O maleficio

O maleficio ao que me vou referir nada ten que ver co “dano causado pola arte dos feiticeiros” senón ao dano que certas persoas, sobre todo quen ten algunha responsabilidade, provocan facendo que “aparentemente, uns ganen e outros perdan” aínda que ao final ninguén saía beneficiado. Seguramente ao ler isto a todos se nos veñen a cabeza ducias de nomes. A min, agora, venme un,…

Venme a cabeza esta reflexión logo de ler “O beneficio” de Alex Rovira e Georges Escribano (velaquí o primeiro capítulo) onde, a xeito de novela, fan unha análise psicosocioecómica dunha entidade enferma. Déuseme por ler este libro logo de ver unha entrevista en CNN+ do primeiro dos autores con Antonio San José no espazo “Cara a Cara”, cando, facendo zapping na madrugada do venres o entrevistador cita a frase coa que se abre o libro:

“Trata a un ser humano como é,
e seguirá sendo o que é.
Trátao como pode chegar a ser,
e converterase no que está chamado a ser.”

Blaise Pascal

A quen nos entusiasma o “Desenvolvemento de Persoas” e rexeitamos abertamente a expresión “Recursos Humanos”, por ser despectiva para a propia raza, en canto que as persoas somos algo máis que un recurso para as empresas e outras organizacións, frases como a de B. Pascal engánchannos. Así que o venres pola tarde compreime este libro; logo de lelo, por suposto, recoméndoo (especialmente a calquera persoa que teña a responsabilidade de dirixir un grupo).

Son dos que subliña moito os libros e logo lle da voltas a todo, neste as páxinas en amarelo fluorescente case superan as que quedan sen colorear, tal é o interese que produciu en min a súa lectura. Entre todas as ensinanzas, quédome esta:

“… a calidade só se pode construír dende a conciencia.

Sen conciencia, dixo, non pode haber comprensión; sen comprensión non hai respecto; sen respecto non pode haber confianza e sen esta non é posible o compromiso. E por suposto, sen compromiso non é posible a calidade‘”.

Falan os autores de confianza. Que é a confianza? Alex Rovira explícao mellor ca min, ver vídeo, mais quédome con algo que é fundamental para ter confianza en alguén: a integridade (ou conciencia). “Confiamos nas persoas que son íntegras. Que é a integridade? Predicar co exemplo e cumprir o que se promete”.

Hoxe díxenlle ao concelleiro do BNG en Xunqueira de Ambía, José Luís Quintas Coello, que non confiaba nel. Porqué? Por que non é un ser íntegro. Porque? Por que non predica co exemplo, por que non cumpre o que promete e un cento de razóns máis. A súa resposta: “eres bobo!”. Por se non oíra ben, repetiumo. Esa é súa ética, a súa coherencia.

Este feito non me sorprendeu en absoluto, nin a min nin a ducia de persoas que había nese intre nun bar de Xunqueira. A eles menos ca min. Están afeitos ás súas predicas, broncas e insultos. Iso é ao que se adica cada día en tódolos bares, rúas e prazas da vila, dende a súa atalaia de “concelleiro do BNG”, pois seica “o título” este fai que as persoas coma el, con escasa formación, se atrevan, para vencer os seus complexos, a dar leccións e insultar a outros con menos, semellantes ou moitos máis coñecementos ca el. Adafeito. “O titulo” non leva implementada a razón nin a intelixencia, vello amigo. Ti es a proba do que digo mais, desgraciadamente para o nacionalismo galego, non a única.

O BNG é unha organización enferma e ti es o vivo exemplo de maleficio; un virus que, aparentemente semella unha cousa, que pode facerlle crer a alguén (eu o primeiro bobo!) que vai conseguir algo contigo, apoiándote, para que outros perderan ese poder que ti -ilusamente- ambicionas. Pero ao final ninguén gaña nada. Xunqueira, contigo, non gañou nada (a vista está). O BNG, contigo, non gañou nin gañará nada. Ao revés.

Existe un principio ético que obriga a quen usa -parcialmente- a obra de outro autor, a citalo. É un xeito de non apropiarse dunha obra que non lle corresponde. Chámase a este principio: referenciar. Outros dirán que é un envoltorio para desenvolver artigos mediocres, unha forma de disfrazar a verdade ou manipulala,… Persoalmente non me considero en posesión da verdade e o que crea e manifeste estalo (por exemplo, cando alguén di “mentes”, “faltas a verdade”, “fas demagoxia” …), non fará máis que exhibir a súa ignorancia e arrogancia, característica esta última, que limita o crecemento e evolución persoal.