A Política de Emprego (II)

A verdade é que este tema daría para falar toda a campaña pois, dende a Xunta de Galiza, véñense cometendo verdadeiras atrocidades dende tempos inmemoriais -refírome a miña memoria-. Sobre as políticas externalizadoras da Xunta de Galicia tamén falara neste blog con anterioridade e, si entón me preocupaba, porque non planarllo agora ós candidatos?

A pregunta de hoxe entronca coa de onte. Nos derradeiros anos -non só os catro últimos, senón moitos máis- a externalización dos servizos públicos é unha constante. Xustifícanna uns dicindo que a empresa privada xestiona moito mellor (isto, nos tempos que corren, pode catalogarse xa como un mito) e outros en aras de crear unha administración máis moderna. Non é así, no fondo o que procuran, uns e outros, e ceibarse dos réxeos controis que establece a lexislación para a provisión de emprego, tanto que algúns políticos non dubidan en manifestalo abertamente… “na Xunta os sindicatos tennos moi controlados”. E máis que deberían…

As consecuencias destas políticas acaban derivando sempre na perda de dereitos por parte dos traballadores, entre outras cousas pola falla de presión sindical, o tratarse xeralmente de empresas de nova creación, pequenas empresas, pola súa dispersión,… que impiden que os traballadores que realizan o mesmo servizo fagan causa común. Isto tradúcese finalmente en menores salarios, menor estabilidade laboral, mobbing, etc.; a calidade do servizo redúcese pola confusión ou superposición no seu desempeño; e, por suposto, sae moito máis caro para a administración, que ten que pagar as novas administracións das empresas e, cando se trata de empresas privadas, o beneficio. Así é, os beneficios das empresas privadas costéannos os administrados a base de máis impostos e/ou peor servizo.

Un caso real e actual é SEAGA, unha vez máis: os traballadores desta empresa gañan menos que os da Xunta que realizan a mesma labor, non adquiren dereitos para participar en procesos selectivos da Xunta, non crea emprego estable (tivo máis de 2.400 traballadores en 2008; só creou 6 prazas fixas en tres anos; e prevé crear 2 para 2009)… iso sí, permitelle a quen a dirixe colocar a quen lle pete, xa que nin hai comité de empresa, nin presión social, nin nada. Ademáis subcontrata traballos a empresas privadas “amigas” do rural, empresas que abusan moito máis da precariedade laboral (algún “premio AGADER” chegou a dar de baixa ós seus traballadores as fins de semana, non lles pagaba os días que pola choiva non podían facer a súa labor, e, moitas veces, nin os traballados).

Díganme, cal vai ser a súa política o respcto para a vindeira lexislatura? Van seguila tendencia externalizadora?

É unha mágoa que dende os partidos se premien as persoas que fan tanto dano o colectivo de traballadores (e refírome dun xeito especial ós premios AGADER e os “premios SEAGA”), pois estas persoas deberían ser perseguidas e depuradas de toda formación política, indepenentemente da súa orientación política, pero de xeito especial nas formacións de esquerdas.