A CEO censura a crítica e restrinxe a liberdade de expresión

Logo de criticar a CEO (Confederación de Empresarios de Ourense) por enésima vez polo uso continuado do castelán na súa páxina de Facebook e na súa conta de Twitter decidiron eliminar primeiro os meus comentarios, logo a conversa enteira, quizais avergonzados polo que eles mesmos afirmaban. Lamentablemente a conversa é imposible reproducila na secuencia en que se produciu.

Na súa páxina informaba da conferencia que hoxe ía dar @marcvidal na sede da CEO para falar de oportunidades de negocio nas redes sociais as sete da tarde. Como se pode apreciar, polas mensaxes recibidas no meu correo, ao mesmo tempo que esta persoa falaba de redes o “community manager” da CEO (xúrovos que escacho de risa) eliminaba unha conversa miña da páxina da CEO en Facebook, unha páxina que é publica e, polo tanto, as súas conversas públicas.

Dígolle que estaría moito mellor que editasen esta páxina en galego, pois reciben moitos cartos anualmente para normalizar a lingua galega na sociedade.

Resposta: “A Confederación non dispón de servizo de normalización lingüística e non é beneficiaria de ningún tipo de subvención da Xunta por ese concepto xa que as axudas para as actividades deses equipos remataron no ano 2009”.

Alucino! Minten! Vou a súa páxina web, a sección servizos, e alí hai un servizo que se chama “normalización lingüística” e afirman que ese servizo se presta grazas aos convenios asinados pola CEG coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. Amais, que non tivesen axudas este ano non significa que non teñan equipos de normalización lingüística, que os ten, outra cousa é que non realicen o seu traballo.

Ben, respóndolle que “… non mo creo” pois cónstame a existencia dese equipo, por unha conversa que tiven fai uns meses en facebook con un dos seus membros e que non reproduzo aquí por ser, esta si, unha conversa privada. A continuación copio e pego a ligazón na que está o servizo de “normalización lingüística”: http://www.ceo.es/pagina.aspx?p=2.9 e que agora desapareceu.

Aínda que eles borrasen de inmediato esa páxina da súa web o cache de google continúa gardándoa (ver) e para cando desapareza da memoria do buscador aquí queda gardada unha impresión de pantalla para a posterioridade.

Como poño unha ligazón da páxina da CEO, a miña fonte de información, que os deixa en evidencia o que fan é borrar ese comentario. Acto seguido, eliminan a información sobre ese servizo da súa web, e respóndenme: “Non é cuestión de crer ou non crer, basta con consultar as axudas convocadas pola Xunta ao longo do ano 2010 e poderá verificalo”.

Pero si acababa de verificalo na súa propia web e mandarlle o enderezo e ten a vergoña de pedirme que o verifique de novo!? E por riba censuran o comentario onde ligaba ese servizo! Indignado (o que sente violentada a súa dignidade, e dicir, que a ten) volvo a facer outro comentario: “Chegades a ser máis senvergoñas e non nacedes. Non so eliminades as ligazóns a vosa web: http://www.ceo.es/pagina.aspx?p=2.9 senón que agora eliminades o contido da web, onde se oferta os servizo de normalización lingüística e se especifica como se financia. Sodes uns FASCISTAS! E digo así, berrando, sabedor de que axiña o borraredes, que para iso tedes censores en nómina. Non sabedes encaixar que non tendes razón e queredes impola. Non poderedes facelo nin no meu perfil nin nas miñas páxinas e blogs. XA está ben de manter chiringuitos como a CEO a conta dos IMPOSTOS DE TODOS”.

Por suposto, agardaba que o borrasen, pero non sen antes responder: “O que on se pode facer é borrar os meus comentarios ao seu antollo e moito menos ligazóns nas que se verifica o que eu afirmo. Iso é FASCISMO, iso é TOTALITARISMO, que nesta organización SOBRA! Sodes unha rede de caciques mantidos con fondos públicos…. Sen sindicatos e sen patronais a este país iríalles moito mellor porque cuentistas coma vós estarían no PARO. Borrade, borrade, borrade todo! Censores do reino!”. Non era para menos a miña indignación, tanto que se me esqueceu engadir un montón de cualificativos. E borrárono, claro. E volven a responder: “Como comprenderá a Confederación non deixa de prestar un servizo por levarlle a contraria, pode resolver un erro de actualización da súa web sen ningún tipo de mala fe pero dende logo os seus calificativos están fora de lugar e agradeceríalle que antes de seguir facendo este tipo de comentarios verificase as afirmacións que indica sobre as subvencións que recibimos para servizos de normalización”.

Cumpre ser cínicos! Falaban para o gran público claro, non para min, a min non me enganaban e xa llelo demostrara. Pouco máis se pode engadir… ou non.

Non contentes con eliminar os meus comentarios remataron por eliminar os seus propios, retirando a cita sobre a conferencia de Marc Vidal. Logo puxen outro comentario noutra cita e borrárono outra vez e logo retíranme o permiso de publicar no seu blog. Comezo a mandar mensaxes ao seu Twitter,… e fan o mesmo.

Censuran e silencian a crítica. Restrinxen o uso da lingua galega e a liberdade de quen a defende. Esa é a caste de empresarios que ten este país atrasado? Acoden as redes sociais a que? Aínda non comprenderon que na sociedade das TIC todos temos oportunidade de falar, nuns ou noutros foros? Aínda non se decataron que xa non se pode amordazar a ninguén? Atrasados están… e con eles todos, que llelo permitimos.

1 comentario en “A CEO censura a crítica e restrinxe a liberdade de expresión”

Os comentarios están pechados.