Ultraminoritarios

A quen primeiro lle vin empregar este termo foi a Anxo Quintana nun documento que non fixo máis que acender a boa parte das bases do nacionalismo galego, nunha interpretación dos resultados electorais un tanto peculiar, na que afirmaba que “si o BNG tivo un erro na apreciación da realidade social do país máis equivocado sería facer caso a sectores ultraminoritarios que non so teñen esa mesma lectura equivocada si non que ofrecen como receita máxica converter ao BNG na representación política da marxinalidade facendo oídos xordos a unha sociedade cunhas clases populares nas antípodas deses posicionamentos políticos e dibuxando un país non só imposible se non tamén non desexable”.

Este argumento é moi semellante ó que están utilizando no PSOE, máis recentemente por Pachi Vázquez, cando afirmou que “o BNG tentou impor as súas ideas a maioría“. Efectivamente, para o PSOE o nacionalismo tamén é un sector ultraminoritario ó que non se lle debe facer moito caso.

O argumentario de Anxo Quintana foi recollido, tal cal, polo Consello Nacional do BNG e aprobado logo da dimisión de todos eles e, seguro, que foi repetido, como dogma de fe, en tódalas asembleas comarcais que se celebraron por toda Galiza nestes derradeiros días. Tanta insistencia faime pensar que todas estas persoas esqueceron cal é a verdadeira función dun partido político; para min a misión dun partido político non é só representar a unha parte da sociedade, máis ou menos ampla, senón tratar de influir na totalidade da sociedade -tamén nos ultraminoritarios-. Para iso hai que convencer, non ser convencidos, e para facelo compre convicción; e dicir, hai que empezar por crelo un mesmo. O nacionalismo é unha minoría social, guste ou non guste, e non debe caer no erro de adaptarse a unha sociedade que non é nin nacionalista nin de esquerdas, co único fin de atopar un abano máis grande de electores. Máis ben ó contrario, debe ter como obxectivo transformar a sociedade e convencela de que as súas propostas son máis beneficiosas para a prosperidade de todos.

Mais, a que ven esa fobia repentina polo que eles denominan ultraminoritarios? Non se referirán a aqueles sectores que levaron a derrota do PP no ano 2005? Pode que si, ten que ser eles… os mesmos que os desaloxaron do poder no 2009. Coido que se refiren con ultraminoritarios a unha parte da sociedade galega que posúe unha gran cultura política, unha sociedade comprometida cos dereitos individuais e colectivos da nación (sociais, medio-ambientais, culturais, productivos, …). A esta xente, de principios rexos e dignidade íntegra, non é doado meterlle os dedos nos ollos.

O curioso deste asunto é que quen trata de convencernos disto son precisamente os Ultraminoritarios do Pobo Galego (daquí en diante UPG), sector ultraminoritario dentro do BNG, e moito máis ultraminoritario na sociedade galega, que conseguiu conformar dentro do grupo nacionalista do Parlamento Galego unha maioría de representantes da UPG. Si non fora porque son eles os que defenden esta teoría, ben podería pensarse que ós ultraminoritarios aqueles dos que din “máis equivocado sería facer[lle] caso” son precisamente a UPG.

Medio Rural e SEAGA discriminan o parque natural do Xurés

Unha das razóns fundamentais para a situación da Base Helitransportada do Xurés (BHX) é o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. O parque natural do Xurés-Gêres é o único parque nacional do lado portugués e o parque natural máis grande da parte de Galiza que, en total, abrangue un territorio de máis de 33.000 hectáreas. Agárdase que no mes de abril o parque sexa declarado Reserva da Biosfera.

Tradicionalmente a Xunta de Galicia destinaba neste enclave helicópteros con capacidade para brigadas amplas (PZL-Swidnik W3 AS “sokol”, con capacidade para once pasaxeiros ou Eurocopter SA 330 J “puma”, para quince pasaxeiros), sen embargo, no ano 2008 SEAGA e Medio Rural destinaron para a zona helicópteros máis pequenos (Dell 407 para seis pasaxeiros ou Eurocopter AS 350 “B3” para cinco pasaxeiros). Isto obrigou tamén a reducir o tamaño das brigadas que quedaron configuradas por un técnico e catro peóns.

