Querido Paco:

Logo de meses espertando, cada mañá, a túa beira, quería confesarche o pracer que me produce oír a túa ronca voz anunciando cada día un feixe de boas novas. Moitas veces agardo esperto e con ansia o intre en que soltas tódalas excelencias do excelentísimo nese breve pero intenso minuto de radio. Outras durmo, máis esperto con pesadelos, pensando que xa te fuches. Non debería, sei que si algún día iso sucede podo atoparte logo nas páxinas do xornal da nosa cidade. Que sorte temos de vivir nesta gran cidade, que sorte terte de Alcalde.

Esta cidade e os seus cidadáns deberían amosarche o seu agradecemento porque soamente se lles vai subir a taxa do lixo un 18%. Ao escoitalo da túa venerable boca dan ganas de pagar o vinte, para contribuír, cando menos, a sufragar os gastos que ao Concello lle supón o teu ‘número’ diario na radio e prensa local.

Si estivese parado, como o están miles de cidadáns nesta cidade, tranquilizaríame saber que o meu Alcalde xera emprego: noventa persoas traballan grazas a túa benevolencia, noventa amigos, e non son máis porque á cidadanía ten o deber de sabelo. Isto é, cumpre pagar a prensa e radio locais para que nos informen das bondades do noso benfeitor. Estes non son tan altruistas coma ti.

Debo recoñecer que es ben fino, fino coma un allo! Entras na miña casa pola mañá cedo, ben cediño (igual o fas máis veces mais logo xa non nos encontramos), cando aínda estou coa garda baixa. Fas que cada día saia da miña casa crendo que vivo na cidade máis limpa, máis segura e máis atenta coa súa cidadanía, atenta cos que máis o necesitan e tamén, como non, cos que menos o necesitan. No intre que poño o pé na rúa sei que non fallará nada. Aí todo é perfecto, unha máquina de precisión suíza da que ti te encargas de dar corda.

Ao mesmo tempo, os medios de comunicación a que me refiro, o xornal máis lido da cidade e a radio máis escoitada, amósanse condescentes coa túa túa labor e a do teu goberno. Que van facer? Criticar o excesivo gasto en publicidade? Non se atreverán. De feito, os beneficios anuais que aquel xornal anuncia son inferiores aos gastos que o excelentisímo fai en propaganda nel. Grazas a estas partidas os traballadores que se verán prexudicados polo ERE serán tan só 35. Deberías apuntarte tamén ese tanto.

Sen máis, despídome, nesta carta aberta, coa tranquilidade que me dá saber que mañá, ben cedo, ti estarás aí para darme folgos, quen sabe si, seguindo a miña recomendación, coa seguinte mensaxe: O Concello de Ourense informa: “a maioría do cadro de persoal do ‘xornal da nosa cidade’ conservará o seu posto de traballo grazas as achegas realizadas polo goberno progresista da cidade de Ourense”. Sería unha boa nova! Abofé que si!

Unha forte aperta progresista!

1 comentario en “Querido Paco:”

Os comentarios están pechados.