Mans negras #OU24M

  mansnegras
Estas son as miñas mans, as mesmas que escribiron cada liña deste blog. Probei varios filtros pero con ningún deles consigo velas negras. Hoxe leo na prensa a xente que non me coñece de nada -e á que eu de nada coñezo- falar das miñas mans, ou dalgunha delas, como a man negra que anda detrás da probable imputación de parte da Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense e, entre as persoas que a forman, o candidato do PSOE a Alcaldía desta cidade. Seica andan os cerebros desta organización elaborando unha teoría conspiranoica, con sobredose de paranoia.

Presentei esa denuncia en novembro, cando aínda o Sr, Vázquez Barquero non era candidato polo seu partido, si ben xa estaba na súa particular carreira electoral. Por certo, parabéns aos que nesta carreira atoparon traballo no Concello ou algunha das empresas concesionarias. A eles non os podo denunciar. Sobran evidencias e faltan probas,  como nos centos de casos dos que a oposición dá boa conta e se farta de denunciar nos plenos ou nos medios, mais non onde corresponde, nos xulgados.

Eles, os que gobernan, xudicializan a política cometendo delitos, non quen os denuncia. Outra paranoia máis: pretender facer crer aos veciños que os trapos sucios da política se limpan na escuridade dos despachos dos concellos. Denunciar un delito, lémbrolles, é unha obriga de todo cidadán,  amais dun dereito.

Imaxino que para esta tropa é máis doado por a diana nas mans negras que asinaron a denuncia -a que logo se suma o sindicato USO, vendo que se quedaran curtos coa vía contencioso-administrativa- da gran cacicada que foi colocar a Carmen Rodríguez Dacosta nun posto ao que non tiña dereito a sabendas de que non o tiña, como lle advertiran os técnicos no seu informe, que explicar a toda a sociedade tanta insistencia en manter a esta persoa en nómina do Concello de Ourense e a cargo da área  de persoal. Insistencia, por certo, que persiste na actualidade, dada a súa privilexiada situación -número 2- na lista electoral que encabeza o Sr. Vázquez Barquero.

Benvida sexa esta imputación,  aínda que tarde e insuficiente. Tarde porque hai medio ano que foi presentada a denuncia. Insuficiente, porque, probablemente, non afecta a gran instigadora neste asunto, a inmediata superiora nos órganos de partido de todos os concelleiros imputados, a súa responsable local, a gran enchufada e colocadora directa de moitos outros: Carmen Rodríguez Dacosta.

Entretanto, outros seguimos engordando as listas do paro, as listas do Concello tamén, sen sequera ter a mísera oportunidade de coñecer a quen fai as entrevistas. Os meus mellores desexos para vós, que se faga xustiza!