Durante o primeiro mes da campaña 2008 na BHX houbo un só emisorista o que obrigou o responsable da base a deixar a un dos peóns realizando esa función (feito que se repetiu no mes de setembro cando un dos emisoristas estivo de baixa) o cal lles creou serios problemas de coordinación na realización de embarque e desembargue, nun periodo, o inicial, donde se debe formar o equipo para a extinción.

Si a falla de emisorista obriga a reducir o equipo nunha unidade, esta situación agrávase cando ademáis se suma a baixa dalgún dos peóns, o cal é algo habitual. O grave deste asunto é o feito de que SEAGA nunca suplía as baixas con outras persoas e deixaba o equipo de extinción en mínimos (dunha ocasión o helicóptero partiu da base cara un indendio con un técnico e un peón), pondo en risco a integridade dos membros da brigada ó serén menos integrantes do debido e, por suposto, reducindo as posibilidades de éxito contra o lume. Afortunadamente choveu máis do que se esperaba.

No ano 2009 os responsables de SEAGA e Medio Rural xa poden rezar ós deuses para que chova pois parece ser que se vai seguir a mesma política que a o ano pasado. Non sei como estarán as demáis bases, pero na BHX, na que comezaron a precampaña o pasado día 5 de marzo, fixéronno sen ningún emisorista. Así as brigadas, formadas por catro peóns e un técnico, terán que empezar a traballar sen un dos seus membros que se fará cargo da emisora. Pregúntome si lles importa algo ós responsables de SEAGA e Medio Rural o Parque Natural do Xurés ou os propios traballadores que forman os equipos de extinción.

Deixade que decidamos nós

Segundo publica hoxe o diario El Pais Anxo Quintana está disposto a celebrar unha Asemblea Nacional Extraordinaria para o mes de Abril ante o alzamento continuo de voces proferidos dende as bases do nacionalismo galego, unha Asemblea a que poidan asistir tódolos militantes do BNG. Na mesma nova sinálase que o portavoz nacional pretende configurar unha lista única para a nova executiva na que non figure ningún dos líderes das distintas correntes do BNG. Isto si que é difícil de asumir, vale que non esté el e F. Rodríguez, responsables da desfeita electoral pero, que razóns obxectivas existen para excluir ós responsables de outras correntes e partidos políticos? Ningunha. O único que buscan quinigás é upegás é debilitar a capacidade de arrastre que xera o líder do Encontro Irmandiño, Xosé Manuel Beiras.

Primeiro trataron de controlar  as Asembleas Nacionais mediante o filtrado das Asembleas comarcais e, agora, o que pretenden é que non poidamos elixir libremente a quen nos pareza. O Sr. Quintana e o Sr. Rodríguez son moi libres de autoexcluirse de calquer lista –mádia leva!-, pero non teñen autoridade moral algúnha para sacar desas listas a terceiros, menos a persoas que non teñen responsabilidade algúnha da situación actual do nacionalismo galego. Na vindeira Asemblea deben ser os afiliados os que decidan o futuro do BNG non os dirixentes. Eles xa o fixeron nos últimos anos… así nos foi!

Os orzamentos participativos en Ourense

O exemplo de Porto Alegre

Unha das experiencias máis destacadas de participación cidadá nunha gran cidade, e sen dúbida a máis citada, é a dos orzamentos participativos de Porto Alegre, sendo considerado pola ONU como unha das corenta mellores prácticas de xestión urbán do mundo. Este orzamento participativo púxose en marcha no ano 1989, coa chegada a Alcaldía de Tarzo Genro, do Partido dos Traballadores, na actualidade Ministro de Xustiza do Brasil, e trátase dun proceso que dura prácticamente todo o ano (só non se traballa nel os meses de xaneiro e febreiro). Hai dezaseis distritos que ten asembleas que se ocupan dos temas locais e, ademáis, hai cinco temas transversais: circulación e transportes, desenrolo económico e fiscalidade, organización da cidade e desenrolo urbán, saúde e asistencia social, e educación,  cultura e ocio para o que as asembleas específicas convocan a tódolos residentes da cidade. Os gastos da cidade clasificanse en tres grandes grupos: a) gastos relativos ó funcionariado, b) servicios públicos, e c) inversións en obras e equipos; a cidadanía decide, sobre todo, no terceiro grupo de gastos.

