Desafección e abstención

A quen credes que beneficia a abstención? Iso dependerá do partido ó que acostuma a votar quen deixa de facelo, non? Hoxe sae Anxo Quintana en diversos medios decindo que non ir a votar favorece ó PP. Ben, por que credes que o Sr. Quintana di isto? Eu penso que o fai porque considera que os seus propios votantes  non van acudir a votar o próximo 1 de marzo -polo menos non perdeu o sentido do olfacto-. Quizais se equivoque na forma empregada para motivar a esa masa social, quizais a esa masa social lle de igual que goberne o Sr. Touriño que o Sr. Feijoo e, polo tanto, ameazar a cidadanía co lobo -o PP- como si fosemos “carapuchiñas”… quizais, non sexa o modo máis efectivo. Quen sabe, o mellor unha boa dose de autocrítica, logo de tantos anos sen exercitala, resultaria máis eficaz.

Hoxe pregunteille a Núñez Feijóo, Pérez Touriño e Anxo Quintana pola abstención, causas e solucións.

Quintana asegura que quedar en casa o 1-M é facer o xogo ao PP porque «vai en coalición coa abstención». Hoxe en La voz de Galicia e outro medios.

Non estou dacordo. A abstención é o resultado da desafección política do cidadán e esta, a desafección, é a súa vez o resultado da falla de confianza política que xera toda a clase política, non só o PP, senón tamén –e sobretodo- PSOE e BNG. É inxusto, polo tanto, culpar a un só partido da abstención. Os que non temos pensado votar –inclúome- é por que non cremos en ningún de vostedes.

Porque esa desconfianza? Non hai máis que abrir calquer xornal para ter a resposta: corrupcións, sibaritismo, enchufismo,… ningún partido se libra das acusacións. Mentres tanto, nós, os cidadáns temos que sufrir a actitude indolente dos que gobernan fronte a crise, sufrir o anuncio de medidas irrisorias como a anunciada a finais de novembro polo Sr. Touriño, a contratación de 2000 persoas para a realización de “tarefas medioambientais”… mentres o número de desempregados medra en xaneiro 11.413 persoas en Galiza; ou o famoso “plan E” para crear 300.000 empregos no estado cando só en xaneiro se destruiron preto de 200.000. ¿?

Os anuncios destas medidas, iso si, son feitas de xeito espectacular para convencer, unha vez máis, ó que non sufre o problema directamente pois quen cada día é despedido da súa empresa –centos en Galiza- non poden máis que recibir con desprezo as súas irrisorias propostas.

Grazas a sociedade da información e do coñecemento redúcese o control da información e, polo tanto, do abuso que os partidos políticos viñan facendo da ignorancia da maioría. Agora, calquera de nós, os cidadáns, pode contar abertamente as súas reflexións a toda a sociedade, deixalo escrito aí, nun blog, nun diario, no Factbook,… ata que alguén, máis tarde ou máis cedo, o le. Non nos escoitan vostedes pero si o resto da sociedade.

A perda do control da información por parte das clases dirixentes debería levar a unha maior receptividade das propostas da cidadanía por parte dos partidos políticos, sen embargo, non é así, seguen vostedes tapando os ollos -e os oidos- crendo que seguimos emboubados ante as súas mensaxes a través dos mass media. Están moi trabucados.

Este paréceme un asunto serio, del depende a propia supervivencia do sistema democrático, por iso lles pregunto cales son as súas propostas de cara o futuro para reducir o desleixamento entre a sociedade e a clase política?