cara a súa cadeira… e xa comeza a rosmar o vello, o suficientemente alto para que o escoite quen ten ao lado, pero tamén quen ten detrás, Chelo e outros compañeiros de Vigo, e quen ten diante; o suficientemente baixo para que non o escoite o obxectivo da súa bilis: aí vai un cadáver político, sentenza. Non puiden evitar mirar cara atrás. Vin a súa cara de noxo e odio. E ti falas de cadáveres políticos, dixen eu. E ti falas de cadáveres políticos, repetinlle. Non contestou nada. Parecía momificado. Unha momia política. Foi o dia que fixen calar a unha momia.