Collage II

Lois Pereiro

(poesía última de amor e enfermidade 1992 – 1995)

Crer outra vez en min mesmo sería o máis doado (16)
deixándome levar sen resistencia. (19)
Resistencia pasiva. Resistencia frontal (20)
contra o medo. (29)
Noites en branco coma sabas húmidas… (39)
Teño a cabeza no centro do mundo (23)
e o corpo é unha paisaxe de batalla (13)
solitario, enfermo, fatigado, (103)
da morte en “stand by” que me acompaña. (49)
… e as dúas portas do mundo están abertas /
fuches ti a que as abriches na alta noite, (52)
cohabitando os teus soños (55)
souben / que aínda respiraba e seguía vivo (95)
e o amor de sempre oculto e prohibido, /
selado e transferido. (73)

 

(Entre paréntese a páxina da que foi arrincado o verso. Ed. Positivas)

Collage I

Lois Pereiro

(Poemas 1981 -1991)

 

A luz ardente dun lúrido desleixo (87)
onde arde a miña sombra pola noite (7)
no desastre (15)
(d)nun presente salvaxe que me instrúe (17)
orfo doutro destino (73)
vencido pola ofensa (74)
abro un suco vermello en media lúa (27)
neste día de graza na hora xusta (43)
tras do ronsel (45)
baixo da lúa espello mordeu estrelas lume (65)
no espazo que o meu corpo invade (59)
presente na súa ausencia (35)
celebra a nostalxia (29)
co antídoto da lóxica (33)
do inferno indefinido que nos move (41)

(Entre paréntese a páxina da que foi arrincado o verso. Ed. Positivas)

Conversas Ultramarinas, Lois Pereiro

Conversas Ultramarinas, Lois Pereiro

Recoñezo que Lois Pereiro me defraudou nun principio, coas primeiras cartas. Agardaba máis da persoa a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas este ano. Parecíame ordinario. Anotacións cotiás, breves, sinxelas, anormal para alguén que se lle presumía -outros, non el- unha vida tan activa. Sen embargo, a medida que se van pasando páxinas, autor e obra (en realidade non é unha obra no seu conxunto, senón cartas individuais a P.) van sufrindo unha metamorfose. A súa musa vaise idealizando, afastándose da realidade pola distancia e o paso do tempo, incitándoo a querela aínda máis, a vez que comeza a formularse outras alternativas. Convértese nun ser cada vez máis analítico con todo o que sucede ao seu redor, xa sexa coas persoas que observa nos bares, xa cos fragmentos de libros que le coa presa de acadar todo o coñecemento preciso para poder sobrevivir no inferno, onde di o agarda o diaño. Xa pode ser vello!

Non é doado vivir cunha enfermidade incurable, non é doado atopar comprensión nas persoas que te rodean, amigos, familia, parella. Esa angustia está sempre latente no seu pensamento, nos seus escritos, sen embargo, afirma tamén, sentirse un privilexiado por atopar esa comprensión, pois é consciente de que non sempre pode estar para os demáis pero os demáis si estaban para el.

Ler estas cartas inspiroume a facer o propio, escribir cartas ao “estilo Lois Pereiro”. É unha experiencia brutal. Debo recoñecer que cada vez me resultaba máis complexo rematar unha páxina de Cartas Ultramarinas sen realizar algunha anotación, anotacións que sempre convidan a reflexión e a desenvolvelas. Con Cartas Ultramarinas pasei máis tempo pensando que lendo, máis tempo escribindo que lendo; é o que se atopa cando o que se busca é precisamente “non pensar” en algo concreto; para non pensar nada mellor que pensar, como facía Lois Pereiro, pensar dende as cousas máis banais ate o máis extraordinario, só que, cando se mira a vida como el o facía, xa nada resulta trivial. Pensar cansa, como me dicía unha amiga, pero cansa cando soamente pensas no mesmo… e doe, doe moito cando pensas na dor.

E difícil elixir unha cita e sería inxusto para o lector copiar todas as miñas anotacións, así que vou escoller unha delas que, polo momento que me toca vivir, máis impacto me provocou (está en castelán, pero traducina ao galego):

As almas xenerosas non poden ser felices sabendo que alguén se lava as mans coas bágoas doutros, converténdose en verdugo de si mesmo e deses outros.

Non creo que mereza a pena edificar a nosa vida nun terreo falso. Hai que apostar forte a veces si, ‘e apuntar ás estrelas’, pero, ‘permitirán elas que lles apuntemos?’

Lois Pereiro, un 13 do 06 de 1995. Era martes.