Nas asembleas, que comezan en marzo discútense e vótanse as prioridades orzamentarias e elíxense uns delegados anuais que elaborarán a proposta orzamentaria que emana das asembleas. Esta proposta, apoiada pola cidadanía nas asembleas, só eventualmente recibe algunha enmenda parcial por parte do consello municipal, o órgano habilitado para aprobar o orzamento participativo antes do 30 de novembro.

O caso de Ourense

Pode dicirse que a repercusión en Ourense da participación cidadá é directamente proporcional a cuota reservada polo Concello para éste departamento: apenas o 0,4% do orzamento. Ninguén sabe que é nin para que serve. Mentres, na cidade brasileira a porcentaxe de inversión do orzamento foi crecendo en cada exercicio: 10% (1990), 16,3% (1991) 17% (1992),…

A diferencia de Porto Alegre (unha cidade que multiplica por 10 o número de habitantes da de Ourense), aquí non son os cidadáns os que deciden as prioridades temáticas para a distribución das inversións municipais, senón que será ó revés: é o Concello quen decide que parte dos orzamentos se asignan a área de participación cidadá, anulando por completo a capacidade da cidadanía para deseñar a cidade que queren para o futuro. Non decidimos en infraestructuras, nin en impostos, nin en festexos, nin servizos sociais,… a cantidade asignada apenas dá para ir tapando uns cantos buracos.

Actualmente entre os membros do Concello de Ourense estase discutindo si a cantidade reservada para o orzamento participativo de 2009, aprobado no orzamento de 2009 hai uns días polo pleno, é suficiente cando, de facer unha verdadeira política participativa, estaríamos comezando, neste més a elaborar os orzamentos do 2010.

A cidade de Porto Alegre, ó igual que na actualidade Ourense, estaba gobernada por dous partidos (o Partido dos Traballadores e o Frente Popular). Estes, lonxe de facer un reparto de poder entre eles, optaron por compartilo cos cidadáns. Deixaron que eles tomasen as grandes decisións que afectaban a vida cotiá da cidadanía co cal esas decisións, colectivamente artelladas, acabarían dotadas de máxima lexitimidade e os precursores, os partidos no goberno, viron fortalecido o seu dominio sociopolítico.

Esa é a liña que deberían seguir o Concello de Ourene e os demais concellos gobernados na actualidade por PSOE e BNG. Deberían deixarse de liortas e por en marcha unha verdadeira democracia participativa, na que os partidos políticos se limiten a asesorar obxectivamente ós cidadáns reunidos en asembleas e, posteriormente,  facer pequenas correccións (formais, non de fondo) as decisións adoptadas por eles. Finalmente, dende o goberno, execútase o orzamento aprobado.

Ninguén por riba de nós

Sería unha tarefa larga atopar tódalas causas que fixeron posible a derrota do bipartido nas pasadas eleccións ó Parlamento de Galiza. Unha desas razóns podería ser a mesma “mentalidade xusticeira e antiseñorial” da sociedade galega a que fai referencia Carlos Barros ó referirse ó auxe do movemento irmandiño.

A sociedade galega, farta de ser asoballada, mobilizouse polo cambio en 2005, sendo os movementos sociais os grandes precursores do cambio de goberno. O bipartito, nestes anos de goberno demostrou non entender nada do que os galegos votaron naquel momento. Cando Galiza berraba na rúa NUNCA MÁIS non se refería só os petroleiros, senón tamén ós políticos deshonestos, autocráticos, sectarios,… referíase, como non, ó caciquismo e ó nepotismo. E non berraban só contra o poder político, senón tamén contra o poder económico e mediático: un porque expolia os nosos recursos e destrúe a nosa paisaxe; o outro porque garda silencio, no mellor dos casos.

