Mitins, bandeirolas e hooligans ardentes

Asistín a moitos mitins na miña vida e víame sempre rodeado de argaos, de xente que non escoitaba, berraba cando se lles pedía que o fixeran, ou instintivamente cando se ventaban valores identitarios, ou calaban ao falar de conceptos políticos, económicos, mesmo filosóficos que nos afectan.

 

Coches pola rúa rebentando oídos aos viandantes, cartaces arrincados polas treboadas enchendo de lixo parques, xardíns, cunetas. Programas de partidos políticos enchendo os baldes do lixo, baleiros de contido ideolóxico, prometendo o que non fixeron cando tiveron a oportunidade de gobernar. Titulares de prensa que se converten en argueiros que penetran polos ollos deica os cerebros menos esixentes, frases impactantes para acochar ante os mass media a ausencia de proxectos reais e activar instintos primarios, como a paixón, no votante e desactivar aqueles outros que nos converteron no que nos define como animais: a razón. Seres pensantes, seres críticos.

Iso é unha campaña política na actualidade: a mala praxe no uso da mensaxe, dirixida integramente ás emocións humanas, esquivando a razón; a utilización dunha imaxe falsa, finxida, para chegar cunha mirada ao que o “votante medio” considera “candidato normal” logo de anos e anos perfilando esa imaxe na mente humana: traxes caros, garabatas, postas en escena milimetricamente estudas, con predominio masculino (imaxe de fortaleza) sobre o feminino (debilidade),… aínda con esas, espremendo o zume dunha educación patriarcal. O importante é sacar o máximo proveito a eses minutos, quizais segundos, de televisión para enganar ao espectador que ignora como todo iso se logra: a punta de pistola.

Os locais onde se imparten charlas ou mitins énchense recrutando concello a concello ás persoas, como si fosen ovellas para unha feira de animais. Lembro cando sendo Responsable Local do BNG de Xunqueira de Ambía me chamaba o Responsable Comarcal, hoxe candidato do BNG ao Congreso polo Senado, para dicirme cantas persoas debían acudir a cada acto: trae como mínimo a dez, dicía. Non é preciso moita imaxinación para saber que en cada mitin que dan neste ou noutro partido os candidatos chegan co seu séquito ao lugar elixido cunha ducia ou centos de persoas. Crean un teatriño no que cada quen cumpre co seu papel, incluídos os pseudoespectadores, para chegar a vostede, que está na súa casa fronte a un televisor e descoñece estas tropelías maliciosamente argalladas.

Non lles contarán a xente, a ese conxunto de persoas ás que lle estafan o voto, a verdade do que levan feito, moito menos do que farán no futuro. Soamente lle ensinarán a mensaxe que exalta os seus sentimentos, a imaxe da resposta dunha multitude embebida no cinismo político que nos abrangue e espallan os que se din nosos representantes, escoitaremos e leremos as acusacións mutuas de corrupción, normalizándoas socialmente -a propia, claro-, provocando medo social ao que ven (máis paro, máis terrorismo, máis desaucios, máis pobreza,… tamén máis contaminación, pero isto non o din) si o outro goberna, sen ofertar alternativa algunha,… pero nada, nada de política, nada de solucións reais aos problemas que nos afectan: a crise financeira, o desemprego, os desaucios, a perda continuada de dereitos persoais, vencellados ao estado de benestar, e laborais e por suposto a contaminación do noso contorno que nos obriga a respirar un aire contaminado, beber de augas sucias, comer alimentos envelenados… A humanidade actual parece non preocuparlle a supervivencia da civilización creada durante milleiros de anos. Estamos dando, irremediablemente, un paso atrás no proceso evolutivo da nosa especie.