Co voso voto destruíu o futuro do noso concello

Para os seus lacaios resultará entenrecedor ver como o seu Alcalde lle pide o voto para construílo futuro de Xunqueira de Ambía. Quen pide ese voto de futuro os paisanos do noso Concello é un Alcalde que leva a gobernar aquí dende fai 28 anos.

Foron 28 anos de cacicadas, de tropelías e de persecucións. Foron 28 anos de destrución, de aniquilación do noso concello e agora fálanos de futuro. ¿Futuro para quen? Con este Señor so teñen futuro el e uns cantos; os demais, do mesmo modo que sucedeu durante os últimos 28 anos estamos abocados a marcharnos do noso Concello pra poder ter ese futuro que él nos negou.

Este Alcalde, con diferentes partidos, con diferentes concelleiros, colleu o goberno local no ano 1979. Tiña entón o noso Concello mais de 4.000 habitantes, hoxe quedan poucos mais de 1.800. Todos e cada un dos nosos pobos tiñan vida, bulía neles unha gran actividade. Eran pobos cheos de nenas e nenos, xente moza que casaba e quedaba no pobo, veciños e veciñas que se axudaban os uns a outros nas súas actividades cotiás, xente maior que transmitía a súa sabedoría e cultura as xeracións vindeiras.

Nos pobos de hoxe non sobra ningún vello, pero faltan as nenas e nenos, mozas e mozos que os escoiten. Tan so lles queda falar entre eles a espera do próximo enterro, a espera de que cheguen as suas fillas e fillos, netos e netas que están lonxe do seu fogar, pra que se aleden un día, sí, mais pra enchelos de tristura durante as vindeiras semanas. Tanto desgaste emocional debería estar penado.

Os nosos pobos non son os de antes, son pobos con casas vellas en ruínas, pobos de airas baleiras, sen vida, sen tabernas, sen quen a dar parola, con rúas e mazadoiros sen xente, fornos caidos, desaparecidos, casas novas pechadas durante largas tempadas,… tan so os veráns nos aproximan o que algún día chegamos a ser.