Pacto de Westfalia

Pacto de Westfalia:

Tratado internacional firmado en 1648 entre varias potencias europeas que consagra os principios de soberanía territorial, non inxerencia nos asuntos internos e igualdade entre os estados, e que foi un dos piares do ordenamento xurídico internacional ata os nosos días.

Neoliberalismo

Neoliberalismo:

Variante da ideoloxía liberal que xorde a finais do século XX para defender que o intervencionismo público debería limitarse á defensa da vida, a liberdade e a propiedade individuais. Propugna, en consecuencia, un estado mínimo e favorecedor do mercado.

Integración rexional

Integración rexional:

proceso de creación de áreas de libre comercio e incluso bloques con ambicións máis políticas que integran nunha organización internacional a estados dunha mesma rexión continental. Destaca a Unión Europea que serviu, a miúdo, de modelo para outras iniciativas.

Gobernanza

Gobernanza:

Este neoloxismo fai referencia a unha nova maneira –xa sexa real ou no sentido de desexable para o futuro– de exercer o goberno pondo menos énfase na idea de xerarquía e autoridade exclusiva do estado e máis na implicación da sociedade civil e o mercado.

Funcionalismo

Funcionalismo:

na integración europea, o funcionalismo –e a súa versión máis avanzada neofuncionalista– constitúe un enfoque que explica o proceso non como o mero produto da vontade política dos estados –sexa esta federal ou simplemente intergubernamental– senón como o efecto de necesidades e problemas técnicos de alcance transnacional que os estados en solitario non poden resolver. O método funcionalista propugna cooperar primeiro nas cuestións técnicas ata que estas desborden cara a unión política.