O MpB acusa o BNG de ‘entrega ao capital’

O grupo que busca unha escisión dentro do Bloque presentará listas alternativas na CIG. Ademais, arremete contra o BNG pola suposta tentativa de control do Sindicato Labrego Galego.

O sector do Movemento pola Base (MpB) que aposta por unha escisión do Bloque ataca agora o suposto control por parte do BNG da CIG e do Sindicato Labrego Galego. Detrás agóchase a liorta interna no MpB, entre o sector que publica o comunicado –que é o mesmo que deu unha rolda de prensa na que participaron Fermín Paz, Miguel Anxo Abraira, Zélia Garcia e Roi Ribeira– e o sector que aposta por permanecer no Bloque, ao que pertencen dirixentes da CIG e doutros colectivos como, entre outros, Manuel Mera, Uxío-Breogán Diéguez, Xosé Emilio Vicente, Breixo Lousada, Noa Presas, Francisco Pichel e Fidel Diéguez.

Así, este sector do MpB denuncia “contradicións na CIG entre quen a percibe coma unha ferramenta máis ao servizo do BNG, ao servizo da chegada ao ‘poder institucional’, e os que cremos que debe ser a Central Sindical un proxecto de transformación Social e Nacional con voz propia e estratexias propias”. Por iso aposta por un cambio de rumbo no sindicato baseado, entre outros puntos, na independencia sindical, un sindicalismo combativo e descentralizado.

máis en A Nosa Terra