O home lobo da Lagoa de Antela

Cando era pequeno, e se facía noite, lembro que de vez en cando subía pola estrada un home do pobo que superaba ben os sesenta anos, un home de pel escura, curtida polo aire da Lagoa, encurvado e cun paso lento e canso logo dunha longa xornada de traballo nas leiras. Ía sempre falando coa persoa que levaba ao lado, só que nunca levaba a ninguén ao seu lado, e botando fume pola boca, só que nunca levaba o cigarro aceso. Era Pepe, o da “Aira Vella”, o menor de cinco irmáns, todos eles solteiros que vivían na casa dos “cañotos”.

Os que o viamos subir éramos os rapaces das casas de arriba que, como vivíamos nun pobo algo grande, nunha empinada ao Norte da Lagoa de Antela, partíase en dous: “casas de arriba” e “casas de abaixo”. Os do medio nunca se sabía moi ben de onde eran, sobre todo cando tocaba dividirnos para algún xogo. Logo tamén había outras divisións, estas por barrios: “o curro”, “o recanto”, “o patio”, “a canella” … e seguro que aínda se me esquece algún máis. Dicíavos que eramos os nenos do alto do pobo quen o vía subir porque sempre se dirixía cara o mesmo lugar: a Lagüela, ou iso críamos, onde moraba o “home dos paus” e sempre que o víamos era lúa chea. Hai que poñerse na situación de aquela época: o alumeado entón era case inexistente e as poucas lámpadas que había dubido que pasasen dos 30 W. Aínda non chegara a época de “un voto, unha farola”. Iso podía levarnos a engano, si, pode que subise máis días, pero nós só o víamos cando era lúa chea e xa entón os nenos da cima do pobo pensabamos que Pepe da “Aira Vella” era un home lobo. Máis tarde confirmaríase que así fora.

Tamén se puido explicar a razón de ir sempre cara arriba, a Lagüela, que non era outra que o seu interese pola historia de desamor do “home dos lareiros”. O xeito de achegarse a el foi uníndose a manada de caninos cando se convertía en lobo, axudándolle na procura de alimento ao seu dono, dándolle calor cando o precisaba e protexendo das outras bestas da noite. Non tardou moito en ser un máis da manada e como todos, cans e lobo, ían e viñan con liberdade ninguén o botaba en falta cando non podía transformarse.

Sería logo, nos seus últimos días de vida cando Pepe da “Aira Vella” contaría a seus irmáns tódolos segredos do “home dos cans” dos cales, unha das irmáns, a máis moza, foi tomando nota. Por iso boa parte desta historia será contada por este home que a veces foi besta. Quen mellor para comprender a dor do “home das latas”, quen perdera toda a súa humanidade por namorarse da meiga Acrasina. De Pepe hai que dicir que a pesares de ser un licántropo non se lle coñeceu falcatruada algunha na zona, máis ben ao revés, parece que gardaba do seu territorio e non permitía que ningunha outra besta fixese dano aos humanos que por alí andaban de noite. Doíalle, moito, non poder protexer do mesmo xeito aos animais da maldade do home. El, moitas veces, dubidaba que parte del era a humana civilizada e cal a animal salvaxe… non entendía a conduta dos humanos; aquela necesidade que tiñan de matar por lecer. Podía admitir que se fixera para sobrevivir, como facía el cando mudaba de estado, pero sempre para saciar o seu apetito, nada máis. No resto dos días comía do que procuraba con moito esforzo das súas terras, utilizando os animais unicamente como ferramenta de traballo e transporte.

De Xosé Lois “O Portugués” envexaba as emocións que el sentira na súa xuventude, emocións que el xamais experimentara, dende o amor máis louco ate u odio máis enfermizo. É difícil comprender como tal cousa se pode chegar a envexar, sobre todo isto último, pero Pepe entendía que dificilmente se pode diferenciar unha emoción da outra sen ter vivido ambas. “Cumpre coñecer a dor para saber o que é a satisfacción… e viceversa”, dicía. El non fora quen, cando menos dese tipo de emocións.