A terra prometida

Nunha campaña, con tal de arrabañar votos, os políticos son capaces de prometernos “o habido e por haber”. Hoxe pola maña lía un artigo de Roberto Blanco, A excursión, ou mellor, as excursións, no que decía que “amparado na impunidade que dá o sentirse e proclamarse o partido propio de Galicia, o BNG atrévese a facer cousas ás que ninguén se atreveu en Galicia ata o momento”. Cando escribiu isto seguramente non imaxinaba o que ía pasar pouco despois… Pois poucas horas pasaron ata que me entero que o Alcalde de Xunqueira de Ambía, José Luis Gavilanes Losada (PP), interrompeu unha misa, no día de hoxe, para falarlle ós feligreses alí reunidos sobre os seus proxectos de futuro: a construcción dun novo cemiterio para a Parroquia de Abeleda.

Este acto, que viña sendo anunciado polo párroco de Abeleda, o “padre” Adolfo dos Salesianos de Allariz, dende hai máis dunha semana, incluso durante a misa dominical, estaba previsto que se realizase a saída da misa, pero antes de rematar esta, e sen que ninguén lle dese a palabra, o Sr. José Luis Gavilanes tomouna, para evitar que os alí reunidos se fosen “en paz” como é costume e coa bendición do párroco. As misas en Xunqueira de Ambía remantan cando di o Sr. Alcalde que para iso é o Alcalde. E punto!

A explicación que deu para facer o acto na propia igrexa foi que alí “estase mellor que fora” que seica facía un tempo do demonio, como ven saberán todos vostedes (vendavais, nevaradas e frío polar; todo xunto) e seica cumpría protección divina.

Ofreceu ós filigreses un novo emprazamento, e digo novo porque non é a primeira vez que ofrece ós veciños da parroquia un cemiterio por unhas eleccións (rumoréase pola contorna que “vello non quedará ningún” de aí tanta preocupación); naquel outro lugar non era posible facelo -iso si meteu por alí as súas máquinas para facer crer ós parroquianos que se ía realizar de imediato (isto sucedeu nas pasadas municipais)- e, moito me temo, que neste novo emprazamento tampouco vai ser posible.

Logo marcharon dalí todos contentos -non todos, algúns marcharon indignados-, que era do que se trataba, tan contentos coma uns mozos que acaban de coñecer a nova de que van recibir unha vivenda de protección oficial,  contentos porque axiña poderán dispor das súas vivendas para a eternidade.

Iso si, non houbo bolígrafos, nin chisqueiros,… nin hostias do PP. Hai que agradecerlle a discreción coa que foi levado este acto. Mágoa que non acudira ningún medio a cubrir o evento, foran todos convidados, incluído o xornal La Voz de Galicia.