A ditadura perfecta

O BNG comarcal de Allariz-A Limia leva rumbo de converterse na “ditadura perfecta”, unha ditadura envolvida en papel demócrata. A correlación de forzas que forman o Consello Comarcal, viciada polas presións dos responsables políticos que naquel intre tiñan algún cargo público en base aos favores feitos ou ás promesas futuras (alguén oíu algunha crítica dende o nacionalismo á sucesión baltariana do PP. Como ían dicir nada si meses antes eles fixeran o mesmo nas eleccións internas do BNG? Cando menos desta vez foron coherentes, cousa nada habitual), está tramitando o expediente de expulsión de Alberte Sobrino, segundo me comenta o membro ilexítimo deste Consello, por mesturar ao BNG nun conflito particular entre o Concello de Maceda máis el.

Non é certo que Alberte fixera tal cousa, Alberte reclama unha débeda ao Concello de Maceda, non ao BNG, e en ningún intre mistura a súa militancia no partido con iso. Quen si o fai é Xavier Oviedo na nota informativa que repartiu por toda Maceda (paneis informativos, cristaleiras de bares, paredes, caixas de correo,…), unha nota na que di que este militante trata de aproveitarse do seu “achegamento partidario”. Agora é precisamente este quen trata de sacar do medio a un dos seus compañeiros alegando uns feitos que Alberte non cometeu -e si o propio Alcalde. Hai que ver con que facilidade perde as formas este personaxe!-.

Sobra dicir que pensa de todo isto o (ir)Responsable Comarcal do BNG. El tamén quere quitar do medio a cantos non son da súa corda para así manter a súa posición privilexiada na pseudodemocracia interna desta organización. Por suposto, non haberá ningún tipo de medida disciplinaria contra Xabier Oviedo -para min a súa conduta si é merecedora da expulsión do partido-, só queda agardar que o pobo de Maceda o poña no lugar que se merece: na oposición.

Un pobo non pode permitirse un Alcalde que trata de coartar a liberdade de expresión dos seus veciños, un Alcalde que utiliza os instrumentos de poder ao seu alcance para atacar a un veciño ou para favorecer a outros, un Alcalde que executa proxectos a cargo dos proveedores e non dos fondos propios do Concello, proveedores aos que non atende coa mesma puntualidade con que, a bo seguro, carga a súa nómina. Profesionais…

3 comentarios en “A ditadura perfecta”

  1. XOsse, permíteme unha vez máis que abusando da túa xenerosidade, cole un comentario na túa bitácora a forza de ser repetitivo nalgunhas cousas.

    É a primeira vez que teño constancia dese código ético e aínda que parece que foi creado expresamente para os cargos públicos, non debemos esquecer que como tódolos partidos políticos “tentan infiltrarse noutros estamentos para facerse ver e pescar votos” como son as asociacións de veciños, culturais, de comunidades de montes, etc, coido que eses principios deberían ser tamén vinculantes para os que exerzan cargos nesas institucións.

    Sendo militante do BNG nunca tiven acceso a esa información, pero cando un non busca máis que a satisfacción persoal de facer ben as cousas, non necesita códigos éticos.

    – O rexeitamento de calquera regalo ou favor que podan afectar á
    imparcialidade no desenvolvemento das súas funcións.
    No seu día (xa o comentei) renuncie aos agasallos que unha empresa nos fixo coma directivos da comunidade, mentres outros tentaron convencerme do contrario. A día de hoxe esta empresa é practicamente a única que traballa na nosa comunidade.

    – A denuncia de calquera conduta de corrupción detectada no exercicio das súas funcións.
    Iso foi o que fixen a nivel interno é pedindo asesoramento para evitar prácticas censurables, como cando o presidente unha vez que tivo que anular (polas súas presas) un proxecto do local da comunidade adxudicada a súa construción en poxa publica, decidiu adxudicalo novo proxecto directamente e comunicándonos que ía “relear” persoalmente co construtor o seu prezo (esta gravado).

    – Evitar os conflitos, reais ou eventuais, entre os intereses propios e o
    interese público.
    Di un vello aforismo que a muller do César non só debe ser honrada senón tamén parecelo.

    – Absterse de utilizar a influencia ou as relacións adquiridas con
    ocasión do desempeño de funcións públicas en interese propio ou de
    terceiros, mesmo despois de ter abandonado o cargo ou función.
    Grazas as influencias, meu pai quedou sen unha parte do seu agro, agora non ten acceso dende esa pista e as máquinas leváronlle a madeira por diante.

    4. Propaganda cero
    Os candidatos e cargos nacionalistas adquiren un compromiso de non
    utilización de fundos públicos en campañas de propaganda que, lonxe de propiciar a necesaria información á cidadanía, só serven como escuro sustento de intereses partidistas.
    Coido que non é preciso engadir nada. Papel mollado que queda moi ben para a galería. Que conste que outros o fan peor, pero polo menos non perden o tempo en crear falsas expectativas.

  2. Recoñezo que fun mal aconsellado pois contáranme a o xeito que lles conviña, e neste asunto Sobrino ten razón.
    Pídolle disculpas, e se en algo o podo axudar para resarcilo do mal que cometín envíolle o seu enderezo o nº do meu autofalante.
    Que se esqueza, qué pola miña parte non será molestado.

Os comentarios están pechados.