A que nos ven enriba

Comeza o novo curso político e, unha vez máis, vou xogar a ser profeta, cousa que, co panorama de crise económica actual resultará doado.Non resulta tan doado atopar a un responsable e, de facelo, que asuma dita responsabilidade.

Primeiro a culpa foi da economía neoliberal. Tódolos gobernos do mundo (entendendo por tódolos gobernos do mundo unicamente os que conforman o G20) decidiron que xa era hora de apretarlle a corda aos Señores dos Mercados e cinguilos a unha lexislación estricta. Pouco lle durou a ansia de gobernalos a todos.

Así, aínda sen saír da crise económica, os Señores dos Mercados, recuperaron o poder sobre os homes libres, nós, que somos os que posuímos a liberdade de escoller entre quen nos desgoberna ou entre quen nos malgoberna, máis non podemos decidir sobre as políticas que desgobernantes e malosgobernantes aproban. Ese eido está reservado aos Señores dos Mercados.

Aínda así,  a pesares da pouca capacidade que teñen para decidir, xa sexan desgobernates ou malosgobernantes, lonxe de unirse contra os Señores escuros, permiten que as sombras do mal se extendan sobre nós, enfrontándonos, explotándonos, recortándonos dereitos, etc. en beneficio propio, nunca no de todos. Esta loita que abrangue a toda a poboación, non só aos desgobernantes e malosgobernantes, senón tamén aos ingobernables en Galiza, agrava a situación do pobo. Agora que se achegan as eleccións locais as tres forzas, alleas á ameaza das sombras adentraránse nunha cruenta liorta para rabuñar cada apoio que poida permitirlles manterse no poder a uns, sacalos e ocupalos a outros. Da guerra, coma na política, e viceversa, non poden agardarse prácticas limpas, mais a inocente poboación sucumbe en masa. unha e outra vez, pola necesidade de acadar o poder para seu grupo de pertenza. Acadalo permitiralles ter máis posibilidades de sobrevivir neste sistema esgotado, accedendo así aos recursos que se lle negarán logo aos perdodores e tamén, como non, aos que permaneceron neutrais.

As diferentes forzas dende a súas posición acumulan efectivos para a gran batalla, acumulan víveres e auga, negándollos a poboación -axudas, subvencións, servizos, infraestructuras,..-. O obxectivo agora é crear máis necesidade, así logo as esmolas serán máis valoradas. Estas, as axudas cando comecen a chegar serán custosamente anunciadas -quizais o custo da información supere ao da execución- para que o pobo famento se dispute por elas, entre si -haberá postos de emprego, que non traballo, para miles e miles de parados, en administracións e chiringuitos amigos de uns, amigos de outros e amigos de todos-.

Logo deste “momento Tolkien”, o certo é que pasada a batalla das municiapais todo quedará esgotado e todos, uns e outros, quedarán desamparados ante a crise que nos afecta,… ata as vindeiras eleccións, nas que, outra vez, nos tocará realizar a función de tontos útiles. Non están a salvo nin os que se consideran máis protexidos, pois aqueles traballadores laborais “fixos” poden ser os primeiros en perder o seu emprego coa simple perspectiva de perdas por parte da entidade a que pertence. Na maioría dos casos, as administracións públicas, todas en números vermellos, e co colapso destas caerán logo os seus chiringuitos (empresas públicas, entidades sen ánimo de lucro, fundacións, sindicatos,…) que grazas a “reforma laboral de ZP” poderán ser botados a rúa por un módico prezo de 20 días por ano traballado.

Só nos queda agardar que cando comece o adelgazamento forzado das administracións non queden ocupando os seus postos aquelas persoas máis ineptas e poñan na rúa aos máis traballadores. Si eses nunca entraran, probablemente, a situación actual sería ben diferente.