A formación segue a ser un bo negocio para os empresarios do sector malia crise reinante. A clave está na habilidade que teñen para acceder a recursos públicos nos que basean tódalas súas expectativas. Unha outra clave: aproveitarse de alumnos (usuarios) e docentes (traballadores). Un clásico do capitalismo moderno.
29 de abril de 2011. Celébranse as Xornadas de Inserción e Formación Ocupacional en Ourense no marco do Proxecto Auria Inserta. Un dos poñentes daquela tarde, José Jaime López Cossío, Director de Laudantis, trata de convencer a audiencia da estraña relación entre a mala formación das persoas e o desemprego. Resume a súa intervención dicindo que “a mellor formación máis ingresos”. Veremos que non é de todo certo, pero non fai falla ser un lumbreras para realizar semellante afirmación; moito menos pagarlle para que o diga. A mala formación das persoas débese fundamentalmente a mediocre formación dos centros que a ofertan.
Interveño na quenda de preguntas e poño en dúbida canto dixo ao non ter en conta nos datos ofrecidos a relación entre formación dos e das empresarias e a evolución das nosas empresas, como si a transformación do mercado de traballo dependese en exclusiva da boa ou mala formación dos empregados, sen exixencia algunha a quen os contrata. Non só considero que a clase empresarial teñen moito que ver neste desaxuste senón que os responsabilizo a eles e elas da deriva económica actual, en canto a formación se refire, formación que está encamiñada a un único obxectivo: facer caixa conta de fondos europeos destinados a tal fin, non en fornecer as capacidades das persoas.
O Señor Cossío, molesto coa miña pregunta, di que a súa intervención non vai dirixida a empresarios senón a buscadores de emprego e interpela a sala: “si hai algún empresario presente, que levante a man”. Algunha levantouse. Moitas menos das que realmente había. Xusto diante miña tiña ao Sr. Francisco Novoa, dono de Academia Postal, empresario e fillo predilecto de Maceda. Non sabía onde meter as súas mans, seguramente naquel intre desexaría ser manco -abofé que si-, pero as mans non as levantou. Avergoñábase acaso de ser empresario? Quizais o que lle producía vergoña e ser empresario do xeito en que o é, a clase de empresarios que soamente perden a vergoña na intimidade dos corredoiros das administracións públicas, alí onde asexan na procura de axudas e concesións públicas para a súa empresa. Ese xesto confirmoume moitos dos rumores que circulan pola cidade de Ourense, especialmente no ámbito formativo. Un segredo a voces que, polo visto, só descoñecen nos cuarteis da postal. Ese xesto, ou a ausencia do mesmo, é o ademán manido e sintomático do bo cacique que leva acochado. Estar presente ao tempo que ausente. Presente para dar validez a unha acto a un tempo irrelevante e custoso. Ausente para non restar protagonismo aos convocantes do acto. Son desas actuacións que perseguen reforzar seu propio sector e por engadido seu propio negocio.
Que dí o ruxe-ruxe… O noso refraneiro di que o que cala outorga, que hai silencios que matan,… moito se ten dito e escrito sobre os significados do silencio na nosa sabedoría popular. A veces os silencios rachan e con el a realidade. Este mesmo ano escoitei varias veces unha mesma afirmación da boca de diferentes persoas: “o dono de Academia Postal obriga aos Formadores Ocupacionais a devolver parte dos cartos que lle abona polos servizos prestados, baixo ameaza de que, de non facelo, non traballarán máis para eles”. Como eu nunca me vira en tal situación, pois non traballei para eles (afortunadamente), non daba creto. Pero cando se escoita unha e outra vez a mesma cantilena… xa saben, “cando o río sona é que auga leva”.
Para alguén pertencente ao ramo da formación de persoas é indignante coñecer que alguén realiza semellantes prácticas mafiosas, máxime cando é unha Orde, unha norma, a que determina canto debe cobrar un docente de Formación Ocupacional; como tamén se establece na Orde o espazo dunha aula, os recursos a disposición dos alumnos,…. Todo iso son requisitos que nunca se cumprenumpre. Sen embargo, para quen busca (buscamos) emprego, moitas veces, non queda outra que apandar. Para quen, coma min, pouco lle debe a semellante personaxe e pouco agarda del e dos que son coma el (ver CEO, outro bo exemplo de dilapidamento de recursos públicos) non ocultamos o que nos parecen esas prácticas. O cualificativo bule na miña cabeza e seguramente tamén na súa que está a ler isto. Si, xa, iso mesmo. Quen lle quita a outro o que lle pertence, quen se apodera do que non é seu, por moitas voltas que se lle dea, con ou sen sentencia condenatoria, iso é ratear. Alguén pode pensar, “si o fillo predilecto de Maceda é así, como serán os demais?” Erra ao pensar así. A verdadeira interrogante que debe formularse toda persoa é a seguinte, “si o fillo predilecto de Maceda é así, como será quen lle outorgou semellante distinción?”. De tódolos xeitos que cada quen se pregunte o que queira… a maioría, ben sei, calará e agardará pola súa oportunidade… de coller cacho. Cando presentei a reclamación que se pode ver máis abaixo dixéronme que a Academia Postal non tiña por norma devolver cartos aos alumnos descontentes, polo tanto que nada me ían voltar. Normas!?
Respondín con outra interrogante: E logo, acaso teñen por norma esixir a devolución de cartos aos seus docentes? Fíxose o silencio. Cada quen pon as normas que lle peta, legais ou non. Todo depende da situación que ocupes respecto aos demais. Eu tamén teño miñas propias normas, entre elas non permitir que ninguén me tome o pelo e/ou me roube un can; cando iso acontece, pido contas. Entre as normas da postal tampouco están a promoción do galego, por máis que loara nese senso o alcalde caciquintanista de Maceda cando o nomeu fillo predilecto da vila (todos saben que se trataba dunha manobra para evitar que este “suposto socialista” se presentase a alcalde polo PP da man de Feijóo, cousa que na comarca os díxome-díxome daban por feito). Tampouco ten por norma competir no mercado do ensino en igualdade de condicións. El utiliza unha pseudoasociación para ter uns empregados (orientadores) remunerados con fondos públicos para dar clases, amais de utilizar esa suposta “orientación” para acceder a unha base de datos de buscadores de emprego desempregados para recrutar candidatos a opositar para a administración pública. Recoñezo que eu son un dos que caeu na súa trampa. Perante unha situación así soamente queda reporse. De aí a miña reclamación. Por escrito porque así ma pediron. O que non recibín logo, nin por escrito nin doutro xeito, foi unha resposta, moito menos unha desculpa. Si o ingreso de canto lles reclamaba. Significa o feito de que me devolvesen os cartos que lles reclamaba que canto afirmo é certo? Non. Nin o contrario. Cada quen pode pensar o que lle pareza.
Actualización: “A mellor formación, máis emprego e mellor soldo” – Diario El Público, 14 de setembro de 2011. Que este páis teña unhas taxas de desemprego máis elevadas da UE e uns soldos moi por debaixo da media do seu contorno (media á que contribúe baixándoa), é unha proba de que a educación e a formación foi e é mediocre.