Onte Manuel Villoria falou no foro de La Región sobre Corrupción política e liderazgo político -por certo, mágoa que non se acercase por alí ningún político, pois sobre estes asuntos teñen moito que aprender-. A corrupción política é algo que sempre existiu, existe e existirá pola codicia persoal de moitos representantes políticos e tamén, como non, pola perda de valores do sector privado -… e dos políticos-. Pero a corrupción das administracións non se produce soamente por parte dos responsables políticos senón tamén, moitas veces, por funcionarios e traballadores das administracións que contan coa desidia, inxenuidade, ignorancia ou imprudencia daqueles.
Hai unhas semanas fun testigo de como un inspector ofreceu a un administrado a posibilidade de expedir unhas facturas con IVE ou sen IVE -a súa elección-para pagar unhas tasas; claro, ante unha situación así, o que realmente che dan a elexir é entre un proceso ‘administrativo rápido’ ou un ‘proceso administrativo lento’, e, co caro que está o tempo, só queda unha opción.
Estou seguro que isto non é un caso aislado, pasa cada día, e as cantidades son máis elevadas canto máis importante é o capital do ‘administrado’.
Que medidas pensan adoptar vostedes, si tivesen a responsabilidade de conformar o goberno da Xunta de Galicia, para por freo a corrupcción das administracións públicas, tanto por parte de traballadores e funcionarios como por parte de responsables políticos? Ou teremos que ser, unha vez máis, os cidadáns os que acudamos ós xulgados?
Resposta de Anxo Quintana:
Estimado amigo
Vexo que participas dun xeito moi activo nesta nova ferramenta que é o facebook. Agradézoche todas as túas mensaxes, aínda que lamento non ter tempo para respostalas todas.
En calquera caso, considero especialmente relevante o tema que plantexas nesta mensaxe. O caso do que falas, o dun inspector que ofrece facer factura con ou sen IVE é, desde logo, unha situación das que debemos combater desde a Administración Pública. Para comezar, indicar que (sen que isto sirva de xustificación algunha) un inspector non é un político, senón un funcionario público.
A Consellaría de Presidencia iniciou nesta lexislatura un proceso de elaboración dunha nova regulación da Administración Pública pendente aínda de finalizar e que, por desgraza, vemos que fica nas asignaturas pendentes da vindeira lexislatura. Para nós é, dende logo, unha prioridade regular as práticas públicas de xeito claro e nese camiño se encadra a transparencia que aplicamos en todas nosas actuacións. Exemplo disto é o feito de que sexan datos públicos os contratos e soldos de todos os cargos que se poden considerar políticos dentro das Consellarías nas que tivemos responsabilidades.
Para o domingo, por ser o día do señor, e por respeto as minorías creintes, renunciei a facer pregunta algúnha ós candidatos. Espero que non se me anoxe ninguén…