Fai máis de tres anos redactaba unha denuncia pola explotación indiscriminada que estaba sufrindo o Monte da Farria (Xunqueira de Ambía), un Monte ao que o propio Concello lle deu a protección A dentro do Catálogo de Bens Naturais e Paisaxísticos.
Fai unhas semanas, logo de que pasaran anos dende as derradeiras novas sobre este asunto, pasei polos xulgados para preguntar polo estado en que se atopaban as dilixencias. A resposta da funcionaria do Xulgado de Instrución nº 1 foi: sobresemento provisional e en arquivo das actuacións a instancia do Ministerio Fiscal.
Custa entender que un dano ao medio ambiente tan flagrante coma este quede impune, custa entender que os responsables do mesmo nin sequera sexan sometidos a xuízo. Inocentes pola graza de D. Florentino Delgado. Di o Fiscal Xefe de Ourense que é posible que existan feitos ilícitos, pero que eses feitos non ten porque supoñer un delito. Certo. Ao parecer, segundo o Fiscal Xefe, a protección da que o Concello de Xunqueira de Ambía dota a este Monte non ten a mesma categoría que si quen protexe é a Comunidade Autónoma ou o Estado (por exemplo incluíndo espazos en ZEPA, Rede Natura, Parques Nacionais,…). Non ten relevancia que a empresa, Farriense de Granitos, que contaba cunha licencia de investigación, se adicase a explotar e comercializar a pedra. Tampouco importa que a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considerase que o proxecto non era viable ambientalmente. Da igual que que esta empresa, e logo EXELCO, explotasen o monte sen licenza municipal e con coñecemento dos responsables municipais, que permitiron a realización dunha actividade económica cando a outros empresarios, como é lóxico, si se lle esixen esas licenzas, autorizacións, pago de taxas, impostos,… Nin sequera se plantexou a probable prevaricación por parte do Concello para favorecer a un dos accionistas dunha das empresas que é, casualidade, o xefe de obras do mesmo Concello. É mais, o propio Concello, baixo a dirección desta persoa, acondicionou os accesos ao Monte para que estas empresas puidesen realizar as tarefas que lle son propias.
Mais, non hai delito. Non hai responsabilidade penal nin das administracións involucradas (Consellería de Medio Ambiente, Consellería de Industria e Concello de Xunqueira de Ambía) nin dos responsables das empresas que explotaban o Monte. Soamente irregularidades administrativas. “É como si aparcas un coche en dobre fila, é un ilícito, pero non é delito”, trataba de explicarme o fiscal do xeito máis sinxelo, para que o entendese. Entendo que é difícil loitar contra a maquinaria da administración, móvese lenta pero manobra con intelixencia. Sabe ben como tapar os seus pecados.
Agora son inocentes por sobresemento, antes foron culpables pola querela da propia Fiscalía; todo sen seren enxuizados. A diferencia é que agora os medios non din nada (daquela a nova tivera especial repercusión na galega, entón manipulada polo PSOE, e en El País). Silencio informativo. Mentres, EXELCO segue realizando a súa actividade no serradoiro de pedra instalado sen licenza na ladeira do Monte, iso si, sen poder explotar a canteira porque lle retiraron o permiso de investigación (?). Si. Por iso aínda que traten de explicarmo como a un neno, custa entendelo.
Será logo que toda irregularidade administrativa está exenta de ser calificada como delito? Digo porque neste suposto intervén unhas administracións que durante máis de dous anos de explotación non din nada, nin fan nada, ate que llelo esixe o Ministerio Fiscal. Logo os inspectores das propias administracións realizan os informes que exoneran de responsabilidade algúnha a propia administración … Pediralle tamén o Fiscal Xefe aos técnicos da Deputación de Ourense que realicen informes que xustifiquen as contratacións realizadas por esta entidade recentemente? Sería o lóxico. E unha vez comprobado que todas as contratacións teñen unha xustificación técnica, porque a terán, o que queira queixarse que presente un “contencioso”.
Xosé, esta visto que este tipo de falcatruadas sempre contan cunha man amiga que lles agocha todo e coa outra, recóllelles as prebendas polo favor.
Seguimos igual que sempre, o peixe grande come ao pequeno… hasta cando?
Ata que non queden peixes… entón comeremonos os uns aos outros.
Unha aperta!