Soidade

A soidade foi o refuxio do “home dos nomes”, o lugar onde atopou a paz social e familiar que noutro tempo soñara. Non precisaba conversar máis que con seus cans ou coas personaxes que se escapulían nos seus sonos, entre eles, e sen decatarse, Pepe da “Aira Vella”. O mellor da soidade eran os silencios externos da compaña. A soidade é unha boa compañeira, afirmaba, nunca me pide explicacións de nada. Entendo que non coñecía a fondo o poder transformador da soidade, si, pois en realidade, cando cremos que está aí calada, ela, sen dicir nada, sen recriminar nada, convertese en conciencia e introdúcese no pensamento da persoa a que acompaña e é entón cando comeza o muíño a dar voltas, a moer nos miolos, unhas veces do dereito, outras do revés, sen control, sen guía. Moi dura debeu sela súa experiencia coa xente, con Acrasina, para preferir soportar a tortura da soidade antes que calquera outra compaña humana.

O “home dos paus” nunca tivo complexo algún de verse en soidade, nunca tivo desexos de outra compaña que non fose a que xa coñecemos… a dos seus canciños. E non se trataba dun ser asocial como podería pensarse soamente con observalo. El vagaba polos pobos altos da Lagoa de Antela na procura de comida e nunca rexeitaba dar conversa a quen se lle acercaba, claro que cos cans, todos os enxeños que penduraban de si e a falla de hixiene persoal, só os curiosos, xente que aparecía pola zona de verán en verán, paraban a preguntarlle e el amablemente respondía. Para os que o trataban máis acotío, sabendo das súas necesidades, limitábanse a darlle o que tivesen máis a man, e el nunca rexeitaba nada… por todo, ate pola comida máis rancia, se sentía obrigado, tal era a súa humildade. Quen sería a fada de rexeitar unha persoa así?

Non sei si froito da lenda pola que, contan, se formou a Lagoa de Antela, a xente da zona era moi solidaria co “home dos lareiros”. Quizais, algún temor de que aquela maldición volvese a repetirse, poucos eran os que lle negaban axuda… agora que somos moito máis incrédulos, non sei si tería a mesma acollida. Agora o que nos asolaga é a memoria. Sen embargo, este home sobreviviu durante máis de dúas décadas da solidarizade das xentes daquela comarca, que abrangue diferentes pobos e concellos. Nunca quixo el abusar da xenerosidade de ningún pobo, nin de ningún veciño, por iso se desprazaba moito, dun lugar a outro, uns días a unha casa, outros a outra, póndoos a todo as proba, sempre coa súa casa a costas, con todo o que levaba enriba.

Algún día vos contarei a historia integra do que lle ocorreu e comprenderes mellor a súa actitude cara a vida, saberemos porque prefería imbuírse en interminables liortas co seu pensamento que con calquera outra persoa. As relacións coas persoas, especialmente as amorosas, deixan feridas que nunca curan, cicatrizan levemente, pero en canto alguén preme nelas, volven a supurar. Perduran para sempre… e o peor non é que o corazón dun quede rabuñado, o peor e ser consciente que tamén deixas marcas noutros. A dor das feridas propias son máis doadas de soportar que as alleas. Esa foi a vida que elixiu o “home dos cans” sufrir a súa dor sen danar a ninguén máis.

Solitaria serenidade