Ultraminoritarios

A quen primeiro lle vin empregar este termo foi a Anxo Quintana nun documento que non fixo máis que acender a boa parte das bases do nacionalismo galego, nunha interpretación dos resultados electorais un tanto peculiar, na que afirmaba que “si o BNG tivo un erro na apreciación da realidade social do país máis equivocado sería facer caso a sectores ultraminoritarios que non so teñen esa mesma lectura equivocada si non que ofrecen como receita máxica converter ao BNG na representación política da marxinalidade facendo oídos xordos a unha sociedade cunhas clases populares nas antípodas deses posicionamentos políticos e dibuxando un país non só imposible se non tamén non desexable”.

Este argumento é moi semellante ó que están utilizando no PSOE, máis recentemente por Pachi Vázquez, cando afirmou que “o BNG tentou impor as súas ideas a maioría“. Efectivamente, para o PSOE o nacionalismo tamén é un sector ultraminoritario ó que non se lle debe facer moito caso.

O argumentario de Anxo Quintana foi recollido, tal cal, polo Consello Nacional do BNG e aprobado logo da dimisión de todos eles e, seguro, que foi repetido, como dogma de fe, en tódalas asembleas comarcais que se celebraron por toda Galiza nestes derradeiros días. Tanta insistencia faime pensar que todas estas persoas esqueceron cal é a verdadeira función dun partido político; para min a misión dun partido político non é só representar a unha parte da sociedade, máis ou menos ampla, senón tratar de influir na totalidade da sociedade -tamén nos ultraminoritarios-. Para iso hai que convencer, non ser convencidos, e para facelo compre convicción; e dicir, hai que empezar por crelo un mesmo. O nacionalismo é unha minoría social, guste ou non guste, e non debe caer no erro de adaptarse a unha sociedade que non é nin nacionalista nin de esquerdas, co único fin de atopar un abano máis grande de electores. Máis ben ó contrario, debe ter como obxectivo transformar a sociedade e convencela de que as súas propostas son máis beneficiosas para a prosperidade de todos.

Mais, a que ven esa fobia repentina polo que eles denominan ultraminoritarios? Non se referirán a aqueles sectores que levaron a derrota do PP no ano 2005? Pode que si, ten que ser eles… os mesmos que os desaloxaron do poder no 2009. Coido que se refiren con ultraminoritarios a unha parte da sociedade galega que posúe unha gran cultura política, unha sociedade comprometida cos dereitos individuais e colectivos da nación (sociais, medio-ambientais, culturais, productivos, …). A esta xente, de principios rexos e dignidade íntegra, non é doado meterlle os dedos nos ollos.

O curioso deste asunto é que quen trata de convencernos disto son precisamente os Ultraminoritarios do Pobo Galego (daquí en diante UPG), sector ultraminoritario dentro do BNG, e moito máis ultraminoritario na sociedade galega, que conseguiu conformar dentro do grupo nacionalista do Parlamento Galego unha maioría de representantes da UPG. Si non fora porque son eles os que defenden esta teoría, ben podería pensarse que ós ultraminoritarios aqueles dos que din “máis equivocado sería facer[lle] caso” son precisamente a UPG.

1 comentario en “Ultraminoritarios”

Os comentarios están pechados.