O límite da indignación

“En opinión de Bebchuk and Fried o único factor que constrinxe as retribucións dos executivos é o denominado “límite da indignación”, isto é, a preocupación ante o feito de que o pago de emolumentos excesivos aos executivos poida provocar unha airada reacción por parte de quen, no caso contrario, se amosarían habitualmente aquiescentes, a saber, accionistas, traballadores, políticos ou opinión pública en xeral”

Paul Krugman, Despois de Bush, 2008

Non sei si será o límite da indignación quen empuxa a baixa os salarios dos executivos dos USA; o que si teño claro é que tales límites ou ben non existen en política ou ben aínda non o acadamos, isto é, que a cousa debería ir a peor para que a cidadanía se indignase coa caste política.

Temos na actualidade máis “políticos profesionais” que nunca, que seica se poñen soldos en aras de demostrar transparencia do que sacan das nosas arcas públicas en contra do que fan os “políticos aficionados” que seica rouban a mans cheas.

Os políticos son, como os directivos das grandes compañías, os únicos privilexiados deste reino mortal que poden permitirse poñer o soldo que queiran, a conta de todos nós, e dicirnos que iso non é roubar, senón o cobro por unha prestación de servizos á que ninguén, por certo, os obriga. E quedámonos todos tan contentes, e xustificámolos, e dicimos: “polo menos este non nos rouba”.

Rebélome contra estes argumentos: róubannos a cara descuberta -e probablemente, tamén as agochadas-. Ser representante dun Concello é algo que unha persoa debe facer de xeito altruísta polo beneficio da comunidade a que pertence e non polo interese particular, propio e/ou duns poucos.

Fai catro anos a oposición na cidade de Ourense denunciaba escandalizada que o Alcalde da nosa cidade era un dos mellor pagados do Estado; un ano despois, non só o Alcalde entrante se poñía o mesmo soldo que o saínte senón tamén o Tenente-alcalde. Pasamos de ter un dos Alcaldes mellor pagados do Estado a ter dous. Amais beneficianse da adicación exclusiva todas as concelleiras e concelleiros do goberno da cidade (en total os catorce concelleir@s elect@s máis unha non electa, a “alcaldesa” de Entrimo). Tanto profesional non foi abondo, pois estes non teñen a obriga de ter coñecementos propios das súas competencias, de xeito que a estes dirixentes “non cualificados” permíteselles contratar “a dedo” a persoal cualificado da súa confianza para que os asesoren no seu quefacer diario.

Mentres tanto na nosa cidade -e en moitas outras onde se estendeu esta praga que mistura profesionais non cualificados e cualificados ben relacionados- as taxas de desemprego seguen crecendo sen que a cidadanía se indigne. Ata cando!?