Neste post: “Outliers e o Índice de Distancia ao Poder”, Francisco Alcaide, facendo referencia ao libro ‘Foras de Serie’ (Outliers) fai fincapé nun dos parámetros que fan que unha persoa, unha organización ou mesmo unha sociedade, acaden o éxito. Tanto o autor do libro como o deste artigo coinciden en que existe unha relación directa entre o fracaso dunha misión e o Índice de Distancia ao Poder (IDP).
Para Geert Hofstede, “a distancia ao poder está relacionada coas actitudes cara a xerarquía, en concreto, con canto valora e respecta a autoridade unha cultura en particular”.
Penso que Galiza debe o seu atraso social e económico, en boa parte, ao elevado IDP. O noso IDP é elevando xa que nesta terra abundan os silencios e a escuridade nas comunicacións, facendo que a maior parte da nosa sociedade saiba das cousas que lle son do seu interese demasiado tarde, deixando sen marxe de manobra ao interesado. Existe medo a dicir as cousas claramente, existe temor a autoridade (xa sexa esta un empresario, un responsable político, …).
Contar con empregados que ten medo a dicir o que pensan ao seu xefe, especialmente cando está en desacordo, contar con veciños que ten o mesmo temor a trasladar as súas queixas e ideas a persoa que goberna o seu concello -ou calquera outra administración- supón un freo ao avance da nosa sociedade en tódalas súas vertentes (económica, social, cultural,…).
Si, como salienta Hofstede, nos países cun baixo IDP os responsables políticos case se ‘avergoñan’ do seu poder, renunciando a símbolos formais (andar en transporte público no lugar de coche oficial, por exemplo), aquí é algo que cada día che botan na cara. Non vou falar de audis, mais sería un bo exemplo, senón do que se lle dá en chamar publicidade institucional, a través da cal o goberno de quenda di todas esas cousas que fai por nós, cos nosos cartos, e polas cales lle debemos gratitude. Iso si, eles tampouco o fan de balde.
Nun país cun baixo IDP aos políticos caeríalles a cara de vergoña si tivesen que facer esta clase de campañas publicitarias, aquí, nembargantes, soportámolas a diario. Non hai moito, no III Encontro de Emprendedores Eduardo Barreiros, mentres Paco Vázquez, Alcalde de Ourense, piropeaba a José Luís Outeiriño, editor do xornal da cidade, unha moza -destas que aparecen nos actos de inauguración e clausura, non das que seguen o encontro integramente- que estaba sentada ao meu lado dicía sen disimulo, para que a oísen os que estaban diante: ‘Que joven está Paco, verdad?’ Por riba de todo a verdade.
Outro exemplo: ate non fai moito estiven traballando nunha asociación sen ánimo de lucro, ASPANAS, onde unha compañeira me recomendou que piropease a xefa, pois “encántalle ser alagada”. Confeso que non o fixen e probablemente esa sexa a razón de que non siga nesa entidade. Tamén digo que non me gustaría traballar nun entorno no que tivese que estar calado, silenciar o meu pensamento. Por iso me aledo de non seguir nesa entidade, a que nunca volverei, por varias razóns:
1.- Por non terme valorado como profesional.
2.- Por non ter tido en conta as miñas innovacións
3.- Porque non comparto os seus métodos (si os seus fins) caciquís.
4.- Porque, enlazando coa número 3, se despreza o talento e se sobrevaloran as relacións de amizade.
5.- Por non respectarme como persoa (dende o primeiro momento: así cheguei a entidade).
E, por último, porque existe dentro desta entidade un elevado IDP que fará, que máis tarde ou máis cedo xurdan problemas, ate agora evitados e silenciados grazas, precisamente, ao elevado IDP que moitos, eu incluído, profesamos a entidade, que non polas persoas que a dirixen.
Son dous exemplos illados pero que cada día se viven en cada empresa, en cada administración de Galiza. Somos unha sociedade totalmente sometida ao que ten máis poder. Falta algo de rebeldía. Ou mellor, cumpre non perseguir ao rebelde. Quizais con isto fose suficiente.