Que ocorre coa formación ocupacional e continua en Galiza?

Levo pouco máis de seis meses parados e acabo de comezar o terceiro curso de formación ocupacional (fixen “Introdución a Sistemas Operativos baseados en Software Libre, CNU/Linux”, “Introdución a Metodoloxía Didáctica” e agora o de “Formador Ocupacional”) compatibilizando con outros estudos. Elixín estes cursos porque me parecen especialmente útiles no desenvolvemento das nosas empresas, isto é, a implantación de software libre (que non gratis, que diría un amigo) nas empresas ao resultar máis económico e a capacitación dos traballadores, co gallo de que estes se adapten aos avances tecnolóxicos, adquiran novos hábitos, competencias,… coa consecuente mellora da produtividade, cuxos beneficiarios son tanto o empresario como o traballador.

Expliquei porque elixín eu estes cursos, agora porque o departamento de formación da Xunta decide que se impartan eses cursos? Suponse que é pola demanda de  profesionais coas cualificacións que se deben adquirir nestes cursos, sen embargo, trala súa finalización non hai tal demanda destes profesionais. Xamais coñecín un caso dunha empresa que se dirixise aos centros formadores na busca destes profesionais (seguramente eles vos dirán o contrario) e moito menos, na miña vida, a formación ocupacional ou continua foi un factor determinante na miña contratación. Esa formación, financiada por fondos europeos, coa que dende Europa agardan a nosa converxencia, parece máis ben estar destinada a manter unha ‘elite’ de formadores profesionais ou empresas privadas que reciben esta encomenda e se dedican en gran parte a estas tarefas. Estes son os beneficiarios indirectos.

Aos beneficiarios directos, as asociacións, especialmente de empresarios, academias, concellos,… e outros centros FPO, non se lles mide o éxito do curso pola ocupación final do traballador desempregado, que para iso se fan estas accións formativas, non para ir logo a darlle forma ao sofá, como debería ser, senón pola satisfacción do traballador polos coñecementos adquiridos. Iso está ben, pero de que vale un alumno satisfeito si ninguén demanda os seus servizos.

O terceiro responsable deste dilapidamento de fondos públicos é o sector empresarial. Pois estes cursos, destinados a formar cos impostos de todos a traballadores para o seu propio beneficio, para a mellora da competitividade e a produtividade das súas empresas, estes optan por contratar a outras persoas seguindo criterios moi diferentes aos de capacitación para o posto de traballo.

Hoxe puidemos ter un debate sobre este asunto que axudou a confirmar en parte as miñas sospeitas. A formación continua é un fraude. As empresas que organizan cursos a distancia para traballadores pouco máis fan que pasar a factura ao final. Non existe un proceso de ensinanza (a valoración da aprendizaxe basease no tempo conectado do alumno a web, aínda que mentres está conectado estea pasando o ferro) nin unha avaliación con garantías (test virtuais que se poden facer unha e outra vez ate acertar todas,… e iso cando dende o propio centro formador non che realizan a proba).

Quen gaña con este fraude? Un traballador mal formado non adquire novas competencias e polo tanto non vai aportar nada novo a súa empresa. Parece que ao traballador non lle importa, ao mellor cre que xa sabe suficiente, pero, e ao empresario? Non quere que súa empresa sexa máis competitiva? Non quere ter uns traballadores máis produtivos?

Cústame entender esta complicidade maliciosa entre empresarios e traballadores, un caso insólito no mundo empresarial, cuxo resultado podemos ver na economía galega: desaparición sos seus sectores produtivos tradicionais, deslocalización de empresas a países máis competitivos, falla de emprendemento, desenvolvemento e innovación das empresas galegas, … que aumentan de xeito exponencial os efectos da invasión de empresas foráneas, estas si con cadros de persoal máis cualificados, equilibrados e estruturados.

Tal e como funcionan as políticas de emprego en Galiza, incluída a formación dos profesionais, competir neste mundo global é imposible.

Iso, haberá quen nos siga véndeno a idea de que é posible ser compettiivos sen investir no desenvolvemento das persoas da empresa, respectando os dereitos dos traballadores, dos consumidores, de medio ambiente, etc. Farano dende as súas luxosas sedes, amplas, luminosas, con moito arborado,… mentred nun recuncho do mundo producen os seus produtos (China) e noutro levan todo o lixo que os seus produtos deixan (Ghana) unha vez esgotados, fabricados cada vez cun cliclo de utlización máis baixo.

Ghana, Vertedeiro Global