Cando Galiza botou ó PP das institucións quería botar tamén esa economía invasora e destructora, sen embargo, o bipartito non fixo outra cousa fornecer ese poder económico para gañarse o seu favor. Galiza votou por uns medios públicos e plurais, farta da manipulación informativa da RTVG da era Fraga e dos distintos medios privados do país, todos inclinados cara o mesmo lado. Do dito o feito… a radio e televisión públicas foron postas ó servizo dos partidos do goberno, especialmente do PSOE e Touriño, mentres se tratou de acadar “apoio mediático” das cabeceiras traicionais de Galiza. Foi así como, a costa do bipartito, o poder económico e mediatico da dereita chegou vivo ata as eleccións galegas de 2009 e, posuindo estes poderes, como ben diría Ignacio Ramonet, “facerse co poder político non é máis que un simple trámite”.

Tampouco foron as campañas suxas as responsables da desfeita, non foi a crise económica, non foi a españolización dos comicios, non foi pola traición da sociedade,… foi por non cumplir o prometido, foi por favorecer “os de sempre” e pola súa traición, foi pola transformación dos responsables políticos e pola non transformación de Galiza, por transformárense en seres egocéntricos e abandonaren o altruismo, por voltar o nepotismo e clientelismo, por narcisitas, primando a súa imaxe persoal sobre a das súas formacións políticas, por recorrer ó populismo e minimizar a ideoloxía, unha ideoloxía de esquerdas que defende, coma ningunha outra, a igualdade entre cidadáns.

Estes responsables políticos unha vez que ocuparon os seus cargos de “poder” esqueceron esa igualdade, puxerónse por riba dos cidadáns e incluso dos seus propios compañeiros de partido. Perderon a noción da realidade e adicábanse a “autoconvencerse” de que todo ía ben. Os que estábamos aquí, cos pes na terra, sabíamos que non era sí e, coma irmandiños na loita berrámoslle, alto e claro: ninguén por riba de nos!

Oiron?

Vai chover!

Nunha sociedade existen certas normas que ten a característica remarcable de pasar desapercibidas, incluso para quen as cumple. Son as normas implícitas. Polo xeral non sabemos que son normas e, por descontado, non están escritas en ningunha parte.

Un exemplo deste tipo de normas son as que regulan as accións das persoas nun ascensor, ainda que as mesmas normas ben poderían servir para regular a convivencia que algúns queren para o seu partido político.

Algunhas normas implícitas son xerais de tódolos ascensores e outras son específicas segundo o ascensor sexa dunha vivenda ou dun edificio de oficinas, si se encontra nunha cidade grande ou nun pobo pequeno, etc. Do mesmo xeito, o comportamento político dunha persoa non vai selo mesmo segundo se atope nunha reunión de amigos, nunha Asemblea Local, Comarcal ou Nacional. Nos ascensores o silencio é a norma principal. Nunha Asemblea, a diferencia da reunión de amigos, tamén é desexable estar calado, ainda que esta norma pode chocar con outra que promova a comunicación entre persoas. Cando isto pasa, por exemplo, nos momentos previos a celebración, a norma que sucede á do silencio é a de falar dun tema máis neutro e con menos implicacións persoais e políticas posibles, é dicir, do tempo que fai. Si se manten o silencio, encontramos tamén outras normas como, por exemplo, non mirar directamente ás outras persoas, evitando, sobre todo, o contacto ocular e, en todo caso, mirar ás paredes as luces, o espello (non demasiado para que os demais non pensen que somos uns presumidos ou que os asexamos mediante o espello) ou porse a ler calquer cousa, coma nun ascensor, cando lemos por millonésima vez as instruccións de uso e as limitacións de persoas e peso. Si é posible, hai que deixar o máximo espacio posible entre persoas e evitar calquer contacto físico entre desconocidos; si esto non é posible, hai que expresar de forma clara, ainda que non verbalmente, a incomodidade que nos provoca tal situación. O importante nun ascensor, como nunha reunión dun partido político, é non incomodar a ninguén, especialmente, neste último caso, a quen ten algunha responsabilidade política. Sería o mesmo que irlle “tocando as pelotas” ó técnico do ascensor. Claro que,… un partido político non é un ascensor.

Falamos do tempo?

O BNG é dos militantes e non dos burócratas que se aferran á poltrona

Dimisión XA de tódolos membros da Executiva Nacional e se convocatoria dunha Asemblea Nacional Ordinaria para toda a militancia, unha Asemblea que “non pode ser organizada e, polo tanto, controlada polo mesmo aparato vertical de poder que provocou a catástrofe que estamos vivindo. Sería un fraude a militancia”.