Fichaxes

O día 11 Marzo 2010, clasificado en: actualidade, política local, por xOsse dorrío

Será Baltar Blanco (BB) o novo Florentino Pérez da política? Eladio Fernández (EF) chega ao PP en plan “Cristiano Ronaldo” dicindo que o proxecto do novo presidente provincial dos populares, BB. lle parece «sólido, fiable e ilusionante». Un crack!

Di a nova fichaxe que comparte co seu actual partido as súas «ideas, proxecto e obxectivos para sacar adiante a provincia». Esmendréllome!

Na rolda de prensa da súa presentación -aínda non se sabe que número lucirá na camisola- EF reivindicou a súa liberdade política e proclama que «hai un proxecto que me ilusiona moito máis e estou a disposición de BB para o que dispoña». Plas, Plas, Plas,…!

Ilusión, identificación, humildade. Que máis se lle pode pedir a un político? Que venda camisolas ou, deixando a un lado o símil futbolístico, que arrastre votos. Disto xa teño as miñas dúbidas, máis non sería o primeiro caso de eterna promesa que triunfa lonxe da súa casa. Disto sabe moito BB, asiduo galeguista do fondo sur do Santiago Bernabeu.

Amais, a súas aptitudes serán unha chamada de atención aos actuais membros do equipo popular, para que non se durman nos laureis e, especialmente a canteira: o novo presidente está disposto a buscar fora o que non atope dentro (capacidade, imaxe, lealdade,…).

Para BB foi un «paso valente» o dado por EF, quen destacou unha traxectoria política que «está á vista de todos» e os que non a vexan que repasen as hemerotecas. Tamén nos contou BB que o PP ourensán sumou «máis de un millar de afiliados» dende a súa chegada entre os que «tamén hai persoas que militaban no BNG» e «agora son militantes do PP». Iso si que doe!

Fai tempo que penso que o fútbol non é moi distinto da política. Un nace sendo dun equipo ou dun partido e morre sendo dese equipo ou partido. A xente non acode a votar por uns ideais, senón porque é seareiro dun partido. Dá igual cal sexa o seu proxecto, os seus ideais, que xogue cos titulares ou cos suplentes máis mediocres; existe unha parte moi importante do electorado que é fiel a unhas cores, a azul, a vermella ou a celeste -que máis dá!-, logo non podemos esixirlle a estes políticos -os verdadeiros protagonistas deste xogo- que teñan un comportamento tan diferente daqueles outros e que renuncien a xogar nun equipo máis grande -xa que sempre será máis doado que facer grande a un equipo pequeno-, no equipo dos seus sonos.

Artigo relacionado: «Hai seis meses denunciaba irregularidades na Deputación de Ourense, hoxe ficha polo PP«, en Vieiros.

Xenial remake de Kiko da Silva, en Retranca

Este blog rexeita o caciquismo en Galiza

O Carrabouxo, por Xosé Lois en La Regíón, 13 de marzo de 2010

etiquetas:  

Os comentarios están cerrados



arquivo de mOendo

Marzo 2010
L M M X V S D
« Feb   Abr »
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
293031  

fontes/feeds


Anota o teu enderezo:

Delivered by FeedBurner

Powered by FeedBurner

arquivo, mes a mes