Hai un factor que me fai dubidar dos resultados dos enquisas que se publican en diferentes medios, o xeito en que se realiza: sondaxe telefónica.
As eleccións de 1936 ou 1948 son unha proba tanxible do que acabo de afirmar. En 1936 deuse un fracaso ben soado por parte dunha revista lendaria, a Literary Digest, agora desauciada, na que se realizara unha entrevista entre os seus subscritores e persoas posuidoras de teléfono. Segundo a sondaxe Landon acadaría 370 representantes e Roosevelt 161. Gañou o último.
Que pasou? Poi que os subscritores a revistas e persoas que posuísen unha liña telefónica naquel tempo formaban un grupo especial, economicamente, e pouco representativo da sociedade do seu tempo. Pero houbo máis erros. En 1948 a enquisa de opinión realizada por Gallup (reforzada por outras sondaxes como as da Axencia Roper) para as eleccións dese ano, cometeu un erro estatístico que acadou gran difusión, ao outorgar a vitoria de entre 5 e 15 puntos porcentuais de Dewey sobre Truman. Gañou este último.
O erro foi debido, segundo Gallup, a que se deixaron de recoller datos tres semanas antes do día da votación. No Reino Unido, as sondaxes fallaron ao prognosticar as vitorias electorais dos conservadores en 1970 e 1992, e a vitoria dos laboristas en 1974. En España erraron tamén coa vitoria de Mariano Rajoy no 2004. Neste caso tamén debido aos sucesos anteriores á xornada de votación.
É moi probable que a enquisa realizada por Filipe Díez no seu blog, enredando, de ao traste coas ilusións dos seus lectores maioritarios e ao final o BNG non acade unha maioría absoluta no Estado español. Porque? Doado, os lectores do seu blog tampouco son representativos do conxunto do Estado. Pero o mesmo pode dicirse doutras sondaxes realizadas a través da rede por diversos xornais ou plataformas. Significa iso que non son válidas? Claro que non, o que non son é extrapolables, como tampouco o pode ser, penso, unha sondaxe realizada a través dun teléfono publicadas nos xornais, baixo seu encargo.
O cliente sempre ten a razón… e hai que darlla. Non ía ser menos neste tipo de negocios. As mostras actuais, aleatorias, son realizadas telefonicamente e a un teléfono fixo, para verificar a que circunscrición se está chamando. Sen embargo, a mobilidade dos novos aparellos telefónicos foi crecendo ano a ano e lévanos a abandonar os vellos, agora arrombados na casa, mentres nós nos movemos co móbil no peto polas rúas. A última sondaxe que lin, de Sigma Dos, dicía que fora realizada telefonicamente entre 7800 persoas.
Tampouco estaría de máis coñecer datos relevantes desas persoas sobre as que se realizan as sondaxes: autónomo, empresario/a, traballador/ra por conta allea, desempregado/a, estudante, pensionista, xubilado/a, idade, xénero,… ou, por exemplo, a que tipo de teléfono ao que se chama. Son esas pequenas cousas invisibles que non sempre aparecen reflectidas. Por iso me custa tanto crer que se poida dar cun grupo representativo, por máis extenso que sexa, da sociedade ao carón dun teléfono fixo, nun xornal ou nun blog. Pois quen lle pregunta ás persoas que están nun aeroporto, nun tren, nun autobús, camiñando pola rúa ou simplemente sentado no banco dun parque un día calquera como si fose un luns ao sol? Non se lles pregunta, abofé, pero tense en conta nos laboratorios de estatística.
E debería facerse, sobre todo nestes tempos de crise, nos que millón e medio de fogares non contan con ingreso algún, o que obriga a moitas familias a eliminar gastos como o teléfono, e de ser este o elixido antes se prescindiría do fixo que do móbil, pola cantidade de funcionalidades que nos ofrece: axenda, directorios, cámara de fotos, reprodutor de música, internet,… Internet! O outro factor invisible que se atopa entre as persoas que usan as TIC para comunicarse e non son tidas en conta polas sondaxes, que continúan usando os mesmos criterios e procedementos dende fai décadas. Aí está o crecemento na venda de smartphones, tabletas, portátiles,… instrumentos visibles das redes que se tecen no ciberespacio, cada día máis real que imaxinado, cada día máis decisivo. As sondaxes ignoran as persoas que utilizan este medio de comunicación, ignoran os fluxos de información e opinión que crean, opinión tamén sobre o voto. Isto faime aventurar para o 20N outro cisco semellante ao de Literary Digest ou Gallup… ou quizais sexa un desexo.
Hola Xosé
Haberá que actualizar o Blog ou?
Hai oh! O que ocorre é que últimamente estou desconectado da actualidade… E un día por outro xa case van dous meses.